06 diciembre 2008

"Falen menos e fagan mais", invitación de López Abella a Touriño e Quintana

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A voceira de Igualdade do Grupo Parlamentario Popular, Susana López Abella, animou a Quintana e a Touriño a “falar menos e a facer máis para tratar de erradicar ou, polo menos minimizar o impacto da violencia de xénero” porque, ao seu xuízo, “as declaracións de condena están moi ben e son sempre necesarias, pero non substitúen o exercicio das competencias que ten encomendadas a Administración autonómica”.

A deputada popular recordou, neste sentido, as carencias de medios humanos e materiais en materia de prevención e loita contra a violencia de xénero e apuntou, como exemplo que Xunta e o Goberno central continúan sen crear xulgados específicos de violencia de xénero nas cidades de Lugo, Ourense e Ferrol, reclamados por un mandato unánime da Cámara autonómica. E que, ademais, os xa anunciados para Santiago de Compostela e para Pontevedra seguen sen ser postos en funcionamento.

López Abella efectuou estas reflexións no Parlamento, ao defender unha proposición non de lei para instar ao Bipartito a asumir como propias e incluír nos diferentes plans de saúde que xestiona o Sergas as recentes propostas de actuación que para, para o ámbito sanitario, vén de efectuar o Observatorio Estatal da Violencia sobre a Muller.

A iniciativa popular busca un acordo unánime do Parlamento que inste á Xunta a incluír a violencia de xénero en todos os plans de saúde e carteiras de servizos do Servizo Galego de Saúde, tanto no ámbito da atención primaria, como no da especializada, especialmente nas áreas de Saúde Mental, Xinecoloxía e Obstetricia.

Os populares galegos tamén reclaman a posta en marcha de plans de formación sobre violencia de xénero dirixidos aos profesionais da sanidade pública e a implantación dun protocolo común que fixe as pautas de atención do persoal sanitario ás vítimas destas agresións.

Para mellorar ao coñecemento do impacto real desta lacra, o PPdeG propón, ademais, incorporar aos rexistros de mortalidade da Comunidade Autónoma todos os casos de feminicidios, contando para iso coa colaboración dos servizos de medicina legal e forense.

ESPECTÁCULO POUCO EDIFICANTE NA CORUÑA

Durante a súa intervención, a deputada popular exhortou aos socios do bipartito a que recuperen a cordura para evitar que volven repetirse en Galicia espectáculos tan edificantes como a campaña impulsada polo PSOE e o BNG na Coruña na que se vinculaba violencia de xénero e lingua, banalizando unha lacra que, no que vai de ano, ten custado a vida a catro mulleres na Comunidade Autónoma, incluíndo o último caso, rexistrado en Pontecaldelas.