29 octubre 2009

Como cada jueves, completa referencia en MORRAZO-TRIBUNA del Consello de la Xunta de Galicia




REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR NO PAZO DE RAXOI
O DÍA 29 DE OUTUBRO DE 2009,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO




LEIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

§  Lei pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o fondo de compensación ambiental


DECRETOS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

§  Decreto polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada AC-556 (Narón-Campo do Hospital), punto quilométrico 12+020 ao 13+050, a favor do Concello de Valdoviño


ACORDOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

§  Acordo polo que a Xunta de Galicia aprecia a necesidade de formular ao Goberno da Nación requirimento de incompetencia, de conformidade co establecido no artigo 63 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, en relación coa Resolución do 16 de xullo de 2009, da Dirección Xeral de Investigación de Inmigrantes, pola que se convoca a concesión de subvencións a municipios, mancomunidades de municipios e comarcas para o desenvolvemento de programas innovadores a favor da integración de inmigrantes

CONSELLERÍA DE FACENDA

§  Acordo polo que se autoriza a remisión ao Consello de Contas e ao Parlamento de Galicia da Conta Xeral da Comunidade Autónoma correspondente ao exercicio 2008




CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

§  Acordo polo que se autoriza a aprobación definitiva da modificación puntual do proxecto sectorial do Centro de transporte e terminal intermodal de Ourense, San Cibrao das Viñas

§  Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Empresa Pública de Obras e Servizo Hidráulicos, o Instituto para a Promoción e o Equipamento do Solo Industrial da Provincia de Pontevedra (Ipespo), o Concello de Barro e o Concello de Portas, para a execución das obras de abastecemento ao polígono industrial de Barro-Meis, por importe de tres millóns trescentos sesenta e dous mil cincuenta e nove euros con corenta e catro céntimos (3.362.059,44 )

§  Acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello da Cañiza para a execución da obra da nova EDAR da Cañiza (Pontevedra), clave OH.336.910, por importe de dous millóns cincocentos sesenta mil setecentos sesenta euros con un céntimo (2.560.760,01 )

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

§  Acordo polo que se autoriza o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para establecer condicións especiais de subsidiaridade e superar o prazo de vixencia de cinco anos na concesión dun aval por importe máximo dun millón douscentos mil euros (1.200.000 euros) a Álvarez e Hijos S. A.

§  Acordo polo que se autoriza o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para establecer condicións especiais de subsidiaridade e superar o prazo de vixencia de cinco anos na concesión dun aval por importe máximo de dous millóns setecentos setenta e cinco mil euros (2.775.000 euros) a Conservas Selectas Mar de Couso, S.A.

§  Acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e Pequeños y Medianos Astilleros Sociedad de Reconversión S.A. (Pymar), para o fomento da construción naval en Galicia, mediante a suplementación da capacidade de afianzamento do Fondo Patrimonial de Garantías de Pymar aos contratos dos estaleiros galegos

§  Acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria e a Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética (Energylab), para a realización dun plan demostrativo para o emprego de bombas de calor xeotérmicas

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL  

§  Acordo polo que se autoriza a modificación cualitativa do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) e Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) da anualidade 2009, en materia de protección e mellora do ambiente, para facer fronte ao importe de 150.000 euros correspondentes á anualidade 2009 da addenda ao convenio de colaboración coa Universidade de Santiago (USC), do 30 de decembro de 2008, para a construción, posta en marcha e desenvolvemento das capacidades da estación científica do Courel


INFORMES

CONSELLERÍA DE SANIDADE

§  Informe polo que se dá conta ao Consello da Xunta da tramitación, polo procedemento de emerxencia, do expediente de subministración: adquisición de monitores e ventiladores ante a epidemia da gripe A con destino a diversos hospitais da comunidade autónoma

§  Informe sobre a primeira fase da pandemia da gripe A

§  Informe sobre a planificación da campaña de vacinación da gripe A





O CONSELLO DA XUNTA APROBA O ANTEPROXECTO DE LEI QUE REGULARÁ O APROVEITAMENTO EÓLICO EN GALICIA

§  As principais novidades que recolle a lei son a compensación aos concellos afectados pola presenza de parques eólicos a través do canon –máis da metade dos existentes en Galicia-, a redución das afeccións ambientais e a garantía de que se cumprirán os proxectos industriais
§  O novo marco legal dotará o sector de plena seguridade xurídica

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o anteproxecto de lei que regula o aproveitamento eólico de Galicia e que permitirá darlle ao sector o impulso necesario para situarse no lugar que lle corresponde no panorama enerxético nacional. O documento entrará no Parlamento de Galicia para a súa tramitación a vindeira semana.

