02 diciembre 2008

O Centro de Artesanía Tradicional de Vigo programa catro novos obradoiros de divulgación do patrimonio etnográfico galego

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- A concelleira de Patrimonio Histórico presentou este luns o novo programa de obradoiros do Centro de Artesanía Tradicional de Vigo, equipamento da Concellería de Patrimonio Histórico, para o primeiro semestre do 2009. “Conservar e divulgar o patrimonio etnográfico galego son os obxectivos fundamentais deste programa” salientou a edil nacionalista, quen explicou que nos seis primeiros meses do 2009 se celebrarán catro obradoiros adicados á cestería para os que se pode facer a inscrición a través da web do CAT www.vigo.org/artesania ou no teléfono 986 220 758.
“A Concellería de Patrimonio Histórico, a través do Centro de Artesanía Tradicional, convoca anualmente un ambicioso programa formativo baixo o lema transmitir para conservar os saberes que caracterizan os oficios tradicionais galegos”, salientou Elena Maure. A concelleira de Patrimonio Histórico explicou que para o primeiro semestre do 2009 convócanse catro obradoiros nos que o alumnado poderá achegarse aos diferentes tipos de cestería galega, traballando especialmente con vimbio e madeira. O primeiro curso, “A cestería de vimbio. Iniciación”, impartirase do 7 de xaneiro ao 6 de febreiro e durante as 60 horas de duración as persoas participantes comezarán a traballar os rudimentos básicos da cesterías a través dunha das materias primas máis utilizadas na cestería galega, como é o vimbio.
O segundo obradoiro, “Cestas do rural”, terá lugar do 9 de febreiro ao 27 de marzo e terá unha duración de 90 horas. Nel o alumnado adentrarase no mundo da cestería vinculada á vida no campo e comprobará que a utilidade era unha das principais características da cestería. O canistrelo, a cesta mixta e o cestón do Morrazo son tres pezas en vimbio e madeira que exemplifican como os labregos facían cestas que lles resolvían moitas das necesidades do seu quefacer diario.
O seguinte curso, “Cestos do mar”, amosará a vinculación da cestería co mundo mariñeiro ao longo de 100 horas. Desenvolverase do 30 de marzo ao 22 de maio e nel os participantes coñecerán como o vimbio e a madeira eran utilizados para elaborar diferentes cestos de funcións diversas: o paxe de viveiro para transportar peixe; a cesta de mariscar era empregada polas mulleres nos labores de marisqueo a pé; ou o cesto viveiro, co que os mariñeiros levaban o cebo para a pesca.
O semestre rematará co obradoiro “Cestería de uso doméstico I”, que se desenvolverá do 25 de maio ao 26 de xuño e terá unha duración de 60 horas. Nel o alumnado entrará en contacto con pezas habituais da vida doméstica das casas, como o abano, a paneira, o froiteiroo ou a bandexa. A concelleira de Patrimonio Histórico sinalou que este obradoiro terá continuidade no segundo semestre do 2009 nunha segunda parte adicada aos roupeiros.
Todos os obradoiros, que son gratuítos, desenvolveranse en dúas quendas: o luns, mércores e venres de 9.30 a 13.30 horas e os luns, martes e xoves de 16.30 a 20.30 horas. As persoas interesadas en participar neles terán que inscribirse a través da web do CAT
www.vigo.org/artesania ou no teléfono 986 220 758. Elena Maure salientou que cada obradoiro disporá dun máximo de sete prazas e a participación terá lugar por riguroso orde de entrada das solicitudes.