07 diciembre 2008

A Deputación premiou con 18.000 euros tres proxectos fundamentados na valorización social e laboral das persoas máis aló das diferenzas

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- As Asociacións Juan XXIII, BATA e AMFIV destacaron hoxe no acto de entrega dos Premios Carmen Ferro concedidos pola Deputación que este tipo de iniciativas constitúen un aliciente para continuar traballando na integración de persoas con discapacidade. A entrega destes galardóns celebrouse esta mañá no Pazo Provincial coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

A presidenta da Asociación Juan XXIII de Pontevedra, María Teresa Fernández, foi a encargada de recoller o primeiro Premio Carmen Ferro na modalidade de inserción laboral polo traballo “ensinando a convivir, axudamos a traballar”. Pola súa banda, Jesus Romero da Asociación BATA para o tratamento do autismo de Vilanova de Arousa recolleu o segundo Premio Carmen Ferro na modalidade de inserción laboral, neste caso polo traballo “brigadas forestais”. Finalmente, Pablo Beiro da Asociación de Minusválidos Físicos de Vigo (AMFIV) recolleu o Premio Carmen Ferro 2008 na modalidade de proxectos de inserción social polo seu traballo “integración polo deporte”.

Trala entrega dos galardóns, o titular do organismo provincial, Rafael Louzán, puxo de relevo a “importantísima e incansable” labor destes colectivos. Así mesmo, puxo de relevo a vocación da institución de ir recoñecendo en diferentes edicións a outros colectivos que, ó igual que os premiados hoxe, teñen unha traxectoria moi destacable no eido dos servizos especializados.

Finalmente, Louzán destacou que a Deputación aumentou de forma considerable nos últimos anos a súa participación en iniciativas sociais. Recordou a próxima compra de vehículos adaptados para as asociacións; a sinatura de convenios coas entidades da provincia, a promoción de actividades formativas para desempregados a través de Aquelando, os programas de teleasistencia para maiores ou para mulleres vítimas da violencia etc.


O valor social das persoas máis aló das diferenzas

O proxecto “ensinando a convivir, axudamos a traballar”, polo que a Asociación Juan XXIII recibiu unha dotación económica de 7.500 euros baseouse na posta en marcha de experiencias de convivencia entre persoas con discapacidade intelectual do Centro Ocupacional de Juan XXIII e alumnos de institutos de Educación Secundaria coa finalidade de proporcionar ás futuras xeracións adultas, hoxe adolescentes, exemplos de convivencia que axuden a comprender o valor das persoas máis aló das diferenzas e contribuíndo ó asentamento de bases sólidas de actitudes de respecto. Segundo manifestou hoxe Suso García, un dos integrantes destes talleres “este encontros servíronnos para amosar que podemos traballar igual ou mellor que todas as persoas e constitúen unha oportunidade para que vexan que as persoas con discapacidades non somos diferentes”.

Esta actividade enmárcase no contexto da xardinería porque o taller ocupacional de Juan XXIII está integrado por persoas plenamente formadas neste campo, o que supón unha boa oportunidade para que amosen as súas capacidades laborais e o seu valor social.

Ademais, segundo especifica o proxecto presentado, A Asociación Juan XXIII seleccionou para este programa ós institutos de Educación Secundaria porque conforme á normativa vixente, as Delegacións Provinciais de Educación asígnanlles a este centros unha partida económica para o mantemento das súas instalacións que se xestiona conforme ós criterios de cada centro educativo. Juan XXIII considera que pode ser unha boa oportunidade para crear emprego e dar continuidade ás actividades de sensibilización iniciadas neste programa.

De feito, a raíz da posta en marcha deste proxecto e a través da intermediación do CEIP de Tenorio, os rapaces do Centro Especial de Emprego foron contratados polo Concello para o mantemento dos xardíns dos colexios de Cotobade, así como doutras zonas axardinadas do municipio.

Visto o impacto da iniciativa na prevención de actitudes de rexeitamento, na valorización das persoas con fiscapacidade intelectual; e en termos de inserción sociolaboral a Asociación Juan XXIII pretende darlle continuidade a esta iniciativa durante o 2009.

Brigadas Forestais de BATA

O proxecto presentado pola Asociación Bata de Vilanova de Arousa está premiado con 6.000 euros. Este proxecto denominado “Brigadas Forestais” consistiu na creación dunha empresa de servizos limpeza, mantemento e recuperación de superficie forestal co fin de facilitar a inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual ou autismo.

O proxecto leva funcionando dous anos a través dunha estrutura laboral de brigada móbil que traballa no servizo de mantemento dos xardíns do Hospital Comarcal do Salnés e varias empresas privadas para as que realizan traballos específicos.

Durante a primeira fase de expansión do proxecto, as brigadas forestais centráronse en traballos de limpeza e mantemento de zonas forestais de uso público como son áreas recreativas, miradoiros, e rotas de sendeirismo, entre outras. Non obstante, estas brigadas teñen como clientes potenciais a propietarios particulares; comunidades de veciños; e a administración pública.

Finalmente, o proxecto “A integración a través do Deporte” presentado pola Asociación de Minusválidos Físicos AMFIV recibirá mañá 4.500 euros do Premio Carmen Ferro. Esta iniciativa está centrada na integración rápida e eficaz do discapacitado físico a través da práctica deportiva. Así, o proxecto que desenvolve AMFIV consistiu na posta en marcha de clases de natación na piscina Municipal do Carme. Así mesmo, os participantes recibiron nocións básicas teóricas e prácticas de baloncesto.
Ambas disciplinas están impartidas por monitores especializados na natación e no baloncesto en silla de rodas e contan coa colaboración de numerosos voluntarios.

Compre salientar que deportistas da Asociación teñen participado nas últimas paraolimpiadas celebradas en Seúl, Barcelona, Sydneu, ou Atenas. Tamén en diversos campionatos do mundo e europeos de diversas especialidades deportivas, conseguindo con isto a traer a práctica do deporte ás persoas con discapacidade.