O anteproxecto foi elaborado cunha estrita observancia da legalidade vixente, co fin de elaborar a mellor norma posible para regular un sector estratéxico para Galicia. Para acadar as máximas garantías xurídicas, o Goberno da Xunta e a Consellería de Economía e Industria consultaron a seis expertos das universidades de Santiago de Compostela, da Carlos III e da Complutense de Madrid, que avalaron o rigor técnico e a seguridade xurídica da nova lei, traballando desde a máis absoluta neutralidade e imparcialidade.

Así, coincidiron en sinalar a constitucionalidade do canon recollido no anteproxecto de lei o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Santiago de Compostela César García Novoa; o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade Carlos III Juan Zornoza Pérez; e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense Rafael Gómez-Ferrer Morant.

Pola súa banda, o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense Santiago Muñoz Machado estudou a fórmula de desistencia do procedemento administrativo de selección dos parques eólicos instruídos ao abeiro do decreto anterior, e concluíu que a fórmula empregada se axusta plenamente ao ordenamento xurídico vixente.

Do mesmo xeito, o catedrático de Enxeñería Química da Escola Técnica Superior de Enxeñería Juan José Casares Long, e o catedrático de Ciencias do Solo da Facultade de Bioloxía Felipe Macías Vázquez, ambos pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela, elaboraron un informe sobre os impactos ambientais dos parques eólicos sobre os solos, as augas, as persoas e a súa calidade de vida.

O resultado destas consultas vén constatar a seguridade xurídica que ofrece a nova regulación, que proporcionará as máximas garantías de constitucionalidade. Ademais, cómpre engadir que o ditame emitido polo Consello Económico e Social de Galicia a semana pasada deu vía libre para que esta lei prosiga coa súa tramitación.

Beneficios
Un dos principais beneficios da nova lei vén dado pola creación do canon e o Fondo de Compensación Ambiental, que permitirán desenvolver actuacións de conservación, reposición e restauración do ambiente, tendo como principais beneficiarios os concellos afectados pola instalación de parques eólicos, que son máis da metade dos existentes en Galicia. Así mesmo, a implementación de actuacións desenvolvidas a través do Fondo de Compensación Ambiental suporá unha redución das afeccións ambientais ocasionadas pola implantación dos parques.

A nova lei garantirá tamén o cumprimento dos proxectos industriais presentados polas empresas en virtude de diversas medidas, como a imposibilidade de recuperar a fianza depositada ou de vender as instalacións ata que se completen eses proxectos.

O texto legal do novo Goberno pretende situar  Galicia na vangarda do sector eólico e, lonxe de paralizalo, proporcionaralle o pulo preciso para que as novas instalacións eólicas de Galicia poidan entrar en funcionamento no menor prazo posible e coa maior seguridade posible. Ademais, esta non é a única medida desenvolvida para relanzar o sector, posto que paralelamente se desbloquearon as autorizacións que estaban pendentes e que nada tiñan que ver co polémico concurso impulsado polo anterior Goberno. En tan só tres meses autorizáronse case a metade dos MW que se autorizaron na anterior lexislatura.

O novo marco legal garante a viabilidade técnica dos parques eólicos seleccionados, o pleno respecto á Rede Natura e a futura ampliación desta, e respecta tamén que nas áreas eólicas en que se van implantar os parques gozan do mellor recurso-vento en canto a velocidade e número horas. Tamén, haberá plena garantía de beneficios reais para os concellos afectados pola presenza dos parques a través do canon, pero tamén para o conxunto de Galicia grazas ao cumprimento dos plans industriais asociados.



A XUNTA entregará ao concello de valdoviño o tramo da estrada de narón que atravesa o NÚCLEO urbano

§  A Lei de estradas de Galicia establece que as vías autonómicas ou os seus treitos determinados, en que a circulación adquira características urbanas, poderán ser entregadas aos respectivos concellos

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade do treito comprendido entre os puntos quilométricos 12+020 e 13+050 da estrada AC-566, que une Narón e Campo do Hospital a favor do Concello de Valdoviño.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolveu favorablemente este cambio, ao considerar que os tramos mencionados adquiriron características netamente urbanas. Este ditame foi comunicado ao Concello de Valdoviño que manifestou a súa aceptación.

Nese senso, correspóndenlle ao concello coruñés todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Cómpre precisar que a entrega da vía se formalizará, no prazo dos dous meses seguintes á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Cesión regulada por lei
Segundo se recolle no artigo 5 da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería con competencias na materia e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outro lado, o artigo 54 deste texto legal establece que as estradas autonómicas ou os seus treitos determinados, en que a circulación adquira características urbanas, entregaránselles aos respectivos concellos. Tamén se estipula que o expediente se promoverá por proposta do concello ou da Administración titular e será resolto polo Consello da Xunta.





