03 diciembre 2008

Quintana resalta el papel de Galicia en la prestación de los servicios sociales

COMPOSTELA.-(MORRAZO-tribuna). O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou hoxe, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que o traballo de toda a sociedade galega conseguirá que “o noso país sexa recoñecido no mundo coma o país da liberdade e da igualdade entre as persoas”. Quintana repasou as actuacións que teñen convertido o noso país en pioneiro na prestación dos servizos sociais, como por exemplo a recente aprobación da Lei Galega de Servizos Sociais ou a posta en marcha do 065, o Servizo Galego de Transporte Adaptado. 
“En todo isto fomos pioneiros e é importante que isto se vexa reflectido porque a única vía para a inclusión é que Galiza sexa coñecida no mundo pola súa cultura, a súa lingua e a súa identidade, si, pero fundamentalmente o que é máis importante é que o noso país sexa recoñecido no mundo como país da liberdade e da igualdade entre as persoas”, explicou o vicepresidente, destacando ademais que para logralo é necesario o traballo conxunto de Goberno, movemento asociativo e sociedade en xeral. Así se manifestou o vicepresidente na entrega dos Premios Coid-arte, unha iniciativa da Secretaría Xeral do Benestar para promover a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia.
O vicepresidente felicitou a todos os premiados, persoas individuais e entidades de iniciativa social, e destacou, nesta celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a importancia de visibilizar a realidade. Asegurou que estamos dando pasos importantes para facelo e recordou que o 7% da poboación galega ten algún tipo de discapacidade, “pero parece como se houbera consenso na sociedade para que esta sexa unha realidade oculta. Se queremos chegar á integración plena de todos e todas na sociedade, o primeiro que temos que facer é visibilizar esa realidade, como algo que forma parte de nós e que todos somos fundamentais nese proceso”. 
Quintana explicou que é importante recoñecer esta realidade nun día no que ademais este ano se conmemora a entra da en vigor da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade. Lembrou que aí se pedía a necesidade de que os gobernos leven a cabo textos legais que recollan o espírito desta carta de dereitos e a convertan en marco legal. Pois en Galiza, segundo dixo Quintana, “todos estamos especialmente satisfeitos porque temos aprobado estes días a Lei Galega de Servizos Sociais, que aposta pola integración de todo tipo de discapacidades na sociedade, polo que isto xa non é a vontade dun Goberno senón que é dereito esixible dos cidadáns”. Segundo explicou o vicepresidente, en cada texto legal os gobernos están obrigados a colocar as políticas de integración no centro da súa actuación en materia de discapacidade, e en Galiza, ao respecto desta lei, Quintana quixo ademais destacar que “finalmente o logramos entre todos e o texto foi aprobado xa e está xa en vigor”.
Quintana asegurou que é bo estar á cabeza en algo coma isto, “un texto legal que é fillo directo da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, pero non nos podemos quedar aí. A lei está ben, pero o importante é acompañala de medidas de Goberno”. Por iso, o vicepresidente anunciou hoxe que, ao comezo da vindeira lexislatura, se modificará a Lei de Accesibilidade, cunha modificación substancial desta normativa para acadar que as normas de accesibilidade non se entendan como unha acción puntual dun departamento do Goberno, “temos que conseguir un marco legal no que os traballos de accesibilidade sexan froito da acción transversal de todo o Goberno e se convertan polo tanto na columna vertebral da súa actuación”.
Rede de centros
Entre estas medidas vinculadas á Lei Galega de Servizos Sociais, o vicepresidente destacou a importancia de que a Vicepresidencia teña posto en marcha dúas liñas de traballo que xa converten en realidade a lei. Por un lado, o Plan de Equipamentos de atención ás persoas con discapacidade intelectual, que suporá a creación de 10 novos centros ata 2010, en colaboración e consenso co movemento asociativo. De feito, 4 deles están sendo realizados por asociacións, en colaboración e co financiamento da Xunta, e os outros 6 serán realizados integramente polo Goberno. Todos eles formarán parte dunha rede pública que actuará ademais como canalizadora da experiencia de traballo do movemento asociativo neste eido.
