VIGO (MORRAZO-tribuna).- A clausura do Festival Are More, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Vigo, terá este martes como protagonista o canto negro espiritual da man de Bridget Bazile & The Moonwalk Singers. O concerto, de entrada de balde ate completar aforamento, celebrarase na igrexa María Auxiliadora ás 22 horas.
O canto negro espiritual de Bridget Bazile & The Moonwalk Singers será o encargado de poñer o broche de ouro á novena edición do Festival Are More na igrexa María Auxiliadora ás 22 horas. A magnífica voz de Bridget Bazile ten sido merecedora do recoñecemento internacional e ten compartido o seu talento con estrelas da lírica como Barbara Hendricks e as mellores corais de espiritual e gospel. Como solista triunfou no Carnegie Hall, Orquestra Hall de Chicago, no Lión Sacred Music Festival, no Sully Music Festival e no Simposio Internacional de Sydney.
Bridget Bazile naceu en Metairie, Louisiana, aínda que actualmente reside en Seattle, Washington. Comezou a súa carreira como voz principal en The New World Ensemble e posteriormente iníciase no Negro Spiritual con Moses Hogan Singers, co que participou no documental “The American Promise”. Ao longo da súa traxectoria ten gañado numerosos premios, un deles o primeiro posto no ano 1999 na competición do Metropolitan Opera National Council Regional.