A XUNTA FORMULARALLE AO GOBERNO UN REQUIRIMENTO DE INCOMPETENCIA PARA QUE RESPECTE A FACULTADE DE GALICIA NA INTEGRACIÓN DE INMIGRANTES

§  O requirimento aprobado polo Consello é para unha convocatoria de subvencións a municipios, mancomunidades de municipios e bisbarras para o desenvolvemento de programas innovadores a favor da integración de inmigrantes

O Consello da Xunta acordou na súa reunión de hoxe formularlle ao Goberno central un requirimento de incompetencia da Resolución do 16 de xullo de 2009, da Dirección Xeral de Integración dos Inmigrantes, por entender que invade as competencias da Administración autónoma galega. Nesta orde convócanse subvencións dirixidas a municipios, mancomunidades de municipios e bisbarras para o desenvolvemento de programas innovadores a favor da integración de inmigrantes.
O Goberno galego considera que nin na resolución pola que se convocan as axudas, nin na orde que recolle as súas bases -Orde TIN/2158/2008, do 18 de xullo- existe unha cita do título competencial en que se basea o Estado para a convocatoria destas axudas e o feito de que toda a súa xestión se lle encomende a el. Neste sentido, ante o silencio das normas analizadas respecto do título competencial aplicable á actuación subvencional, dedúcese que a materia subxacente é a de asistencia social, competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, hai que lembrar que o Estado non conta cun título suficiente que poida prevalecer ou incidir nesta concreta acción.
Así, tendo en conta que se trata dunha acción subvencional, os servizos xurídicos da Xunta consideran que se deben aplicar as regras establecidas pola xurisprudencia do Tribunal Constitucional da STC 13/1992, relativa ao poder subvencional do Estado. Deste xeito, en base a estes fundamentos xurídicos a Administración galega, entende que a resolución sería inconstitucional no seu conxunto, por obviar totalmente a actuación da Comunidade Autónoma de Galicia e que subsidariamente habería invasión competencial en varios artigos e anexos da norma.

Por todos estes motivos, a Xunta de Galicia aprecia a necesidade de formularlle ao Goberno central un requirimento de incompetencia, de conformidade co establecido no artigo 63 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, e reserva para si o dereito de acudir ao Alto Tribunal no caso de que a resposta non satisfaga os intereses propios da Comunidade galega.



APROBADA A MODIFICACIÓN PUNTUAL DO PROXECTO SECTORIAL DA CENTRAL DE TRANSPORTES DE OURENSE PARA CREAR UNHA PARCELA DE 31.860 METROS CADRADOS

§  Esta segunda fase ocupa unha superficie total de 101.231 metros cadrados, dos que 44.863,60 son de uso industrial. O investimento previsto nas obras de urbanización é de 2.013.920,62 euros

A Central de Transportes e Terminal Intermodal de Ourense, desenvolvida polo IGVS e a empresa pública Xestur no concello de San Cibrao das Viñas, contará cunha parcela de gran superficie para satisfacer a demanda que se produza en tal sentido, despois de que o Consello da Xunta de Galicia aprobase hoxe a modificación puntual do proxecto sectorial da dita central de transportes.

A modificación do proxecto consiste na unificación das dúas parcelas de 16.213 e 12.987 metros cadrados nunha soa. A unificación permite ao mesmo tempo incorporar á parcela resultante a vía que no proxecto inicial daba servizo a cada unha das dúas parcelas que se agrupan, vía que agora queda incorporada á parcela resultante, polo que o seu tamaño será de 31.860 metros cadrados.

A modificación afecta a segunda fase da central de transportes, que foi vendida polo IGVS a Xestur Ourense en 2008 e cuxas obras de urbanización se atopan actualmente en execución. Esta segunda fase ocupa unha superficie total de 101.231 metros cadrados, dos que 44.863,60 son de uso industrial. O investimento previsto nas obras de urbanización é de 2.013.920,62 euros.

Dáse a circunstancia de que o desenvolvemento da segunda fase foi iniciado polo anterior Goberno cando aínda había máis de 40.000 metros cadrados sen vender en catro parcelas da primeira fase, o que equivale ao 52,6 por cento do solo posto á venda nesa primeira fase da central de transportes.

As obras de urbanización da segunda fase da central de transportes comezaron en novembro de 2008 e está previsto o seu remate a comezos do próximo ano.

Primeira fase
A primeira fase da central de transportes, que xa se atopa rematada e á venda, ocupa unha superficie total de 125.015 metros cadrados, dos que son de uso industrial 76.100 metros cadrados, distribuídos nun total de nove parcelas, das que están vendidas cinco (36.047 metros cadrados).

Así mesmo, está prevista unha terceira fase, de 98.057 metros cadrados, para a cal xa están adquiridos os terreos por parte do IGVS.