Os novos centros suporán a creación de 600 novas prazas de atención diúrna e residencial e un investimento de preto de 35 millóns de euros. Destes centros, 4 deles estanse construíndo en colaboración con entidades de iniciativa social: 1 centro residencial e de atención diúrna para persoas con dano cerebral adquirido en Vigo, coa Asociación Alento; 1 residencia para persoas maiores con discapacidade en Nigrán, coa Asociación Menela; 1 residencia para persoas con parálise cerebral en Vigo, coa Apamp; e 1 centro residencial para persoas con discapacidade intelectual gravemente afectados na Peroxa, con Aspanas.
Os outros seis centros que se poñen en marcha ata 2010 son centros propios da Xunta: 1 centro residencial e diúrno de atención a persoas con discapacidade intelectual dependentes (CAMP) e 1 centro para persoas con dano cerebral adquirido nos terreos do centro Santiago Apóstol na Coruña; 1 centro de duais en Outes; 1 vivenda comunitaria para estancias temporais para persoas con necesidades de apoio límite e intermitente en Ponte Caldelas; 1 CAMP na provincia da Coruña e outro na de Ourense (ambos aínda por ubicar). Dentro deste Plan de equipamentos, hai que lembrar tamén a construción do CEGADI, o Centro Galego de Desenvolvemento Integral, destinado para que persoas con discapacidade física adquiran unha maior autonomía persoal e melloren así a súa integración na comunidade. 
Promoción da autonomía 
Por outra banda, e como exemplo da posta en marcha de medidas pioneiras que xa están desenvolvendo a nova lei de servizos sociais, o vicepresidente destacou un servizo moi importante para a existencia de verdade de servizos en igualdade para todos, tal e como é o 065, o Servizo Galego de Transporte Adaptado. Segundo explicou Quintana, Galiza ten 35.000 núcleos poboación e resulta imposible ter un centro sanitario ou de servizos sociais en cada un deles, pero, “para que os cidadáns poidan acceder en igualdade de condicións, era necesario un servizo de transporte adaptado como o que a Vicepresidencia ten posto en marcha. Tamén niso somos pioneiros”, aseverou o vicepresidente.
O Servizo Galego de Transporte Adaptado supón o primeiro servizo de transporte adaptado público e nacional que se implantou no Estado. Un servizo que ata agora contaba con 44 vehículos para dar cobertura a 130 concellos, pero que antes de que remate o ano se ampliará ata os 122 automóbiles para ir cubrindo progresivamente todo o territorio galego.
Programa Coid-arte
Dentro deste traballo a prol da mellora da autonomía persoal e da prevención da dependencia tamén se enmarca o programa Coid-arte, do que hoxe se entregaron os premios da súa segunda edición. Tal e como afirmou Quintana, soamente a presentación de traballos a este certame xa é en si mesma unha superación e unha demostración das posibilidades de integración real que teñen as persoas con discapacidade. O vicepresidente aproveitou ademais a data de hoxe, de conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, para trasladar o apoio da Vicepresidencia ao manifesto do CERMI Galiza con motivo desta data. 
O programa Coid-arte consta de dúas categorías: concurso creativo para persoas en situación de dependencia usuarias do portal Coidanet e concurso de boas prácticas para entidades prestadoras de servizos sociais. O concurso creativo é un concurso artístico e cultural con tres modalidades: fotografía, pintura e Mistur-arte, con tres premiados en cada unha delas. En fotografía, os galardoados foron José Antonio García Fernández, Martina Paz Paz e Alberto Pérez Pensado e Esperanza Vilariño Vázquez (compartido). En pintura, os premios foron para Josefa Latorre Latorre, Octavio Borrajo Feijoo e Domingo Paz Pérez. Por Mistur-Arte recibiron o seu galardón Concepción Rodríguez Amado, Fernando Otero Lino e Pastora Rosendo García.
No concurso de boas prácticas, as entidades que recibiron os tres premios de Coid-arte foron AGADEA, QUAVITAE e compartiron o terceiro premio ENTECA e ASFAVAL.