VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, inaugurou esta mañá en Manzaneda (Ourense) a exposición itinerante Galiciadixital nun acto no que estivo acompañado polo alcalde en funcións do municipio, Herminio Cereijo. Neste ano que remata, a exposición foi visitada por máis de 20.000 persoas nas 18 localidades que visitou (7 na provincia da Coruña, 4 en Lugo, 3 en Ourense e 4 en Pontevedra).
A Secretaría Xeral de Comunicación marcase dous obxectivos coa exposición. Dunha banda, conseguir que os visitantes disfruten cunha experiencia nova e diferente á dos museos convencionais ao coñecer as novas tecnoloxías aplicadas ao mundo audiovisual de xeito lúdico. En segundo lugar preténdese que a mostra sirva de escaparate e ponte natural entre o traballo que están a desenvolver as universidades e as empresas galegas co resto da sociedade.
Así mesmo, Fernández Iglesias sinalou que a mostra está pensada para que os seus visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, o que fai que sexa de grande interese didáctico para as persoas de todas as idades.
Converxencia entre arte e tecnoloxía
A exposición, organizada pola Secretaría Xeral de Comunicación, ofrece unha converxencia entre arte e tecnoloxía. Ten como obxectivo achegar o audiovisual e os multimedia á cidadanía e servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais realizados por empresas e universidades galegas.
As novas tecnoloxías introducen ao visitante nunha atmosfera especial que nos amosa unha Galicia diferente, unha viaxe de sensacións, imaxes, luces e sons que envolven ao visitante e que lle permiten gozar dunha experiencia nova e divertida. A exposición ofrece proxeccións e xogos en 3 dimensións, un tiraboleiro virtual, unha viaxe aérea pola nosa comunidade, e o can de fala galega Axóuxere, entre outros.
Galiciadixital estará en Manzaneda do 16 ao 21 de decembro, con horario de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 horas. A entrada é de balde e para todos os públicos.
A mostra presentada en Manzaneda é unha réplica da exposición permanente Galiciadixital situada no Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela pola que xa pasaron máis de 450.000 visitantes, sendo a segunda máis visitada da comunidade.
Novos contidos
Nesta edición Galiciadixital presenta un novo espazo audiovisual chamado Aerodeslizadores por Compostela. O xogo consiste nun descenso pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista "aerodeslizador". Nesta carreira enfróntanse tres xogadores subidos nos seus correspondentes "aerodeslizadores". Cada xogador moverá a súa táboa mirando ás opcións correspondentes para alcanzar a máxima velocidade e así gañar a carreira.
Completando a exposición, a mostra 150 Anos de Telecomunicacións e de Creación Literaria en Galego fai un percorrido pola historia do audiovisual en Galicia. Esta mostra está organizada pola Secretaria Xeral de Comunicación e a Universidade de Vigo, en colaboración co CGAI e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.