14 diciembre 2008

Clausura del curso de cooperación al desarrollo de la Acuicultura

A ILLA DE AROUSA (MORRAZO-tribuna).- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, foi a encargada de clausurar no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), situado na Illa de Arousa, o Curso de Cooperación ao Desenvolvemento e Acuicultura que se impartiu neste centro nos meses de outubro, novembro e decembro.

Na súa intervención, Carmen Gallego destacou e agradeceu a dedicación e traballo do grupo de vinte alumnos que participaron nesta acción formativa, organizada pola Consellería de Pesca e a Fundación Cetmar, e salientou o esforzo realizado polos profesionais e expertos que fixeron chegar os seus coñecementos e experiencias a estes estudantes.

A titular da Administación pesqueira galega tamén manifestou a importancia da cooperación internacional na eido pesqueiro e da acuicultura en países terceiros e sinalou que é unha das prioridades da acción exterior que desenvolve o seu departamento "porque contribúe a fortalecer as relacións bilaterais entre Galicia e estes países e a impulsar a pesca artesanal, a actividade acuícola e a formación marítimo-pesqueira nestas rexións".

Así mesmo, explicou que a política que leva a cabo a Consellería de Pesca en materia de cooperación pesqueira internacional está en consonancia coa filosofía que aplica o Goberno de España en proxectos globais, a través da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (Aecid), e coas accións que desenvolve a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.

Carmen Gallego fixo fincapé en que a Administración pesqueira galega ten en marcha na actualidade proxectos nun total de 19 países de Sudamérica, África e Asia e que, dende a chegada do novo Goberno galego, o seu departamento achegou máis de cinco millóns de euros para iniciativas deste tipo. Neste sentido, indicou que accións formativas como a impartida nos últimos meses no Igafa son importantes de cara a formar a profesionais de cooperación que poñan en marcha, con todas as garantías, actuacións en países en vías de crecemento.

A responsable de Pesca manifestou tamén que a base da cooperación é conseguir que todos os cidadáns do mundo poidan ter igualdade de oportunidades.

Para finalizar a clausura, Carmen Gallego fixo entrega dos diplomas aos alumnos que participaron no Curso de Cooperación ao Desenvolvemento e Acuicultura. Neste acto, celebrado no Salón de Actos do Igafa, ademais da Conselleira, tamén estiveron presentes a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo; o director-xerente da Fundación Cetmar, Alberto González Garcés; e a directora do Igafa, Mª Arantzazu Otero Martínez, así como o resto do equipo directivo e docente do centro.