06 noviembre 2008

XUNTA VAI AMPLIAR AS COMISIÓNS DE ASISTENCIA XURÍDICA GRATUITA ÁS SETE CIDADES DE GALICIA E CREAR UNHA QUENDA PARA ATENDER MULLERES MALTRATADAS

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou esta mañá que o novo regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia aprobado polo Consello vai permitir aumentar o número de comisións de asistencia ao conxunto das sete grandes cidades e crear unha quenda específica para atender a mulleres maltratadas, menores e outros colectivos que requiren dunha atención especializada.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da xunta, o máximo mandatario galego sinalou que o novo decreto pretende adaptar a normativa vixente, que ten unha antigüidade de 10 anos, ás novas demandas e os cambios producidos na sociedade así como ás novidades lexislativas que se teñen introducido neste ámbito.
Mellor distribución do traballo
Segundo explicou, con este decreto auméntase o número de comisións de asistencia xurídica gratuita ao conxunto das sete cidades de Galicia. “Pásase de catro a sete, incorporando xunto coa Coruña, Ourense, Lugo e Pontevedra comisións de asistencia a Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo. Este feito permitirá redistribuir e atender mellor a carga de traballo e mellorar a capacidade de resposta do sistema de asistencia gratuita”, explicou.
Outra das novidades que introduce o decreto, abundou, é a creación de quendas específicas para a asistencia xurídica de mulleres maltratadas, menores e outros colectivos que requiren dunha atención especializada. “Iso vai permitir, entre outras cousas, que exista unha quenda de garda durante as 24 horas do día en relación, por exemplo, cos temas de violencia de xénero”, salientou.
O presidente remarcou así mesmo a obrigatoriedade que establece o decreto da mellora da preparación e a cualificación profesional para atender esas quendas específicas, o que se fará a través de cursos de formación ofertados polos colexios de avogados e procuradores.
En terceiro lugar, Pérez Touriño subliñou que o decreto introduce a libre elección, por parte do beneficiario da asistencia gratuita, de avogado e procurador no ámbito fundamentalmente do dereito da familia, laboral e do contencioso-administrativo.
Finalmente, salientou a aposta do novo regulamento pola incorporación das novas tecnoloxías da información e da comunicación “para poder acadar o obxectivo de implantar a administración electrónica tamén nesta área do servizo de xustiza.”
Novo treito da Vía Ártabra
Na súa intervención ante os medios, o presidente da Xunta salientou así mesmo o visto e prace dado esta mañá polo Consello para a construción dun novo acceso ao porto de Lorbé (Oleiros), no que constitúe o extremo norte da Vía Ártabra.
Segundo explicou Pérez Touriño, trátase dunha nova estrada de 1,1 quilómetros entre Veigue e o porto de Lorbé que suporá un investimento de 2 millóns de euros, cuxo financiamento asumirá o ente público Portos de Galicia.
O presidente explicou que a Vía Ártabra se atopa en plena execución, posto que están en realización 10,5 quilómetros por importe de 65 millóns de euros. “Está en obra a metade e quedan outros dous tramos, están preparándose os decretos de utilidade pública nun caso e noutro rematando a información ambiental”, explicitou.
“A Vía Ártabra é unha vía moi importante que ten un invesimento total de 140 millóns de euros, que debe permitir mellorar as comunicacións e a seguridade viaria de toda esa área da provincia da Coruña, con 340.000 cidadáns potenciais beneficiarios directos”, puntualizou.
Axudas a empresas
O xefe do Executivo galego tamén salientou a aprobación por parte do Consello de axudas para a mellora das instalacións de dúas empresas de transformación de produtos do mar por importe de 13,1 millóns de euros. Trátase de axudas que se enmarcan no Plan Estratéxico do Conxelado, presentado polo presidente e a conselleira o pasado mércores, que van permitir a xeración de 119 postos de traballo.
Finalmente, o presidente destacou a aprobación dun acordo para subvencionar a realización de plans ou accións a favor da conciliación da vida persoal, familiar e laboral no ámbito das pequenas e medianas empresas galegas –cun importe de 300.000 euros- e doutro para subvencionar a realización de accións complementarias e de acompañamento á formacióndos traballadores –cun importe de 3 millóns de euros-.