15 diciembre 2008

Santi Domínguez presenta “A revista sobre enerxía” para achegar a sostenibilidade aos escolares de forma lúdica

VIGO (MORRAZO-tribuna).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, subliñou este luns que “A revista sobre enerxía” será unha ferramenta para achegar cuestións como a sostenibilidade e o aforro enerxético aos escolares de Vigo dun xeito lúdico. Na presentación da revista, na que tamén participou o director da Fundación da Axencia Intermunicipal de Enerxía de Vigo, Bernardo Parajó, o tenente de alcalde explicou as distintas medidas que dende este organismo se están poñendo en práctica a prol da sostenibilidade.

Santi Domínguez destacou que a publicación da “Revista sobre enerxía” se enmarca dentro das actividades previstas polo Padroado da Fundación da Axencia de Enerxía de Vigo para 2009. Indicou que 10.000 exemplares da revista e 10.000 exemplares do libro do titor e da titora serán distribuídos a partir do 7 de xaneiro nos centros educativos da cidade. A revista, que nace da colaboración coa Asociación de Axencias Españolas de Xestión da Enerxía e o patrocinio da tenencia de Alcaldía, está dirixida ao alumnado de 6º de primaria e, segundo o tenente de alcalde, “plantexa diversas actividades lúdicas arredor da enerxía e indicacións metodolóxicas sobre como enfocar os temas que teñen que ver coa enerxía e a sostenibilidade”.
Ademais da distribución da revista tamén está previsto manter xuntanzas co profesorado, “co obxectivo de proporcionarlles asesoramento e colaboración nesta materia”, explicou Santi Domínguez. Así mesmo, dende a Axencia da Enerxía de Vigo, convocarase un concurso dirixido aos escolares participantes no programa, para que poidan aportar os seus propios traballos de investigación e imaxinación, de xeito que formen parte dunha exposición que se organizará a final de curso.
“Queremos que os colexios teñan un instrumento sinxelo, atraínte e divertido para que nenos e nenas se vaian familiarizando coas enerxías alternativas e o traballo a prol da sostenibilidade”, salientou o tenente de alcalde tras a reunión do Padroado da Axencia da Enerxía. Santi Domínguez explicou que na reunión, ademais da presentación desta revista, aprobouse a súa modificación de xeito que Gas Galicia pase a formar parte do Padroado, xunto a Autoridade Portuaria, o Concello de Vigo, Caixanova, o Consorcio da Zona Franca, a Deputación de Pontevedra, Inega, Mancomunidade de Vigo, Peugeot Citroën, Unión Fenosa e a Universidade de Vigo.
O tenente de alcalde indicou que na reunión tamén se aprobou a modificación dos estatutos da Fundación, co obxectivo de adaptalos a nova normativa e se presentou o balance estimado para o exercicio do 2008, que arroxa un superavit de 59.000 euros. Sinalou que se presentaron os orzamentos previsibles para 2009, que arroxan un superavit de 60.000 euros. O nacionalista lembrou que dende o ano 2005 o balance da Fundación arroxa superavit, o cal ao seu xuízo significa se está “en moi boa disposición para seguir traballando nestes temas”.
Segundo Santi Domínguez, a Fundación ten o obxectivo fundamental de traballar na investigación e na profundización de solucións alternativas ao consumo enerxético e a aposta da sostenibilidade. Así, explicou que en diversas dependencias municipais, como centros educativos, Xerencia de Urbanismo e parque central se teñen desenvolvido auditorías. Neste sentido, o director da Fundación da Axencia, Bernardo Parajó, apuntou que as auditorías desenvolvidas afectan aos usos dos sistemas de calefacción, alumeado e aillamento exterior, como o caso da cuberta da lonxa do Concello, que ten características bioclimáticas para acadar un mellor aproveitamento da enerxía.