LUGO (MORRAZO-tribuna).- A Consellaría do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, xunto con outros departamentos da Xunta de Galiza, apoiou o deseño e a divulgación dun sistema que permite obter auga quente sanitaria e calefacción a partir da recuperación do calor xerado nun tanque de leite. Unha iniciativa que foi desenvolvida por profesores e alumnos do Instituto de Educación Secundaria As Mercedes, en Lugo. Nun acto celebrado esta mañá nas propias instalacións do Instituto, ao que asistiu o director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, Gonzalo Flores Calvete, o director do centro, Juan Antonio López Fernández, explicou como naceu este proxecto, froito dunha experiencia didáctica concibida para os alumnos dos ciclos e do bacharelato. Segundo dixo, “esta iniciativa permite valorizar o ensino público de formación profesional e é un exemplo do compromiso de toda a comunidade educativa coas preocupacións sociais, achegando o ensino ás demandas da sociedade e pondo o alumnado en contacto directo co medio rural, co seu entorno e co seu mundo do traballo””.
Abriron o acto no Instituto As Mercedes o seu director, Juan Antonio López Fernández, quen agradeceu a presencia de todos os representantes dos demais centros de ensino e dos representantes institucionais, destacando que este proxecto é un exemplo de I+D+i, co significado de ”ilusión e dedicación a pesar dos inconvenientes de recursos económicos que sempre teñen os centros”, reclamando das autoridades académicas máis recursos para o centro.
No acto estiveron presentes tamén a xefa de Aforro e Eficiencia Enerxética do INEGA, Paula Uría, quen destacou o compromiso do seu departamento e de toda a Consellería de Industria co aforro enerxético e a disposición do INEGA a completar esta instalación piloto para que poida ser utilizada como ferramenta divulgativa das potencialidades do aforro enerxético.
Por parte da Consellería de Educación interveu o delegado provincial, Luís Álvarez Martínez, quen agradeceu a “realización deste proxecto por canto, ademais de constituír unha ferramenta didáctica ao servizo de toda a comunidade escolar, vén a poñer en valor o ensino publico en xeral e o ensino público profesional en particular”.
Tal e como se detallou na primeira parte da presentación dirixida á comunidade educativa, “unha explotación media en Galiza produce arredor de 1.000 litros de leite ao día, o que supón ter que quitarlle preto de 30.000 quilocalorías de enerxía calorífica para evitar a proliferación bacteriana e a súa fermentación. Para iso, hai que descender a súa temperatura nun tanque de frío desde os 37 aos 4ºC”. Os impulsores do proxecto calcularon que, “con esa cantidade de calor que se obtén do leite, aínda que se produzan perdas de arredor do 40%, é posible quentar arredor de 500 litros de auga por cada mil litros de leite para a súa posterior utilización na explotación, como auga quente na vivenda ou tamén para calefacción, reducindo así a dependencia doutras fontes enerxéticas”. Tras o desenvolvemento no propio Instituto dun sistema que permite este procedemento, o seguinte paso foi presentarllo á administración galega co fin de divulgalo e de buscar unha aplicación práctica no eido agrario. A Consellaría do Medio Rural, a través de AGADER, comprometeuse a financiar a súa posta en marcha como proxecto piloto nunha explotación, de xeito que puidera ser visitado, tanto directamente coma a través de Internet, para difundir o seu funcionamento entre os produtores de leite.
Precisamente, a segunda parte da presentación do proxecto tivo lugar na explotación na que xa está instalado este mecanismo, propiedade de José Neira Cabanas e situada en Sarria. Neste caso, os participantes na visita foron fundamentalmente representantes de cooperativas, centros de formación agraria e gandeiros. Segundo explicaron os deseñadores do novo prototipo, “os beneficios para as explotacións son dobres e requírese un investimento relativamente pequeno e sen a necesidade de realizar apenas modificacións na instalación”. Neste sentido, referíronse ao aforro económico que supón, tanto na factura eléctrica como na do combustible, para unha explotación poder usar a auga quente resultante na limpeza das cortes ou como auga sanitaria da casa e mesmo como calefacción. “Estímase que, por cada 1.000 litros de auga quentada a través deste sistema (que pode acadar os 55 ºC), pódese aforrar máis de 6 litros de gasóleo (ou o equivalente en enerxía eléctrica), polo que tamén se está a producir un claro beneficio medioambiental ao deixar de emitir gases de efecto invernadoiro á atmosfera”, explicaron os responsables do proxecto.
Na explotación na que está a funcionar este prototipo, instalado pola empresa FRICAVENT, disponse dun tanque con capacidade para 3.000 litros de leite e a súa produción diaria é de 1.200, o que lle permite quentar 600 litros de auga ao día co calor resultante do proceso de arrefríado do leite. Os seus titulares empregan esta auga para a hixienización do establo, para a calefacción do salón e para o uso na vivenda, tanto na cociña como no cuarto de baño. Dentro da estratexia de divulgación á sociedade en xeral, e ao sector gandeiro en particular, esta instalación pode ser visitada in situ chamando previamente por teléfono ou a través de Internet. Para isto, instalóuselle un sistema de captación de datos (SCADA) que recolle a presión, a temperatura e o caudal da auga en distintos puntos da instalación e que poden ser consultados por calquera persoa con acceso á rede. Isto permitirá tamén a súa divulgación entre centros de formación educativa relacionados co eido agrario, enerxético ou das novas tecnoloxías, fundamentalmente. Tamén en relación coas accións de divulgación que se prevían no marco de colaboración entre a Consellaría e o IES As Mercedes, o proxecto foi presentado na pasada Feira Internacional Semana Verde de Galiza, celebrada en Silleda, así como nas charlas incluídas dentro das Xornadas de difusión do Programa de Mellora Gandeira de Galiza, organizadas en Ourense, Lugo e Santiago.
Durante o acto, o director xeral de Investigación, Gonzalo Flores, agradeceulles aos impulsores desta iniciativa o seu esforzo e dedicación para pór en marcha un proxecto de aplicación directa a práctica nas explotacións e cun marcado carácter sustentábel e tecnolóxico. Neste sentido, apuntou a necesidade de seguir traballando “para mellorar, desde os propios centros de formación profesional, as condicións de traballo e de vida de gandeiros e agricultores”, á vez que felicitou os alumnos e profesores que participaron na investigación “por saber dar resposta a unha necesidade real e facelo desde a innovación e o traballo en equipo”. Segundo dixo, “experiencias deste tipo supoñen ademais unha simbiose máis directa entre o mundo académico e o rural, sendo enriquecedoras para ambas partes na medida en que achegan os estudantes do ámbito urbano á realidade dun sector estratéxico para o futuro da economía e da sociedade galega”.