15 diciembre 2008

Nueva soflama de Touriño : dice en la radio que pagamos todos que la Xunta trabaja "sin desmayo" para sacar a Galicia de la Crisis

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, afirma que a Xunta está a “traballar sen desmaio” para mobilizarse e saír adiante da crise económica. Así o manifestou o presidente nunha entrevista no informativo Galicia, primeira hora na Radio Galega. Pérez Touriño lembrou que o Goberno que preside “tomou dende o primeiro momento medidas en tres direccións: de bombeo de investimento público para suplir a caída do privado; de apoio financeiro ás empresas e ás familias para que non decaia a actividade e o consumo e, medidas de política social e de apoio aos sectores máis débiles”.

Touriño explicou que a economía está sumida nunha gran incerteza e concluíu que a única certeza é que “temos que reaccionar e reaccionar xuntos e unidos”.

“Os primeiros meses do ano 2009 serán meses complicados, o crecemento da economía galega andará moi cerca do cero, lixeiramente por abaixo ou por arriba”, explicou Pérez Touriño. Porén, amosou a súa confianza en que “a partir da primavera as medidas de apoio, de restauración de crédito e de mobilización de consumo comecen a ter efecto, aínda que sexa lentamente, e que poidamos empezar a vislumbrar ao longo do 2009 a saída deste túnel”.

Os orzamentos son “un instrumento potente e decisivo”
Touriño explicou esta mañá que os orzamentos “foron concibidos e naceron para buscar a reactivación da economía, mitigar o paro e protexer socialmente aos sectores con máis dificultade e ás familias”. Nese senso, o titular do Goberno galego lembrou que son un “instrumento potente e decisivo”.

Por outro lado, Emilio Pérez Touriño explicou que “neste ano levamos licitado máis solo para vivenda pública e máis obra pública que calquera ano anterior da historia da Comunidade”. “Imos batir unha cifra record de máis de mil millóns de euros. Unha inxección de recursos para crear actividade, crear emprego e crear economía”, explicou. Ademais, o presidente asegurou que o vindeiro ano a Xunta vai mobilizar con estes orzamentos máis de dous mil millóns de euros en apoios directos ás empresas “para que ningunha pequena ou mediana empresa, de calquera sector de actividade, de Galicia se vexa abocada a pechar ou ter serias dificultades por falta de apoio financeiro e por motivos de liquidez, se o proxecto é viable”.

Eleccións
Preguntado polas eleccións autonómicas, o presidente incidiu en que se comprometeu a non convocalas para o presente ano debido á necesidade de “concentrar todas as enerxías na loita contra a crise”. “O 17, Galicia contará cos orzamentos do ano que vén, que son un instrumento imprescindible, e a partir de aí, o propio día 18 comunicareillo ao Consello da Xunta e anunciarei a data. En todo caso, serán en marzo”, sinalou.

As listas de espera reducíronse substancialmente
Preguntado polas listas de espera na sanidade, o titular do Goberno galego asegurou que se reduciron “de maneira substancial” e lembrou que hoxe estamos case na media española. Porén, Pérez Touriño afirmou que “temos moitísimo que mellorar e moito máis esforzo aínda que facer”. Nese senso, explicou que na sanidade a demanda crece “exponencialmente” e tamén medran “exponencialmente” os custos porque a poboación cada vez vive máis anos.

O máximo mandatario galego afirmou que esta situación “provoca un desequilibrio entre a capacidade que temos de ofertar servizos e a demanda tan alta dos mesmos”. Deste xeito, aseverou que ese desequilibrio non só se produce en Galicia, senón en toda España e en todas as Comunidades Autónomas. “Aquí estámolo corrixindo aceleradamente, pero queda moito camiño aínda por percorrer, asegurou.

Emilio Pérez Touriño afirmou que “temos un dos mellores sistemas sanitarios públicos de toda Europa” e subliñou que “Galicia conta cun potente sistema sanitario público que fortalecemos dende chegamos”. Nese senso, lembrou que a sanidade galega “estaba asfixiada financeiramente e en pura precariedade. Saneámolo financeiramente, metémoslle case tres mil novos enfermeiros e enfermeiras, médicos e médicas”. Ademais, Touriño manifestou que para reforzar o sistema sanitario galego o Goberno está facendo “un plan de infraestruturas sanitarias moi potente”.