05 diciembre 2008

La directora xeral de Protección Civil habla de consenso en la redistribución de los Grumir mientras el PP dice que el Gobierno toma el pelo a Galiza

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- A directora xeral de Protección Civil, Esther González Saavedra, asegurou hoxe que a proposta de redistribución dos Grumir redactada polo actual Goberno foi consensuada coa Fegamp, onde ten representación o PP e lembrou que, nese seo, o Partido Popular non a cuestionou. Así o dixo ante a Comisión 1ª do Parlamento en resposta a unha pregunta sobre as condicións e distribución dos Grumir na nova planificación das emerxencias en Galicia..

A maiores, González Saavedra explicou que a redistribución dos Grumir pretendida polo Goberno galego realizouse en base a criterios consensuados coa Fegamp: manteríase a localización dos Grumir salvo aqueles casos en que a súa situación coincida cun Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) en funcionamento, teríase en conta a existencia e cobertura dos SEIS actuais de xeito que se primarían as zonas de menor cobertura, nos Grumir nos que exista unha estrutura estable de persoal manteríase dita estrutura e consideraríanse localizacións oportunas aquelas zonas nas que nun futuro puideran implantarse novos servizos de extinción de salvamento de xeito que fose un paso transitorio ata que a nova estrutura estivera totalmente desenvolta.

Nesta proposta tamén se seguiron –segundo a directora xeral- criterios de peso poboacional, xa que existen zonas de alta concentración de poboación con mala ou nula cobertura, a situación dos Grumir fíxose nos núcleos de poboación principais dos respectivos concellos e pretendeuse unha distribución o máis uniforme posible ao longo do territorio para poder cubrir a maior superficie posible, sobre todo a maior poboación posible. Así mesmo, preveuse dar cobertura ás zonas perimetrais delimitadas por límites administrativos das provincias e ás localizacións en zonas de montaña con mala accesibilidade e con tempos longos de chegada dende os parques de bombeiros.

A directora xeral expuxo que se tivo en conta que o sistema de funcionamento fose por quendas de traballo de xeito que se garanta a cobertura as 24 horas. Neste sentido, asegurou que só o 8% dos riscos se producen durante a noite e, polo tanto, hai que atender a franxa horaria ata as 12 da noite. González Saavedra asegurou que estes foron os criterios a seguir e que, debido ás mobilizacións posteriores, propúxose unha prórroga da situación existente durante un ano, ata o 31 de marzo de 2009.



Situación actual
Hai 61 Grumires operativos actualmente, 15 por provincia, segundo a directora xeral. González Saavedra declarou que no momento no que foron constituídos –na época do PP- non se estableceu ningún criterio para decidir en que concellos había ou non Grumires e que o réxime de distribución provincial non tivo en conta nin o nivel do risco nin o nivel de poboación ou a presenza de outros medios para a xestión de emerxencias.

A actual Dirección Xeral de Protección Civil traballou con técnicos na xestión de emerxencias e aprobou a Lei de Emerxencias, que establece unha xestión integrada da emerxencia e dos operativos e do persoal que traballa neste ámbito, lembrou a directora xeral. Neste sentido, González Saavedra subliñou que durante a longa etapa de goberno do PP non existiu unha lei específica nesta materia, non houbo nin un texto articulado nin sequera unha articulación do sistema de protección civil.

Tamén explicou que hai 879 efectivos que traballan nos Grumires dotados cos fondos das consellerías de Presidencia e de Medio Rural e cos da Unión Europea. Dende 1997 ata o 2005 o sistema perviviu sen ningún cambio e “parece que non había a necesidade de facer nada”, segundo a directora xeral, nun sistema que non recollía nin sequera as situacións de risco que se podían dar.

Parques de bombeiros
González Saavedra estableceu que se fixaron os criterios para a creación dos consorcios provinciais contra incendios e salvamento e avanzou que hai 10 millóns de euros na Sociedade Pública de Investimento para esta fin. Neste sentido, actualmente xa se están construíndo 4 parques en Lugo: dous xa iniciados e o resto en fase de licitación e “estase intentando amañar a situación do parque de Barreiros”.

En Ames está en marcha a construción dun parque de bombeiros e tamén está realizada a proposta e a petición da construción de tres parques na provincia de Pontevedra -en A Cañiza, Baiona e Caldas de Reis- e dous na provincia de Ourense, en Bande e no Carballiño, asegurou. Segundo a directora xeral hai que basear a xestión de emerxencias na construción de novos parques e que os Grumires formen parte deste dispositivo a través de parques auxiliares.

Ademais, as agrupacións de voluntarios de protección civil deben ter como función principal ser o apoio loxístico destes dispositivos, participando nos criterios de información e de autoprotección á poboación, dixo. Así mesmo, González Saavedra pediulle ao PP que intercedan ante os presidentes das Deputacións de Ourense e Pontevedra para que creen o Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento e para que financien as necesidades dos concellos de 20.000 habitantes, como é a súa obriga.