27 octubre 2009

Consellería del Mar asegura que habrá dinero
para apoyar comercialización y transformación de los productos

-
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- A comercialización e transformación son os aspectos fundamentais a potenciar ao longo de 2010, segundo explicou hoxe en rolda de prensa a conselleira do Mar, Rosa Quintana. A responsable do departamento autonómico en materia pesqueira, desenvolveu así outro dos eixos primordiais dos 221,7 millóns de euros que manexa a consellería que dirixe para 2010. Ás partidas destinadas á pesca de baixura e marisqueo presentadas onte en Rianxo, Rosa Quintana, engadiu hoxe as partidas que irán a promover a cadea mar-industria e a comercialización. Así, explicou que  investirá a meirande partida do seu orzamento á mellora da pesca de altura e gran altura, a potenciar a acuicultura e a mellorar a comercialización, ascendendo o global deste investimento a máis de 81 millóns de euros, o que supón case o 37% da cantidade total de fondos da que a Consellería do Mar disporá para o vindeiro ano.


Rosa Quintana recalcou hoxe, durante a presentación dos orzamentos relativos á cadea mar – industria – comercialización, que o sector pesqueiro galego debe reforzarse para mellorar a súa competitividade nos mercados e manter así a “puxanza que esta actividade derivada do mar deu a Galicia”. Nesta liña traballará a Consellería do Mar investindo en adecuar, modernizar e avanzar na competitividade e innovación da acuicultura, a industria derivada do mar e na pesca de altura e gran altura.


Pesca de altura e gran altura
Respecto á flota de altura e gran altura, Rosa Quintana apuntou que o departamento que dirixe dará estabilidade e equilibrio á flota ambiental, económica e socialmente, para o que destacou “a importancia de afrontar a adaptación da flota a este criterio”. Así, subliñou “a oportunidade que agora se brinda a través do Fondo Europeo da Pesca e das medidas que del se derivan para paliar a crise xurdida polas suba dos carburantes e a deficitaria estrutura comercial”.

A conselleira do Mar lembrou o importante esforzo orzamentario que será executado mediante dous eixes de traballo, un centrado nas paradas da flota, ben sexan temporais, aos que se destinará 1,1 millóns de euros, ou definitivas, que recibirán 12,6 millóns de achegas ás empresas e 10,9 millóns a medidas socioeconómicas. Pola súa banda, o outro eixe desta aposta irá destinado a apoiar a mellora da flota, mediante a adecuación das artes ou das condicións das embarcacións, e nas que se investirán 2,1 millóns de euros.

Acuicultura
No eido acuícola, Rosa Quintana destacou o interese da Consellería do Mar por desenvolver unha acuicultura compatible co medio natural e sostible económica e socialmente, e subliñou a intención do departamento que dirixe de prestar apoio ás iniciativas de investimento neste eido co obxectivo de “recuperar a puxanza de hai anos tivo a acuicultura galega e acabar dunha vez por todas coa falla de compromiso co sector que reinaba durante a última lexislatura”.

A conselleira do Mar apuntou a firme aposta da Xunta de Galicia por este sector estratéxico e fixo referencia ao traballo desenvolvido nos ámbitos administrativos para garantir a seguridade xurídica do sector e os intereses galegos neste eido productivo, defendendo así a posta en marcha do plan de acuicultura recentemente presentado pola Consellería do Mar.

A  titular do departamento de Mar fixo explícitos os apoios orzamentarios cos que contará a acuicultura galega e que ascenderán a 13,1 millóns de euros, dos cales 10 irán destinados á achegas de apoio ao asentamento e desenvolvemento de plantas acuícolas; 2,1 millóns á formación nesta materia a través do IGAFA e 1 millón a accións de I+D+i.

Comercialización e transformación
Respecto á comercialización e á transformación, verdadeiro piar da acción orzamentaria da Consellería, Rosa Quintana precisou que “é necesario avanzar neste eido para obter maior valor engadido e potenciar a competitividade da cadea mar – industria – comercialización”, polo que destacou o carácter integral das políticas que porá en práctica a Consellería do Mar ao longo do 2010.

Para a conselleira do Mar, o piar básico deste eido será a especialización e integración, así como o desenvolvemento do I+D+i e da diferenciación dos produtos galegos. Para iso, a titular do departamento autonómico encargado do ámbito marítimo – pesqueiro apuntou que o principal eixe económico dos orzamentos da Consellería, xunto ao eido social, será o apoio á cadea mar – industria, especialmente no eido comercial, e que se desenvolverá nun cuádruple eixe de traballo.

Así, a proxección orzamentaria neste eido irá destinada a mellorar e avanzar na definición de estructuras de comercializaciónque leven a ser competitivos no procesado e na loxística”. Para iso destinaranse achegas ás empresas de transformación e comercialización por valor de máis de 34,4 millóns de euros, o que supón a meirande partida contemplada nos orzamentos da Consellería do Mar para o ano 2010.

Pola súa banda, a aposta polos mercados e pola comercialización en senso estrito irá orientada cara ao coñecemento das tendencias dos consumidores, ao estudo da situación real dos produtos e dos competidores e á promoción da diferenciación dos produtos galegos. Estes obxectivos implicarán a aplicación de esforzos orzamentarios destinados ao desenvolvemento de novos mercados e de campañas promocionais, que superarán os 3,2 millóns de euros, á regularización e investigación de mercados, que recibirá máis de 2,8 millóns de euros e aos estudos estatísticos, que precisarán de 100.000 euros.

No mesmo senso, a conselleira do Mar salientou a importancia da planificación da estratexia de futuro, polo que apuntou o carácter clave da análise das fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas dos nosos sectores transformadores e productivos de maior tamaño. Así, Rosa Quintana entendeu fundamental a planificación estratéxica da conserva, do conxelado e do mexillón, polo que resaltou o destino de 800.000 euros ao desenvolvemento de estudos, consultorías e asistencias e traballos técnicos para estes fins.

A titular de Mar destacou o traballo a realizar polo seu departamento, especialmente por Portos de Galicia, na potenciación da mellora das condicións infraestruturais que afectan á cadea mar – industria, e que levarán ao desenvolvemento de accións que favorezan a actividade dos profesionais e das empresas que operan nos peiraos galegos. Neste sentido, a conselleira do Mar apuntou ao desenvolvemento de infraestruturas complementarias coma as zonas de actividade loxística, e que recibirán un investimento inicial de 1.000.000 euros por parte de Portos de Galicia durante o ano 2010.

Apoio á comercialización
A conselleira aproveitou o seu desprazamento a Vilagarcía para amosar o seu compromiso coa industria e trala rolda de prensa visitou dúas plantas de procesados. Primeiramente achegouse ata Conservas CUCA en Vilaxoán e posteriormente visitou as instalacións de Pérez Lafuente en Vilanova.