VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, participou esta mañá na xuntanza do Consello Consultivo para Asuntos Comunitarios celebrado en Madrid no que se abordaron, entre outros asuntos, a proposta da Comisión Europea de TACs e Cuotas para o vindeiro ano 2009, que se debatirá no marco do Consello de Ministros da UE en Bruxelas os días 18 e 19 de decembro.
Sobre esta cuestión e unha vez finalizada a reunión, a titular de Pesca explicou que para Galicia este é o Consello de Ministros de Pesca máis esperado e importante xa que neste encontro se fixarán as posibilidades de pesca para 2009 para a frota galega, unha frota que está interesada na maioría das especies. Segundo indicou a Conselleira, “para Galicia é moi importante o que se decida sobre a pescada, o peixe sapo, o xurelo, a cigala ou a xarda, e polo tanto estaremos moi pendentes do encontro de Ministros que se celebrará o xoves e o venres”.
Carmen Gallego sinalou ademais que a proposta da Xunta de Galicia, plantexada hoxe ao Consello Consultivo, fai mención á necesidade de manter as posibilidades de pesca de 2008 para o ano 2009, o que supón incrementar nun 15 por cento os totais admisibles de captura que propón a Unión Europea para o vindeiro exercicio. Por iso, a responsable da Administración pesqueira galega pediulle á ministra Elena Espinosa que defenda a postura galega na reunión de mandatarios de Pesca europeos.
Sobre a proposta da Comisión, a Conselleira resaltou que en xeral se trata dun posicionamento á baixa, agás no caso da merluza do sur que inclúe un incremento do 15 por cento. Unha subida que para Carmen Gallego é importante para os intereses dos mariñeiros galegos.