24 octubre 2008

BNG subliña que a Subcomisión de Seguimento das Infraestruturas “será fundamental para que se executen todas as partidas e se executen os prazos"

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, subliñou este mediodía en rolda de prensa en Santiago de Compostela que os beneficios acadados para Galiza polo BNG na negociación dos Orzamentos do Estado 2009 “demostran a extraordinaria utilidade do BNG para Galiza e a total inutilidade do PP”.
Incrementos económicos logrados polo BNG para Galiza
Francisco Jorquera debullou as principais partidas logradas polo BNG para incrementar os investimentos do Estado en Galiza nos Orzamentos para 2009 e que suman un total de 125,05 millóns de euros.
Ademais, o portavoz nacionalista salientou que, “á marxe desta cantidade, no proceso de negociación co grupo socialista o BNG logrou outros acordos con importante significación económica para Galiza”.
Trátase do acordo logrado para que as empresas patrocinadoras do Xacobeo 2010 teñen desgravacións fiscais nos exercicios 2009 e 2010, do acordo para dotar á Xunta de Galiza de máis fondos para atender as súas necesidades en materia de dependencia e que abranguen tanto o devengado no exercicio 2008 como o ano 2009 e as partidas económicas correspondentes aos traspasos de competencias que se efectuarán antes de finalizar o ano.
“Demostrouse a extraordinaria utilidade do BNG para Galiza”
Jorquera amosouse satisfeito porque “o BNG demostrou deforma clara ter adoptado unha postura útil e construtiva para Galiza, especialmente nun momento de crise económica coma este no que precisamos máis investimentos públicos para dinamizar a economía”.
“Sen o BNG, -subliñou- non se tería producido este incremento nos Orzamentos do Estado para Galiza”.
Contrapuxo a “extraordinaria utilidade do BNG para Galiza” a un PP que “demostrou a súa incapacidade para negociar, porque ían dicir que non a estes orzamentos antes mesmo de que se presentase o proxecto”.
Neste sentido, Jorquera salientou que “quedou máis en evidencia ca nunca a inutilidade para Galiza do Partido Popular e a extraordinaria utilidade do BNG”.
“A subcomisión de seguimento garantirá que se cumpran os compromisos políticos”
A preguntas dos xornalistas, o portavoz do BNG no Congreso salientou o outro dos logros do BNG nesta negociación, a creación da Subcomisión de Seguimento das Infraestruturas Xunta-Estado, “supervisará que se executen os orzamentos e que se cumpran os prazos, e polo tanto a súa actividade será imprescindíbel para que se cumpran os compromisos políticos”.
Por iso, asegurou que esta subcomisión “será máis importante que as reunións que manteña o presidente Touriño con Zapatero, aínda que ben vidas sexan”.