O CONSELLO DA XUNTA APROBA O CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE MEDIO AMBIENTE, A EPOSH, O IPESPO E OS CONCELLOS DE BARRO E PORTAS PARA O ABASTECEMENTO AO POLÍGONO DE BARRO-MEIS, QUE SUPÓN UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 3,3 MILLÓNS DE EUROS

§  A EPOSH farase cargo do 50% do financiamento, achegando un total de 1.681.029 euros, e o Ipespo achegará o restante 50%, distribuídas ambos os investimentos en tres anualidades
§  As actuacións máis relevantes son: captación no río Chaín, ETAP, depósito de regulación, conducións, instalacións de mando e control e subministración eléctrica dos anteriores elementos
§  Os concellos de Barro e Portas deben poñer á disposición os terreos necesarios para a execución do proxecto, así como os permisos e autorizacións oportunos

O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH), o Instituto para a Promoción e o Equipamento do Solo Industrial de Pontevedra (Ipespo), e os concellos de Barro e Portas para a execución  das obras de abastecemento ao polígono industrial de Barro-Meis.

As actuacións supoñen un custo total de 3.362.059 euros, facéndose cargo do 50% do financiamento a EPOSH, o que significa un achegamento de 1.681.029 euros, distribuídos en tres anualidades: no presente ano, 168.103 euros; no 2010, 1.344.823; no 2011, os restantes 168.103 euros. Ademais, o Ipespo farase cargo do outro 50% da totalidade do financiamento, achegando 1.681.029 euros, tamén repartidos en tres anualidades: no 2009, 1.200.000 euros; no 2010, 381.029; no 2011, 100.000 euros.

Obras que se van realizar
Cómpre sinalar que as obras se centrarán na captación no río Chaín, pertencente ao concello de Portas; condución desde a captación á futura ETAP; estación dimensionada para 38,74 litros/segundo e bombeo e impulsión desde a estación ata o depósito situado no polígono industrial de Barro-Meis.

Unha vez comprobada a existencia de recursos hídricos na canle do río Chaín, proxéctase unha captación na parroquia de Briallos, no concello de Portas, concretamente na situación dunha captación existente que abastece a citada parroquia. Así, é precisa a execución de tres gabias drenantes, dúas transversais e unha lonxitudinal ao río. Estas gabias estarán formadas por un recheo de grava, que presenta no seu interior un tubo de formigón poroso que servirá de camiño preferencial para as augas recollidas.

Por outra parte, tamén se proxecta unha estación de tratamento de auga potable para a depuración dos 38,74 litros/segundo captados. Non obstante, prevese a súa ampliación para un posible abastecemento humano ao municipio de Barro, reservando espazo para a colocación de novos equipos tanto de filtración como de bombeo. Ademais dos equipos de tratamento de auga, cóntase con outros elementos como o depósito de auga tratada, sistema de bombeo e instalacións complementarias.

En canto ás conducións, establécense impulsión de captación á ETAP, retorno e baleiramento da estación ao río, saída da fosa séptica, impulsión da ETAP ao depósito de regulación do conxunto industrial, tramo de impulsión da estación ata conexión con condución existente a depósito de regulación de Briallos e conexión de depósito de regulación con rede interior do conxunto industrial.

Para o manexo e control da planta, proponse un sistema que busca cumprir a monitorización remota da ETAP e o depósito de auga vía web, permitindo modificar os estados de funcionamento e visualizando os niveis; envío de SMS aos números de teléfono indicados ante unha situación de fallo e automatismo para o control de bombeo desde a ETAP ao depósito do polígono mediante sistema de radiofrecuencia, activando bombas de auga en función da necesidade desta.

Na definición do proxecto tivéronse en conta singularidades da obra como a alimentación eléctrica para os equipos da ETAP, bombas de captación de auga, que se localizan no río a uns 60 metros da estación, e alimentación eléctrica desde a rede de subministración de Unión Fenosa.

Obrigas das partes
En primeiro lugar, A EPOSH debe asumir obrigas económicas derivadas do convenio; contratar mediante o oportuno expediente as obras; control, dirección, execución e coordinación das actuacións e poñer en coñecemento de cada un dos concellos a recepción dos proxectos. En segundo lugar, o Ipespo ten que asumir obrigas económicas e a explotación, mantemento e conservación das obras, unha vez rematadas e entregadas. En terceiro lugar, aos concellos de Barro e Portas, perténcelles a disposición efectiva de todos os terreos necesarios para a normal execución do proxecto, a renuncia expresa á retención de calquera tipo de taxa de carácter local e someter á información pública, durante 20 días hábiles, no Boletín Oficial da Provincia, os proxectos das obras correspondentes.







A XUNTA APROBA A COLABORACIÓN DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE CO CONCELLO DA CAÑIZA PARA A EXECUCIÓN DUNHA NOVA DEPURADORA NESTA LOCALIDADE

§  O Goberno galego financiará o 100% da obra, achegando un importe total de máis de 2,5 millóns de euros, distribuídos en tres anualidades
§  As actuacións, que teñen un prazo de execución de 8 meses, supoñen un importante beneficio para os máis de 4.000 veciños do concello e toda a súa zona de influencia
§  O concello deberá achegar os terreos para a localización da EDAR; asumir a realización das xestións pertinentes para a obtención dos permisos; e asumir a súa explotación e conservación

O Consello da Xunta aprobou esta mañá un acordo de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello pontevedrés da Cañiza para a execución dunha nova estación depuradora nesta localidade.

