25 octubre 2009

Nos Orzamentos da Xunta para 2010
non aparecen partidas para darlles continuidade ás oficinas de I+B


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- A viceportavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón, denuncia que o Goberno do Partido Popular “está a dar marcha atrás nas políticas de fomento da igualdade entre homes e mulleres que puxo en marcha o Goberno Bipartito”. 


En concreto, a deputada do BNG denuncia que “unha vez que o PP acceseu ao Goberno decidiu cambiar o sistema de financiamento dos servizos municipais de información ás mulleres, tamén coñecidso como Puntos de Información ás Mulleres (PIM´s), co que na práctica deixou de subvencionar máis de 70 recursos”.


Ana Pontón lembra que este servizos, creados durante o Goberno Bipartito, realizaban atención nos concellos, polo menos un día á semana durante dúas horas, unha vía para achegar as políticas de igualdade ás mulleres do rural. A creación dos PIM´s produciuse despois de constatar que no ano 2005 somentes o 22% dos concellos galegos contaban cun servizo de información ás mulleres. 


Asimesmo, produciuse un incremento cualitativo no investimento da Xunta de Galiza en recursos para dar resposta ás demandas de información das mulleres, pasando de 1.880.647 € en 2005 a 2.411.700 € contemplados nos orzamentos de 2009. 
Este incremento do investimento favoreceu un aumento da actividade, pasando de 40.617 consultas en 2005 a 88.014 en 2008. 
Sen embargo, para a deputada do BNG “a paralización desta liña de traballo por parte da Xunta de Galiza amosa unha vez máis o escaso compromiso do Goberno do Partido Popular coas políticas de igualdade entre homes e mulleres”. 


Neste sentido, Ana Pontón presentou unha iniciativa na que lle demanda á Xunta de Galiza a que explique as razóns polas que suprimiu os PIM´s e que informe das alternativas que vai levar adiante para incrementar a cobertura dos servizos de información ás mulleres. 


“Non hai partidas nos orzamentos de 2010 para as os oficinas de Igualdade+Benestar”


Ademais, a deputada nacionalista denuncia que “nos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2010 non hai partidas para darlle continuidade ás oficinas de Igualdade máis Benestar “(I+B). 


Estas oficinas foran postas en marcha polo Goberno Bipartito para dar cumprimento ao V Plan de Igualdade da Xunta de Galiza, que establece entre os seus obxectivos garantir o acceso á información e aos recursos das mullers, como unha medida para potenciar a igualdade de oportunidades. 


Deste xeito, a Secretaría Xeral de Igualdade creou no ano 2008 un total de 6 equipas de igualdade nas oficinas de I+B, con 18 persoas contratadas que daban atención a 50 concellos. 


As equipas de igualdade desde a súa creación estableceron un modelo de intervención comunitaria e desenvolveron un intenso traballo tanto no programa Tempos de Mulleres, como nos centros de ensino, asesorando aos concellos na formación dos corpos e forzas de seguridade en materia de violencia de xénero ou apoidando o fortalecemento do tecido asociativo das mulleres.