VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde do 11 de decembro de 2008 pola que se regula a descarga de mexillón cultivado en viveiros flotantes de Galicia e o seu control. Con esta disposición, que foi sometida a consulta do sector, a Consellería de Pesca busca regular as descargas de mexillón galego nos portos de ámbito territorial da nosa comunidade autónoma, a emisión dos documentos relacionados coa súa rastrexabilidade e a transmisión dos correspondentes datos, así como controlar as descargas no caso do produto certificado pola Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia.
Neste sentido, preténdese establecer unha infraestrutura racional que permita a transmisión telemática dos documentos á Administración, garantindo desta forma unha rastrexabilidade do produto dende o punta de vista sanitario e pesqueiro. Ademais, quérese que esa infraestrutura sirva para a supervisión dos produtos ao abeiro da denominación de orixe e, polo tanto, que se acade unha eficiencia nas obrigas que van dende a extracción do mexillón ata o seu destino final.
Deste xeito, en base á Orde publicada hoxe e que entrará en vigor mañá mesmo, a descarga de mexillón realizarase dende buques da 4ª lista (é dicir, auxiliares da acuicultura) que estean inscritos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, os portos autorizados para o desembarque deste molusco son os de Lorbé, Muros, Freixo, A Pobra, Cabo de Cruz, Rianxo, Vilaxoán, Vilanova de Arousa, Tragove (Cambados), A Illa de Arousa, Meloxo, Combarro, Bueu, Aldán, Moaña, Domaio, San Adrián e Baiona. Se ben poderase empregar con carácter circunstancial un porto distinto dos nomeados anteriormente coa previa autorización da Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, sempre que así o solicite a entidade que xestione a emisión dos documentos e a transmisión telemática dos datos contidos neles á Administración.
Requisitos para as descargas
A Orde tamén establece que os portos pesqueiros autorizados para a descarga deste produto deberán dotarse de instalacións nas que se realizarán, entre outros, os labores de emisión dos documentos de rexistro de moluscos bivalvos vivos da orde autonómica en vigor, así como a transmisión telemática dos correspondentes datos para o control da rastrexabilidade pola Administración pesqueira galega. Así mesmo, fíxase que as descargas deberán obter o correspondente documento de rexistro nas devanditas instalacións, que estarán xestionadas por quen determine a Consellería de Pesca, e realizaranse nun horario de 07.00 a 20.00 horas.
No caso das descargas de produto que sexa obxecto de certificación da DOP Mexillón de Galicia serán supervisadas polo Consello Regulador do Mexillón de Galicia, que designará ás persoas e os medios necesarios para a supervisión e control do produto.
O incumprimento do previsto nesta disposición dará lugar á incoación do correspondente expediente sancionador segundo o establecido na Lei 8/2004, do 30 de xullo, de protección, control, infraccións e sancións en materia marítimo-pesqueira de Galicia.
Segundo contempla a Orde, a Consellería de Pesca poderá dotar dos medios económicos necesarios á entidade xestora que designe como responsable da emisión dos documentos de rexistro de moluscos bivalvos e da transmisión telemática dos correpondentes datos para o control da rastrexabilidade, a través da subcripción dun convenio de colaboración.
Motivación desta normativa
A posta en marcha desta medida vén derivada primeiramente do elevado número de cultivos en viveiros flotantes (bateas) existentes en Galicia que se dedican ao mexillón e ao importante número de portos onde é posible efectuar a descarga deste recurso o que dificulta o control das mesmas. En segundo lugar, vén motivado pola necesidade de dar cumprimento ao Regulamento (CE) 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello do 29 de abirl de 2004, polo que se establecen as normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, en especial o relacionado coa emisión e transmisión de documentos relacionados coa rastrexabilidade.
Do mesmo xeito, co fin de aplicar a Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos, faise necesaria a existencia dunha infraestrutura determinada que permita a áxil e eficiente transmisión telemática dos datos, así como o seguimento efectivo das diferentes partidas desembarcadas.
Ademais, no que respecta á Denominación de Orixe Protexida, o Consello Regulador debe pola súa parte, en base á Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, pór en marcha sistemas de control dos recursos, a calidade, as circunstancias conducentes á certificación do produto final e outros que correspondan, dentro dos produtos acollidos a unha denominación.