O Goberno galego financiará o 100% da actuación, achegando un importe total de máis de 2,5 millóns de euros, distribuídos en tres anualidades. Así, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, cubrirá o total do orzamento, cun investimento de 2.560.760,01 euros, que repartirá do seguinte xeito: neste exercicio investirá 256.076 euros; no 2010 achegará máis de 2 millóns de euros; e no ano 2011 entregará a cantidade de 92.346 euros.

Pola súa banda, o concello porá ao dispor da Administración autonómica os terreos necesarios. Ademais, deberá asumir a realización das xestións pertinentes para a obtención dos permisos, licenzas e autorizacións regulamentarias; e asumir, unha vez feitas as ditas actuacións, a súa explotación e conservación.   

Infraestruturas actuais insuficientes
Neste momento, a capacidade da EDAR queda pequena para o caudal de auga residual que chega ata esta infraestrutura hidráulica, polo que se fai totalmente indispensable levar a cabo unha nova, cunhas características determinadas, que inclúan a capacidade de conter un caudal máximo de 35 litros/segundo, correspondente a 4.000 habitantes, e que permitirá o tratamento das augas residuais urbanas do núcleo da Cañiza e Boeixos e tamén dará servizo para as augas residuais industriais procedentes do matadoiro municipal.  

Esta construción componse, entre outros elementos, dun tanque de tormentas, que reterá as puntas de contaminación en episodios de forte chuvia. No proceso de pretratamento, inclúese un pozo de grosos, bombeo de auga bruta, canles de rebaixamento e desareado-desengraxado.

Por outra banda, no tratamento secundario para eliminación de materia orgánica construirase un reactor biolóxico de aireación prolongada con decantación secundaria e, por último, elaborarase unha liña de lodos, para a súa deshidratación.

Coa construción desta EDAR dase cumprimento ao Plan de infraestruturas hidráulicas e de traballos ambientais para o período 2009-2013, do que se deu conta ao Consello da Xunta de Galicia do 30 de xullo de 2009.





A XUNTA AUTORIZA O APOIO CON GARANTÍAS POR IMPORTE DE 3,97 MILLÓNS DE EUROS AOS PLANS DE FINANCIAMENTO DE DÚAS EMPRESAS LIGADAS AO SECTOR DO MAR

§  O Consello de Dirección do Igape apoia cun aval de 2,7 millóns de euros a Conservas Selectas Mar de Couso e con outro de 1,2 a Álvarez e Hijos, ambas con sede en Santa Uxía de Ribeira
§   Ambas firmas ocupan un total de 89 traballadores da comarca

O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe a decisión do Igape de apoiar con garantías por importe de 3,97 millóns de euros os plans de reestruturación e viabilidade impulsados polas empresas Conservas Selectas Mar de Couso e Álvarez e hijos, S.A., ambas con sede en Santa Uxía de Ribeira e ligadas ao sector do mar e produtos transformados, un dos sectores estratéxicos para o desenvolvemento de Galicia.

Mediante un aval por importe máximo de 2.775.000 millóns de euros, o instituto dependente da Consellería de Economía e Industria garantirá o 37,50% do principal dun préstamo bancario por importe de 7,4 millóns de euros que Conservas Selectas Mar de Couso, cun cadro de persoal composto por 39 traballadores, destinará ao refinanciamento de débedas e financiamento de circulante.

Mar de Couso fabrica e comercializa desde Ribeira (A Coruña) unha ampla gama de produtos posicionados no segmento alto do sector conserveiro pola calidade das materias primas utilizadas e polo proceso artesanal durante a limpeza e empacado. A marca comercializa o 80% da súa produción  baixo a marca Mar de Couso e exporta a países como Suíza e Italia e, desde principios deste ano, dispón dunha oficina na zona franca de Dubai, co obxecto de expandirse a Oriente Medio.

O aval concedido a Álvarez e Hijos, por importe máximo de 1,2 millóns de euros, está destinado a garantir o 60% do principal dun préstamo de 2 millóns de euros igualmente destinado ao refinanciamento de pasivos e financiamento de circulante. Esta empresa familiar dedicada á pesca extractiva emprega a 50 traballadores.



A XUNTA APROBA UNHA ACHEGA ADICIONAL DE 8 MILLÓNS DE EUROS AO FONDO PATRIMONIAL DE GARANTÍAS DE PYMAR PARA AXUDAR AOS ESTALEIROS GALEGOS A FACER FRONTE ÁS SÚAS CARTEIRAS DE PEDIDOS

§  O Goberno galego reforza o Fondo Patrimonial para que os dez estaleiros galegos englobados en Pymar poidan atender todas as solicitudes de garantías por parte dos construtores de buques galegos
§  A achega apoia o mantemento de case 5.000 postos de traballo nun sector estratéxico para a economía de Galicia

O Consello da Xunta de Galicia deulle hoxe o seu visto e prace á achega adicional de 8 millóns de euros ao Fondo Patrimonial de Garantías de Pymar (Pequenos e Medianos Asteleiros Sociedade de Reconversión, S.A.) para complementar a capacidade de afianzamento aos contratos dos estaleiros galegos. Esta achega materializarase a través da sinatura dun convenio coa Consellería de Economía e Industria.

