PONTEVEDRA ( MORRAZO-tribuna) .- A Xunta de Goberno da Deputación Provincial aprobou as bases reguladoras das accións formativas do Proxecto Aquelando 2. O documento aprobado hoxe servirá para regular o procedemento selectivo das 475 persoas que se poderán acoller a este proxecto formativo que terá unha duración de 36 meses.
O obxectivo desta iniciativa será a inserción laboral de persoas demandantes de emprego a través da formación ocupacional e profesional das mesmas. Así, Aquelando 2 desenvolverá itinerarios formativos centrados en temas de atención a persoas. Realizaranse, así, cursos de axuda a domicilio, auxiliar de xeriatría, coidador/a de persoas dependentes, tarefas domésticas en centros socio-sanitarios e fogares, mediador intercultural e obtención do carné de conducir, entre outros. A iniciativa incluirá tamén formación práctica e inserción laboral.
Os cursos realizaranse nos lugares que estableza o equipo técnico atendendo a criterios de demanda de formación, de tipo de poboación e dos sectores de actividade existentes no contorno.
Este plan incluirá tamén un curso de carné de conducir B para que as persoas que reciban formación en “auxiliar de axuda a domicilio” e “coidador de persoas con discapacidade psíquica e/ou física” poidan desprazarse a diferentes puntos da provincia para traballar. Neste caso, o orzamento do proxecto ascende a 2.314.780,89 euros dos cales 841.464 euros irán dirixidos á concesión de becas.
Beneficiarios e solicitudes
Os beneficiarios serán persoas desempregadas, inscritas no Servizo Público de Emprego e empadroadas nalgún concello da provincia. Serán prioritariamente mulleres que pertenzan a algún dos colectivos con dificultades de inserción laboral.
Os interesados en participar poderán dirixir as solicitudes ao Servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios da Deputación situado no Centro Príncipe Felipe.As persoas seleccionadas para participar nas accións formativas terán a posibilidade de acceder a axudas económicas cando o total dos ingresos persoais non supere o 75% do Índice Público da Renda de Efectos Múltiples. O importe da achega calcularase en función do tempo que os usuarios participen na acción formativa.
Pacto local polo emprego
O proxecto Aquelando 2 incluirá ademais un novo apartado como é a creación dun Pacto Local polo Emprego a nivel provincial. Diferentes entidades da provincia, dende mancomunidades, a fundacións comarcais ou agrupacións de desenvolvemento local adheríronse xa a este pacto que a Deputación vai levar a cabo.
O Proxecto Aquelando 2 é unha iniciativa promovida pola Deputación dentro do Servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios, subvencionada polo Fondo Social Europeo no eido do Programa Operativo