25 octubre 2008

Xosé Manuel Pérez Bouza defende que a Xunta asuma “plenas competencias en autorizacións para aproveitamento enerxético”

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, ven de presentar unha moción na Cámara Alta pola que insta ao Goberno a que “teña en conta os informes desfavorábeis emitidos pola Xunta de Galiza e non autorice a instalación de parques eólicos de máis de 50 megavatios en Galiza”.
Pérez Bouza lembra que a Consellaría de Innovación e Industria remitiu recentemente ao Ministerio de Industria os seus informes desfavorables sobre diversas solicitudes para a instalación en Galiza de parques eólicos de máis de 50 megavatios, unhas autorizacións que neste caso adxudica o Goberno Central.
Neste sentido, o senador do BNG lembra que o informe da Xunta de Galiza “detectou até doce fallos nas solicitudes que deberían levar ao Ministerio de Industria a rexeitalas”.
Entre os fallos están a falla de dados sobre a proposta de evacuación eléctrica, a solicitude de asentamento en áreas que xa están reservadas para o Plano Sectorial Eólico Galego, non respectar a distancia mínima de 500 metros cos núcleos de poboación, ou mesmo non estaren visadas por un colexio oficial.
Por iso, o senador nacionalista pede o seu rexeitamento e que o Ministerio reflexione sobre “a necesidade de unificar criterios, trámites e planificación nas concesións para o aproveitamento das fontes de enerxía”. “Unha situación que se resolvería -conclúe- se Galiza, e así o reclamou, asume plenas competencias neste tipo de autorizacións, coa necesaria coordinación a nivel estatal”.