Esta iniciativa, que supón incrementar nun 20% as achegas actuais da Xunta de Galicia ao FPG de Pymar, que ascenden aproximadamente a 40 millóns de euros, pode facilitar a contratación de 5 novas construcións adicionais de gran tamaño ou uns 8 buques de menor porte. Esta carga equivale a un volume de traballo adicional de máis de 2 millóns de horas, coa conseguinte repercusión no mantemento do emprego directo dos estaleiros como no emprego indirecto da industria auxiliar.

Na actualidade, son dez os estaleiros galegos que forman parte de Pymar, que facturan conxuntamente máis de 850 millóns de euros e empregan, en cifras globais, case 5.000 traballadores dun xeito directo e indirecto, a través da importante industria auxiliar.

A construción naval atópase nunha situación EN que as súas importantes carteiras de pedidos acumulan atrasos construtivos e precisan importantes volumes de financiamento bancario para poder acometer e entregar os diferentes buques en construción. Porén, a situación actual das entidades financeiras non é a idónea para facilitar estes recursos e os requisitos para acceder ao crédito son cada vez máis estritos e exixentes.

Esta situación non é allea aos estaleiros galegos, que representan o núcleo máis importante de construción naval en España. As situacións das carteiras de pedidos e as dificultades que atopan as empresas para a obtención de financiamento externo implica que se prevexa un notable incremento dos requirimentos de afianzamentos e garantías ao Fondo Patrimonial de Garantías de Pymar. Nesta situación, as achegas actualmente realizadas ao Fondo Patrimonial de Garantías resultan insuficientes para cumprir co obxectivo inicialmente proposto de atender a todas as solicitudes de garantías por parte do estaleiros galegos.

Con base nesta situación, e para facer fronte a estas necesidades de afianzamento, o Goberno da Xunta de Galicia considera necesaria a subscrición deste novo convenio de colaboración para o fomento da construción naval en Galicia, mediante a complementación da capacidade de afianzamento do Fondo Patrimonial de Garantías de Pymar aos contratos dos estaleiros galegos.






A XUNTA PON EN MARCHA UN PLAN PARA O EMPREGO DE BOMBAS DE CALOR XEOTÉRMICA CO OBXECTIVO DE EMPREGAR NOVAS FONTES DE ENERXÍA MÁIS EFICIENTES

§  A Consellería de Economía e Industria asinará un convenio coa Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética (Energylab) por importe dun millón de euros
§  As instalacións que se van implantar mediante este plan piloto poranse en seis vivendas unifamiliares cunha potencia instalada de 12 kw, sufragadas cun investimento de 214.200 euros; nun edificio de vivendas colectivas cunha potencia instalada de 120 kw, financiadas con 240.900 euros, e nun edificio do sector servizos cunha potencia total instalada de 280kw, subvencionadas con 544.900 euros

O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria e a Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética (Energylab) para a realización dun plan demostrativo para o emprego de bombas de calor xeotérmicas por importe de 1.000.000 de euros.

A través da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, o Goberno da Xunta busca novos patróns de produción de enerxía que proporcionen unha menor dependencia no consumo de combustibles fósiles. É neste contexto en que se enmarca a sinatura deste convenio para a realización dun plan demostrativo para o emprego de bombas de calor xeotérmicas, por ser esta unha das tecnoloxías máis innovadoras no contexto enerxético actual mundial e pola que a Consellería de Economía e Industria está a apostar.

Esta iniciativa está encamiñada ao emprego de novas fontes de enerxía que buscan unha maior eficiencia e, por conseguinte, a optimización no uso da enerxía. O convenio autorizado hoxe polo Consello da Xunta de Galicia palía o problema do emprego destas novas fontes de enerxía, que precisan dun forte investimento económico inicial para desenvolvelas xa que, como na totalidade dos campos da técnica, é obrigado realizar traballos de investigación que diminúan a incerteza no obxectivo de obter unha efectiva eficiencia enerxética, e así alcanzar o coñecemento tecnolóxico suficiente que permita situar no mercado a nova tecnoloxía sen que o custo da súa implantación sexa unha barreira para o seu emprego.

Este proxecto consiste na elaboración dun plan demostrativo para o emprego de bombas de calor xeotérmicas, que producen auga quente, calefacción e refrixeración utilizando a terra como fonte de calor, que se instalarán en vivendas unifamiliares, colectivas e edificios do sector servizos. O proxecto piloto desenvolverase durante 2009 e 2010, cun estudo que analizará o uso destas tecnoloxías tendo en conta variables como o tipo de clima (atlántico, continental,..) e as bombas de calor xeotérmica que se van empregar, entre outras cousas. 

