02 diciembre 2008

O BNG ponlle ao Goberno a batata quente de Audasa enriba do prato

MADRID (MORRAZO-tribuna).- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno se vai autorizar que unha entidade en quebra e que está a ser intervida polo goberno dos Estados Unidos compre AUDASA, a concesionaria da AP-9.
En concreto, o deputado nacionalista quere saber cómo valora o Goberno “a venda por parte de Sacyr Vallehermoso da súa filial ITÍNERE ao banco CITIGROUP, cando esta entidade en quebra está sendo reflotada polo Goberno dos Estados Unidos con fondos públicos”.
Neste sentido, Jorquera tamén lle demanda ao Executivo Central se “pensa que esta operación respeita as regras da libre competencia no mercado”.
O deputado do BNG lembra que “o anuncio de compra coincide coa intervención do Goberno de Estados Unidos para reflotar Citigroup, que atravesa unha situación crítica tras a desfeita dos seus títulos en bolsa”. A “contundente” intervención do banco neoiorquino por parte da administración pública norteamericana (departamento do Tesouro de EE UU e a Reserva Federal) suporía a adquisición pública de activos tóxicos de Citigroup por un valor que podería superar os 80.000 millóns de euros.
“Ademais, -engade- esta operación pode supor a entrada do Goberno federal dos Estados Unidos no accionariado de Citigroup.
“Qué medidas está a adoptar o Goberno para garantir a necesaria ampliación da AP-9?”
Francisco Jorquera lembra que “a operación terá grandes repercusións en Galiza, onde ITINERE é propietaria de AUDASA, a empresa que xestiona a Autopista do Atlántico (AP-9), cunha concesión que se alonga até o ano 2048, grazas ao acordo adoptado no ano 2001 polo Goberno do PP”.
Así, a venda de ITINERE obrigará ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galiza a renegociar co novo propietario, Citigroup, a necesaria ampliación da AP-9. En concreto, os accesos a Vigo e a A Coruña e a ampliación da ponte de Rande, uns investimentos pendentes por parte de AUDASA que suman uns 300 millóns de euros.
Neste sentido, o deputado do BNG pregúntalle ao Goberno en qué medida pode afectar a compra de ITINERE por parte de Citigroup ás negociacións para a ampliación da AP-9 , e, en calquera caso, qué accións está a adoptar o Goberno para garantir a ineludíbel ampliación da Autopista do Atlántico.