PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- Pasados nove meses desde a reunión entre o Director Xeral de Xuventude, o nacionalista Rubén Cela, e o alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, para abordar a posibilidade de dotar dun local de ensaio moderno e adaptado ás necesidades técnicas dos grupos musicais do concello, Galiza Nova lamenta "a total incapacidade do goberno local para ofrecer espazos onde realizar esta infraestructura".
“A Dirección Xeral de Xuventude ofreceuse a sufragar integramente a obra se o Concello cedía os espazos precisos, supondo isto unha inversión moi importante nun Concello que ten totalmente abandonada á política xuvenil, sen opcións, sen instalacións e sen alternativas de ocio de calidade, mais, incompresiblemente, o goberno local nada fixo para conseguir esta inversión”, indicou Yanara Porto, responsable local de Galiza Nova.
A rede de locais de ensaio do Departamento de Xuventude conta con máis de 15 salas activas e outras tantas en construcción, rede na que podería estar Ponteareas e dispór dun espazo adaptado ás novas tecnoloxías, con salas insonorizadas, cabinas de gravación e equipamento musical e que suporía un investimento de máis de 100.000 euros.
Ademais, Galiza Nova incide "na total incapacidade e desidia do Concelleiro de mocidade, Andrés Sampedro, que, vendo cara outro lado, esquece á poboación xuvenil do Concello máis importante do Condado, Ponteareas conta con cáseque 6.000 mozos e mozas de entre 15 e 32 anos, dando como resultado a inexistencia dunha política clara destinada a este sector da sociedade, sen ningún tipo de programación festiva do concello, no Nadal ou no verán".