05 diciembre 2008

Tereixa Paz asegura que o BNG “manterá estreita colaboración co sector lácteo a nivel estatal e europeo” e reclama implicación do ministerio

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- Tereixa Paz, deputada do BNG e vicepresidenta primeira do Parlamento Galego vén de facer unha avaliación positiva do encontro que mantivo en Bruxelas o grupo sectorial de agricultura coa directora xeral adxunta da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Loretta Dormal-Marino. Este grupo formaba parte dunha delegación galega que visitou as institucións da UE tras o convite do BNG através dos deputados de Galeuscat, e estaba formado por Xosé Manuel Tellado, de AFRICOR LUGO; Rafael Méndez Guerra, de AFRICOR PONTEVEDRA; José Luís Antuña, de Feiraco; Francisco Seoane, da Cooperativa Central de Frades; Benigno Pereira, propietario de Queixos Bama; Eva María Rodríguez, da cooperativa CURSOVIME; Xosé Manuel Rodríguez, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e pola propia Tereixa Paz..

Paz sinala que “os representantes da Comisión Europea foron receptivos á hora de coñecer a realidade do sector lácteo galego; porque en moitos casos son profundamente descoñecedores das nosas peculiaridades”. Nesa liña, asegura que “este descoñecemento é, maiormente, responsabilidade dos distintos responsábeis dos ministerios españois de Agricultura.

Cota láctea

O grupo sectorial trasladoulle a Comisión un documento sobre a situación do sector agrogandeiro galego, con especial atención aos produtores de leite; xa que a gandería de vacún supón case o 30% da produción final agraria galega, tanto en emprego como en valor de negocio, cun total de 14.000 explotacións. Os representantes europeos comprometéronse a estudar o documento e darlle resposta.
As principais reivindicacións galegas foron a revisión da decisión de suspender o sistema de cotas en 2014, o mantemento de mecanismos de intervención públicos para estabilizar o mercado e que os futuros incrementos de cota de aquí ao 2014 compensen os dereitos de produción dos Estados deficitarios (caso do Estado español) até cubrir os seus niveis de consumo. Xa que logo, a posición dos nacionalistas galegos é oposta á vontade da comisión de introducir un incremento lineal de cota láctea dun 1% por Estado.

Unha decisión que corresponde aos estados membros

Segundo Tereixa Paz, os responsábeis comunitarios consideraron factíbel aplicar dúas demandas concretas da delegación galega; como a posibilidade de compensar aos gandeiros galegos polo esforzo financeiro que tiveron que realizar para adquirir cota e revisar o incremento lineal do 1% de cota por Estado.

“En resumo, a comisión manifestounos que ambas cuestións son factibeis pero dependen da vontade política dos estados. O BNG aposta por manter unha estreita colaboración con todo o sector para tentar, na medida das nosas posibilidades incidir, a nivel de Estado e a nivel europeo para conseguir os nosos obxectivos. Demandamos do Estado que se implique e compense a súa actitude de deixación e abandono respecto dos produtores e produtoras galegas de leite, que non contaron co respaldo debido en anteriores negociacións a nivel de ministros de Agricultura dos Estados membros”, afirma a deputada nacionalista