15 diciembre 2008

Acude al Palacio de la Zarzuela, participa del Patronato de la Discapacidad y explica la experiencia de Galiza

MADRID (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, trasladou hoxe ao Real Padroado de Discapacidade a nova proposta que dende Galiza se está a desenvolver para mellorar a rede de infraestruturas de atención a este colectivo. Quintana deu conta na xuntanza que hoxe se celebrou no Palacio da Zarzuela, á que acudiu en representación do Goberno galego, da posta en marcha de 10 novos centros de atención á discapacidade que se van facer de xeito concertado coa iniciativa social. “Galiza ten unha das súas prioridades na rede de centros para a atención á discapacidade co obxectivo fundamental de mellorar a rede pública, tremendamente deficiente durante os 16 anos do goberno anterior, e niso estamos”, asegurou hoxe o vicepresidente en Madrid. Na reunión tamén deu conta da marcha da aplicación da Lei de Dependencia no noso país, que neste momento converte a Galiza na terceira comunidade do Estado en canto á aplicación da norma, tanto por valoracións realizadas como por plans individualizados de atención (PIA).

Segundo explicou Anxo Quintana, o Plan de Equipamentos de atención ás persoas con discapacidade intelectual, suporá a creación de 10 novos centros ata 2010, en colaboración e consenso co movemento asociativo. De feito, 4 deles están sendo realizados por asociacións, en colaboración e co financiamento da Xunta, e os outros 6 serán realizados integramente polo Goberno. Todos eles formarán parte dunha rede pública que actuará ademais como canalizadora da experiencia de traballo do movemento asociativo neste eido.

Os novos centros suporán a creación de 600 novas prazas de atención diúrna e residencial e un investimento de preto de 35 millóns de euros. Destes centros, 4 deles estanse construíndo en colaboración con entidades de iniciativa social: 1 centro residencial e de atención diúrna para persoas con dano cerebral adquirido en Vigo, coa Asociación Alento; 1 residencia para persoas maiores con discapacidade en Nigrán, coa Asociación Menela; 1 residencia para persoas con parálise cerebral en Vigo, coa Apamp; e 1 centro residencial para persoas con discapacidade intelectual gravemente afectados na Peroxa, con Aspanas.

Os outros seis centros que se poñen en marcha ata 2010 son centros propios da Xunta: 1 centro residencial e diúrno de atención a persoas con discapacidade intelectual dependentes (CAMP) e 1 centro para persoas con dano cerebral adquirido nos terreos do centro Santiago Apóstol na Coruña; 1 centro de duais en Outes; 1 vivenda comunitaria para estancias temporais para persoas con necesidades de apoio límite e intermitente en Ponte Caldelas; 1 CAMP na provincia da Coruña e outro na de Ourense (ambos aínda por ubicar). Dentro deste Plan de equipamentos, hai que lembrar tamén a construción do CEGADI, o Centro Galego de Desenvolvemento Integral, destinado para que persoas con discapacidade física adquiran unha maior autonomía persoal e melloren así a súa integración na comunidade.