04 diciembre 2008

Quintana participa en Pontevedra
en la concentración anti-Eta

PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, participou esta mañá nunha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra en memoria do empresario Ignacio Uría, asasinado onte por ETA. Alí o vicepresidente expresou a súa rotunda condea do atentado “da última vítima deste terrorismo salvaxe, sen sentido e sen razón que o único que consigue é encher de rabia o corazón de tanta xente”, sinalou.

O vicepresidente dixo que tódalas vidas que se cobra ETA son importantes para a sociedade pero salientou que “teña escollido neste momento para a súa actividade asasina a unha persoa cuio valor na vida foi traballar para xerar emprego e riqueza, precisamente agora que padecemos unha situación de crise económica”. E engadiu que “ao instinto asasino de ETA o mellor branco que se lle ocorre son persoas que traballan tódolos días e aportan esforzo para xerar riqueza e emprego”.

Recalcou Quintana que “só cabe unha actidue ante isto que é a condea máis rotunda e explícita pero tamén o traballo necesario de unidade e de esforzo colectivo para superar esta lacra”. “Creo que ese é o único camiño que podemos adoptar e o que espero que tódalas forzas políticas adopten como noutras ocasións temos feito, non caben interpretacións políticas e menos réditos políticos ante as actuacións de ETA, o único que cabe é unidade democrática, tenacidade, tesón e paciencia para acabar con esta lacra e que acabe vencendo a democracia porque estou seguro que así vai ser”, insistíu.