27 octubre 2008

O BNG PERGUNTA POLA HABILITACIÓN DE SÁS DE ALEITAMENTO E REPOUSO NAS OFICINAS DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA GALEGA

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .-A portavoz de Igualdade do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón, rexistrou unha iniciativa parlamentar na que se interesa pola habilitación de sás de repouso e aleitamento nas oficinas da Administración Pública galega.
A parlamentar nacionalista lembra que, segundo consta na Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galiza, a Administración Pública “facilitará que as traballadoras embarazadas e as nais lactantes teñan a posibilidade de descansar en lugar apropiado, asi como de lactar ao seu fillo ou filla con tranquilidade”.
Este apartado, referido á adopción de medidas para fomentar a conciliación no ámbito da administración galega, recolle tamén, tal e como apunta a deputada nacionalista, a necesidade de que se ofreza a mesma posibilidade a pais e nais en casos de aleitamento artificial.
Agora, a parlamentar do BNG quer facer un seguimento da situación en que se atopa, na práctica, esta medida, polo que pergunta polas sás de aleitamento e repouso que ten habilitado a Xunta nas súas instalacións, en cumprimento do disposto pola lei.
Ana Pontón pergunta tamén polas previsións que se manexan de cara á futura dotación deste tipo de instalacións ás oficinas da Administración Pública galega.