COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .-O deputado popular e voceiro municipal do PPdeG na Coruña, Carlos Negreira, instou á Xunta a paralizar a realización de calquera tipo de pagamento á Mesa pola Normalización Lingüística, despois de que o conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu, recoñecese no Parlamento, que os expedientes abertos por esta entidade a 600 comercios e outras entidades galegas poderían ser constitutivos de presuntos delitos de usurpación de funcións públicas ou de coaccións.
O chamamento de Negreira produciuse esta tarde no Parlamento, ao formular unha pregunta á Xunta para reclamar a adopción de medidas encamiñadas a paralizar os expedientes anunciados pola MNL. Na súa intervención, o deputado popular instou ao conselleiro da Presidencia a suspender calquera tipo de pagamento á Mesa pola Normalización, despois de quedar acreditado que, no que vai de lexislatura, a Xunta leva financiado a esa entidade con achegas valoradas en máis de 500.000 euros. Reclamou tamén unha actuación da Xunta ante a Axencia de Protección de Datos en defensa dos cidadáns que foron obxecto dunha utilización indebida de información de carácter persoal que acabou sendo utilizada para o envío masivo de cartas ameazantes remitidas pola Mesa.
Carlos Negreira agradeceu a resposta ofrecida por Méndez Romeu, que interpretou como un recoñecemento explícito das teses do PPdeG, que leva varias semanas denunciando as actividades presuntamente ilícitas desenvolvidas pola Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña, pero tamén no resto de Galicia.
O voceiro municipal do PPdeG na Coruña denunciou tamén a dobre moral do alcalde Losada que, por unha banda cuestiona a actuación da Mesa mentres, por outra financia á organización con 12.000 euros en 2008 e “xa ten preparada a carteira” para outorgarlle outra subvención similar no vindeiro exercicio de 2009.