COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- “As súas contas non son máis ca contos, pero contos cada vez peor contados que lle están a xerar problemas en moitos puntos do territorio galego”. Esta foi a conclusión do portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, no debate final dos orzamentos da Consellería de Política Territorial, este mediodía no Parlamento, onde cuestionou que a Xunta retrase ata o ano 2012 e seguintes o remate da maior parte das obras públicas que están en execución en Galicia neste momento.
Para o deputado popular, os debatidos hoxe serán os últimos presupostos elaborados por María José Caride e o seu equipo, aos que reprochou que teñan feito desaparecer o Plan de Infraestruturas do Transporte (PITGAL) das contas públicas autonómicas de 2009, que non consignan as partidas precisas para rematalo, “seguramente porque nunca se escomezou”.
QUINTANA DEBE EXPLICARSE
O voceiro de Infraaestructuras do Grupo Popular instou a Quintana explicar cómo pretende afrontar o rescate da concesión da AP-9, anunciado onte, e acusou aos nacionalistas de promover unha proposta contraditoria. Gómez Alonso recordou que tanto PSOE como BNG rexeitaron, na actual lexislatura, a proposta do PPdeG para que a Comunidade Autónoma asumise a titularidade das autoestradas que discorren por territorio galego.
De terse materializado a iniciativa do PPdeG, a Xunta podería ter influído na recente adquisición efectuada por Citigroup, condicionando a operación á ampliación de Rande e dos tramos máis saturados da principal autoestrada de Galicia.
¿QUEDARÁ VIGO SEN AVE POR CERDEDO?
Na mesma intervención, Gómez Alonso recordou que a Asociación profesional de peritos e enxeñeiros de Galicia ten advertido recentemente que a conexión de Vigo con Madrid por AVE se efectuará a través de Santiago, e non antes do ano 2013. Alertan tamén, citando fontes de profesionais que traballan nas obras, que a día de hoxe, non existen garantías de que a conexión directa Vigo-Ourense, por Cerdedo, se vaia construír nun horizonte inmediato.
Ante a gravidade desas afirmacións, Gómez Alonso instou á conselleira a confirmar ou desmentir tales informacións, dado que privar a Vigo do AVE por Cercedo sitúa á cidade nun escenario pouco competitivo.
CONTRADICCIÓN CO PLAN VIGO ÍNTEGRA
O PP denuncia que "Confuso é tamén o tratamento presupostario que recibe o tan cuestionado Plan Vigo Íntegra, que malia ser defendido contra vento e marea pola conselleira Caride, tan só conta con partidas valoradas en 12,4 millóns de euros, malia que, para cumprir as previsións oficiais, precisaría dunha achega conxunta da Xunta e de Fomento de 166 M€ en 2009. Os datos revelan que a Xunta orzamentou un 90% menos do acordado inicialmente.
Os incumprimentos esténdense a todos os ámbitos nos que Política Territorial ten competencias. Para o Plan de Seguridade Viaria 2006-2010, cunha previsión inicial de investimento de 2.800M€, Política Territorial consigna só o 6,4% da partida que lle correspondería no vindeiro exercicio. Para superar esas carencias, o PPdeG formulou emendas por valor de 18,2 millóns de euros, dos que 14,3M€ irían destinados á instalación de elementos de protección para motoristas –dobres biondas- na rede viaria galega".
O deputado popular tamén cuestionou que, nun escenario de crise económica como o actual, no que a obra pública pode reactivar a economía, os investimentos de Política Territorial de 2009 medran tan só un modesto 3,3%, mentres que os gastos de persoal dese departamento se incrementan nun 14,81% desde 2006.
A credibilidade dos orzamentos de Política Territorial tamén queda en entredito polo feito de que o 20% das partidas figuran de xeito xenérico, sen concretar o seu destino final.
RETRASOS NAS OBRAS PÚBLICAS
Respecto á xestión da Consellería, Gómez Alonso preguntou qué confianza pode xerar Política Territorial cando os máis de 376 quilómetros de vías públicas en execución acumulan un retraso medio de 27,7 meses, o que significa que a inmensa maioría dos proxectos que se atopan en fase de construción non rematarán, no mellor dos casos, ata o ano 2012 e seguintes.
“A conclusión é ben clara: a nosa rede viaria segue estancada; os nosos grandes proxectos construtivos atópanse retrasados ou paralizados: Señora Caride: malgastou a herdanza do Partido Popular”, concluíu Gómez Alonso.
SEN ATENCIÓN A ASPECTOS ESENCIAIS
PaRA O pp GALEGO : Malia as notables carencias dos orzamentos de Política Territorial do ano 2009, que non dedican a atención necesaria a aspectos esenciais como a execución das grandes obras públicas pendentes, a seguridade viaria, o impulso do transporte marítimo, metropolitano e ferroviario, o apoio aos concellos en materia urbanística ou as obras precisas para un axeitado acondicionamento e mellora da rede de estradas de titularidade autónoma, o Bipartito fixo caso omiso das emendas formuladas polo PPdeG coa intención de corrixir esas carencias e que, no seu conxunto, suporían partidas adicionais por valor de 206,4 millóns de euros.