Ademais, as instalacións que se deben implantar mediante este plan piloto poranse en seis vivendas unifamiliares cunha potencia instalada de 12 kw, sufragadas cun investimento de 214.200 euros; nun edificio de vivendas colectivas cunha potencia instalada de 120 kw, financiadas con 240.900 euros, e nun edificio do sector servizos cunha potencia total instalada de 280 kw, subvencionadas con 544.900 euros.

A sinatura deste convenio constitúe un instrumento fundamental para poder desenvolver un conxunto de actividades en ámbitos esenciais para a Consellería de Economía e Industria, como son o das enerxías renovables, o uso racional da enerxía e o aforro enerxético.


A XUNTA APROBA A MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA PRECISA PARA FINANCIAR, DE ACORDO COA USC, A ESTACIÓN CIENTÍFICA DO COUREL

§  O Goberno Galego comprometeuse no seu día coa Universidade compostelá a achegar un total de 300.000 euros para contribuír ao financiamento da construción e dotación de equipamento de dita estación

O Goberno Galego autorizou hoxe a modificación cualitativa do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI)-Feder da anualidade 2009, en materia de protección e mellora do ambiente, para facer fronte ao importe correspondente á anualidade 2009 do comprometido coa USC para a construción e posta en marcha da Estación Científica do Courel. A Xunta comprometeuse, en virtude dun convenio asinado en xuño de 2008 coa USC, a achegar un total de 300.000 euros para contribuír ao financiamento da construción e dotación de equipamento da dita estación.

A daquela Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible asinou en decembro de 2008 unha addenda ao dito convenio de colaboración coa Universidade compostelá. Para facer fronte ao importe de 150.000 euros correspondentes á anualidade 2009 da citada addenda era necesario incrementar a partida orzamentaria, logo da aprobación polo Consello da Xunta.

Proxectos de investigación
A futura Estación Científica do Courel desenvolverá proxectos de investigación, traballos científicos e formativos nos ámbitos da bioloxía, a ecoloxía, o ambiente e o desenvolvemento rural sustentable, dentro da súa área xeográfica de influencia, que inclúe a Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Ancares-Courel.















A XUNTA ESTÁ A DESEÑAR AS MEDIDAS ESPECÍFICAS DA CAMPAÑA DE VACINACIÓN FRONTE Á GRIPE A(H1N1)v, QUE COMEZARÁ O 16 DE NOVEMBRO PARA OS GRUPOS DIANA

§  A vacinación específica considérase unha das medidas máis efectivas de control e prevención da infección desta enfermidade, que segue a ser leve
§  A conselleira de Sanidade informou o Consello da evolución da pandemia
§  Destináronse 2.134.130,54 euros á adquisición de monitores e ventiladores para diversos hospitais da comunidade autónoma

A conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde, Pilar Farjas Abadía,  presentoulles hoxe aos membros do Consello da Xunta un informe sobre a campaña de vacinación contra a gripe A(H1N1)v que está a preparar o seu departamento e que comezará o 16 de novembro.

Pilar Farjas transmitiulle ao Consello o compromiso da Dirección Xeral de Farmacia do Ministerio de Sanidade e Política Social de remitir a primeira remesa de vacinas 15 días antes do inicio da campaña. Este envío suporá o 40% do total de vacinas e está previsto que se complete a finais de novembro.

Así mesmo, sinalou que a poboación diana a que vai dirixida a dose debe distanciar a Administración desta vacina da gripe estacional polo menos tres semanas, de acordo coas recomendacións da Axencia Europea de Medicamentos. Cómpre lembrar que a campaña de vacinación estacional da Xunta comezou o 28 de setembro e finalizará o 13 de novembro.

Sobre a organización da campaña de vacinación contra a gripe A(H1N1)v en Galicia, avanzou que para favorecer a información da poboación e profesionais sanitarios se están preparando carteis, folletos informativos, instrucións para persoal sanitario e rexistros nominais.

Así mesmo, para facilitar a súa accesibilidade, estanse deseñando medidas como a definición de estratexias específicas de vacinación para algúns grupos diana; o establecemento de puntos de vacinación específicos para algúns colectivos; ou a identificación de puntos onde poderán acudir os corpos de seguridade nos concellos mediante colaboración entre estes, a Fegamp e a Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación.

Así mesmo, para aumentar as coberturas realizarase un envío masivo aos médicos de Atención Primaria con mensaxes explicativas dos beneficios desta acción tanto para eles como para  a  poboación que atenden, animándoos a vacinarse e solicitando a súa colaboración para captar as persoas da súa cota pertencentes aos grupos diana.
Cómpre lembrar que, ben que a comunidade presenta unha gran complexidade derivada do número de puntos de vacinación –arredor de mil-, da súa distribución por toda a xeografía e da heteroxeneidade social da poboación atendida en cada un; a consellería conta cun dispositivo, tanto técnico como humano, perfectamente preparado para facer fronte á campaña de vacinación.

