27 octubre 2009

Mejoras medioambientales para Tui

-
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación da execución do colector xeral de San Simón, no concello pontevedrés de Tui. Este proxecto xa fora aprobado no Consello da Xunta do pasado 1 de outubro.

 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da colaboración técnico-financeira co concello de Tui, achega o 100% do custo das obras, supoñendo un total de 994.733 euros. Cofinanciado tamén nun 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Cómpre sinalar que as obras serán executadas nun período de 8 meses, beneficiando a unha poboación de máis de 1.500 habitantes, que tamén serán usuarios da Edar de Guillarei.

Actuacións
O colector de San Simón recollerá as augas residuais do río Louro que serán conducidas para ser tratadas, posteriormente, na Edar de Guillarei. Así, traballarase nos treitos precisos para a conexión do saneamento da parroquia de Ribadelouro co colector xeral do Louro, completando tamén a conexión das redes de saneamento coa Edar de Guillarei. Ditas actuacións contemplan a execución de 2.002 metros de colector e tres bombeos, situados en Porto de Bouzas, Cotarel e San Simón.

A construcción dos colectores obriga a atravesar a estrada PO-342 e o emprego de tubaxes baixo os ríos Louro e San Simón. O último cruza un sendeiro que parte do Camiño Portugués, no treito Tui- Redondela; outro tramo transcorre por unha vía de servizo da AP-9. Os servizos e pavimentos afectados polas obras serán repostos.

O Concello de Tui debe ceder os terreos e auga precisos para a realización do proxecto. Ademais, achegará as autorizacións administrativas necesarias, asumindo tamén a explotación, mantemento e conservación das obras.