14 diciembre 2008

O PP acusa a PSOE e BNG de negarse a axudar ás industrias cárnicas na situación de crise que están a vivir

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O voceiro de Economía do PPdeG Alberto Sueiro Pastoriza defendeu na Comisión de Industria do Parlamento galego unha iniciativa encamiñada a por en marcha de xeito urxente un programa de incentivos, axudas ou deducións que permitan as empresas do sector cárnico galego poder competir en condicións de igualdade coas empresas de fora de Galicia.Alberto Sueiro considerou “incrible que os grupos do PSOE e BNG non fagan nada para solucionar a situación actual de crise que vive o sector da industria cárnica, cunha baixada de prezos en orixe da carne que fan replantarse o mantemento das mais de 14000 explotacións que existen na nosa Comunidade”.

O deputado popular considerou que, tendo en conta que os presupostos da Xunta non solucionan definitivamente o problema da taxa por sacrificio de animais esta segue a xenerar unha desventaxa competitiva ao respecto doutras Comunidades. Sueiro referiuse a outras comunidades “que teñen implementado as deducións de ata o 90% destas taxas” que non é o caso de Galicia na que o incremento da cuantia das taxas por inspeccións e controis oficiais polo sacrificio de animais en matadoiros foi de preto do 160%.

Esta situación conleva, segundo o deputado popular, unha desventaxa nun sector altamente afectado pola crise que afecta as industrias cárnicas, mataderos, comercio e produtores e que ven como baixa o prezo da carne durante os últimos anos mentres aumentan os custos de produción, como os prezos dos pensos, os combustibles ou as cotizacións á Seguridade Social.

O deputado popular solicitaba na súa Proposición non de Lei, ademais de esixir un mercado no que a competencia con outras Comunidades Autónomas fora en igualdade de condicións, alternativas para superar a actual situación de crise económica xeral e nomeadamente do sector cárnico. Estas medidas terían que estar reflexadas en incentivos ao consumo e a produción e axudas e deducións ao sector.