Mensaxe de tranquilidade
A conselleira lembrou que desde o inicio da alerta ata a actualidade se foron actualizando as estratexias para enfrontarse á pandemia segundo evolucionaba o seu patrón epidemiolóxico, e insistiu en que cómpre non perder a perspectiva e enviar unha mensaxe de tranquilidade á poboación, xa que a inmensa maioría dos casos cursan clínica leve e non requiren maior tratamento que o habitual para a gripe estacional: repouso, hidratación e antipiréticos ou antitérmicos.

Así, pasouse de estratexias de contención -con investigación e aplicación de medidas de control de todos os casos e os seus contactos- a outras de mitigación, en que o obxectivo principal é a redución da morbi-mortalidade, con investigación e control dos casos hospitalizados máis graves ou que inciden na  poboación  cun  maior  risco  de sufrir complicacións.

Neste sentido, a vacinación pandémica específica considérase unha das medidas máis efectivas de control e prevención da infección, só necesaria naqueles casos de poboación diana. Os seus obxectivos son a mitigación directa -ao ofertar a vacina ás persoas con risco de padecemento de enfermidade grave-, a seguridade da capacidade xeral de resposta sanitaria á pandemia e a protección da integridade das infraestruturas necesarias para o funcionamento do país.

Farjas indicou que os grupos diana da campaña de vacinación contra a gripe A(H1N1)v foron ratificados no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde o pasado 22 de outubro, e inclúen os profesionais sociosanitarios, persoas que traballan en servizos públicos esenciais e veterinarios que traballen en explotacións gandeiras, para evitar a circulación do virus entre animais e persoas.

Tamén se inclúen nestes grupos diana as persoas maiores de seis meses que ademais teñan unha condición clínica especial (enfermidades cardiovasculares ou respiratorias crónicas, inmunosupresión, obesidade mórbida, insuficiencia renal...) e mulleres embarazadas.

Evolución da pandemia
No transcurso da xuntanza do Consello, a titular da carteira sanitaria do Executivo galego deu conta da evolución da pandemia producida polo virus A(H1N1)v, lembrando que cando o 11 de xuño a OMS declarou a pandemia de gripe no hemisferio norte xa rematara a tempada estacional da gripe.

En xeral, nel observáronse niveis de difusión gripal por riba dos habituais valores no verán, ben que nalgúns lugares non se detectou aumento ningún da actividade gripal e noutros producíronse ondas que superaron as que nos invernos precedentes produciran os virus estacionais, sen acadar os niveis de intensidade de finais da década de 1990.  Na  inmensa maioría dos casos, estes cursaron clínicas leves e non requiriron maior tratamento que o habitual para a gripe estacional.

No hemisferio sur, onde en xuño a tempada estacional de gripe estaba a comezar, esta deixou unha onda epidémica coa forma e duración típica das ondas gripais, con incidencias superiores ás observadas nos últimos anos, excepto en Australia.

No que atinxe á súa gravidade, no hemisferio sur observáronse taxas de ingresos hospitalarios polo virus pandémico de entre 20 e 30 ingresos por cen mil habitantes, e entre o 15 e o 20% deles precisaron ingresar na UCI. A taxa de mortalidade variou entre 0,8 e 1,6 falecementos por cen mil habitantes, e, en conxunto, supuxo unha mortalidade inferior á observada nas tempadas de gripe precedentes. De feito, explicou a conselleira, respecto das epidemias de gripe estacional con esta gripe pandémica, semella que a mortalidade total durante o período é menor.

Na actualidade, no hemisferio norte está a comezar a nova tempada estacional de gripe, e xa hai lugares como os EEUU ou Irlanda do Norte que amosan un incremento da curva pandémica que, como estaba previsto, comezou semanas antes do que viña sendo habitual.

O comportamento observado en Galicia foi moi semellante ao observado en España: o nivel de actividade gripal mantívose estable, cun leve incremento nas últimas semanas, tal é como é habitual nesta época do ano, coa proximidade do inverno. Segundo explicou Pilar Farjas, a mediados do pasado mes de xullo constatouse que había transmisión comunitaria sostida do virus; e, no que atinxe aos ingresos hospitalarios por gripe A, en Galicia amosan un comportamento acorde ao nivel de actividade gripal.

Adquisición de monitores e ventiladores
Por último, a Xunta destinou 2.134.130,54 euros á adquisición de monitores e ventiladores para diversos hospitais da comunidade autónoma, para actualizar o seu número de equipos e para contar con eles se a gripe A(H1N1)v o requirise.

Neste sentido, adquiríronse ventiladores de alta frecuencia; ventiladores neonatais; ventiladores volumétricos, centrais de monitorización; monitores avanzados; e monitores básicos.