02 diciembre 2008

Vigo : Iolanda Veloso pon en marcha a campaña “Empatía” para promover a igualdade na comunidade educativa

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentou “Empatía”, unha campaña dirixida especificamente á comunidade educativa dos centros de ensino secundario de Vigo para desenvolver ao longo do curso 2008-2009. A edil do BNG subliñou que esta iniciativa se enmarca nas accións que desenvolve a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo na loita pola igualdade de oportunidades posto que, ao seu xuízo, “a realidade mostra que aínda queda moito por facer”.
“Empatía é un programa que dende unha perspectiva global trata o tema da educación para a igualdade”, explicou Iolanda Veloso, quen destacou que o material da campaña incide neste problema dende “moi diversos puntos de vista” tendo en conta tanto o traballo co profesorado, coas nais e pais, así como cos propios mozos e mozas dos centros de ensino secundario de Vigo. Ademais de promover entre o alumnado da ESO a cultura da igualdade, a campaña tamén ten como obxectivos animar a pais e nais a promover a igualdade desde o fogar, proporcionar ferramentas ao profesorado para a promoción da igualdade de oportunidades, formar un grupo de profesionais en educación para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e ofertar accións educativas de corta duración.
Iolanda Veloso destacou a importancia do traballo cos mozos e mozas, en tanto que se atopan nunha etapa que é fundamental no desenvolvemento das persoas, e na que a toma de decisións son elementos que marcan a construción das identidades, principalmente a de xénero. Segundo a edil do BNG, a partires desta situación detectouse a necesidade de levar a cabo un programa no que as e os adolescentes sexan o eixo principal.