VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-A primeira Lei integral de Residuos de Galicia, que porá en valor a redución, reutilización e reciclaxe, entrará en vigor o 18 de febreiro de 2009, tres meses despois da publicación desta normativa no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A norma dotará ao ordenamento xurídico galego dunha norma marco sobre a que pivotará o resto da normativa en materia de residuos. Así, a Lei establece o réxime xurídico aplicable á produción dos residuos e unha concepción única e integral deles, fomenta a súa redución, reutilización e reciclaxe e regula aspectos como a planificación autonómica e local, o réxime de autorización administrativa para as actividades de produción, posesión e xestión de residuos, a repartición de competencias e a regulación dos solos contaminados, ademais de incorporar un réxime de inspección e sancionador.
A norma dotará ao ordenamento xurídico galego dunha norma marco sobre a que pivotará o resto da normativa en materia de residuos. Así, a Lei establece o réxime xurídico aplicable á produción dos residuos e unha concepción única e integral deles, fomenta a súa redución, reutilización e reciclaxe e regula aspectos como a planificación autonómica e local, o réxime de autorización administrativa para as actividades de produción, posesión e xestión de residuos, a repartición de competencias e a regulación dos solos contaminados, ademais de incorporar un réxime de inspección e sancionador.
A lei, estruturada en dez títulos, establece unha concepción única e integral dos residuos e delimita as competencias das entidades locais, deputacións provinciais e da comunidade autónoma nesta materia. Así mesmo, incorpora os principios comunitarios de prevención e redución na produción dos residuos, e de valorización e optimización na súa eliminación.
Entre as novidades que introduce a nova normativa atópase a regulación das obrigas dos responsables da posta no mercado de produtos que co seu uso se converten en residuos, así como a xestión que dos devanditos residuos poden realizar os seus responsables e a constitución dos sistemas integrados de xestión. Así, a lei introduce a obriga, para as empresas cuxa actividade se determine regulamentariamente, de realizar unha autoanálise ambiental con periodicidade anual, encamiñada á optimización das instalacións, aplicando técnicas de produción limpa ou de mecanismos de minimización de residuos. Entre as novas técnicas de control tamén se establece a creación da auditoría ambiental, que implica a colaboración coas empresas para a identificación dos seus puntos críticos en materia ambiental e a cooperación con estas para a adopción de medidas que melloren a súa ecoeficiencia.
No que respecta aos recursos económicos, a lei recolle un seguro de responsabilidade civil e a prestación de fianza ou garantía á cal quedan suxeitas tanto as actividades de xestión de residuos, sometidas a autorización, como os produtores de residuos así como a declaración de utilidade pública e interese social para os efectos de expropiación forzosa, o establecemento ou ampliación de instalacións de xestión de residuos.
Plan de xestión de residuos
A planificación da xestión de residuos pola Comunidade Autónoma persegue a coordinación entre as diferentes administracións públicas con competencias neste eido, para previr e reducir a produción de residuos, garantir que todo residuo susceptible de ser valorizado se destinará a tales fins, determinación e distribución no territorio do conxunto de instalacións e evitar o depósito incontrolado de residuos
A tal fin, a Lei determina que lle corresponde á Xunta de Galicia a elaboración e aprobación dos plans de residuos, nos que se recollerán desde o ámbito material, territorial e temporal que lle corresponde ao dito plan, ata o plan de infraestruturas necesarias. Así mesmo, estes plans deberán contar cun programa financeiro de actuación e se revisarán nos prazos previstos, que non excederán do prazo máximo de 10 anos.
A Lei abre a posibilidade de que as entidades locais elaboren os seus propios plans de xestión de residuos urbanos, que deberán respectar as directrices contidas no plan da Xunta.Solos contaminados
A lei incorpora o procedemento e efectos da declaración dun solo como contaminado que obriga á súa descontaminación, con especial atención respecto das repercusións da declaración dun solo contaminado sobre a planificación urbanística, xa que non se poderán executar desenvolvementos urbanísticos nos ámbitos que inclúan solos contaminados.
Inspeccións e sancións
No que se refire á inspección, vixilancia e control, a lei establece que estas tarefas lle corresponden á Consellería de Medio Ambiente ou ao concello competente. O réxime sancionador establece un catálogo de infraccións e sancións e recolle o principio de reparación e restauración do medio ambiente alterado con independencia da sanción imposta. Tamén prevé a posibilidade de que os concellos poidan establecer nas súas ordenanzas, como alternativa á multa, e no caso de infracción por abandono ou vertedura de residuos derivados do consumo privado na vía pública e espazos públicos, a posibilidade de que o infractor realice, con carácter voluntario, unha prestación persoal de servizos de limpeza na vía pública. Segundo se establece na Lei, as infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves. Pola comisión das infraccións moi graves poderanse impoñer sancións como multas que van desde os 30.050,62 ata 1.202.024,21 euros, e mesmo a inhabilitación para o exercicio de calquera das actividades previstas na Lei por un período de tempo non inferior a un ano nin superior a 10. Pola comisión de infraccións graves poderanse impoñer, entre outras, sancións que van desde os 601,02 ata 30.050,61 euros e inhabilitación dun tempo máximo dun ano. No caso das infraccións leves, poderanse impoñer multas de ata 601,02 euros
En ningún caso a multa que se impoña pola comisión dunha infracción tipificada na Lei resultará máis beneficiosa para o infractor que o cumprimento da disposición infrinxida, podendo incrementarse a súa contía ata o dobre da mesma, aínda que iso supoña superar as sancións máximas previstas na propia Lei.