17 diciembre 2008

Unanimidade da Lei de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas da Comunidade galega

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, manifestou esta tarde que os acordos de Diálogo Social comprometidos para esta lexislatura culminan coa aprobación por unanimidade da Lei de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas da Comunidade galega. Varela sinalou que o consenso co que o texto legal recibiu o visto bo parlamentario “reflicte a cultura coa que dende Traballo tratamos de traballar todo este período: a cultura de consenso, de busca de solucións plantexadas entre todos”.


Ao seu xuízo, a lei “non é máis que o recoñecemento ao labor das organizacións sindicais e empresariais”, pois “determina o papel imprescindible que deben xogar nunha sociedade democrática”. Afirmou que o texto incide “na modernización das relacións laborais” e na “dignificación da relación das organizacións coa Administración, que non será dadivosa, senón recoñecida”.

O responsable de Traballo destacou o cumprimento da Consellería a este respecto na presente lexislatura, coa promulgación de catro leis: a Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, a Lei de creación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), a que regula o Consello Galego de Relacións Laborais e a que hoxe superou por unanimidade o trámite parlamentario.

Asemade, salientou a “vía convencional” empregada en tres destes procesos, a diferenza da “orixe clásica” das leis que se debaten no Parlamento (por iniciativa lexislativa, popular ou do Executivo). “É un modelo novidoso, que afonda na democracia do noso país”, resaltou.

A Lei de Participación Institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas da Comunidade galega é un dos nove pactos que constitúen o Novo Marco de Relacións Laborais en Galicia: Acordo polo Emprego, acadado no seo do proceso de Diálogo Social en Galicia. Estes pactos representan e constitúen os piares fundamentais das propostas de acción e dos obxectivos do Goberno galego. En Galicia a participación das organizacións máis representativas na xestión dos asuntos de relevancia pública ponse de manifesto polo recoñecemento da súa presenza nos órganos de asesoramento e participación da Administración.

A participación institucional, tal e como se recolle no texto da lei, é o exercicio de tarefas e actividades de promoción e defensa dos intereses xerais, comúns, sectoriais e intersectoriais, que corresponden a todos os traballadores e empresarios, nos órganos de asesoramento e participación da Administración autonómica, así como nas entidades e organismos públicos dependentes.

Nese senso, o obxectivo desta lei é fixar os criterios para determinar a participación das organizacións sindicais nos órganos de asesoramento e participación de Galicia, dado que nestes momentos, non existen uns criterios mínimos e homoxéneos para todas as consellerías que regulen esta participación. Polo tanto, considerase necesario ditar unha lei que regule e ordene os criterios para determinar a participación das organizacións sindicais nos órganos de asesoramento e participación de Galicia.

Nese senso, o obxectivo desta lei é regular os correspondentes mecanismos de avaliación, seguimento e control, para que a xestión das compensacións previstas para fomentar o dereito de representación institucional se realice con total transparencia. Esta representación institucional levarase a cabo mediante a súa presenza obrigatoria nos órganos de asesoramento e participación da Administración.

Criterios de representatividade
Para determinar o número de representantes das organizacións sindicais e empresarias nos organismos públicos de Galicia aplicarase o criterio de maior representatividade no ámbito autonómico e de paridade entre as representacións sindicais e empresariais. Cómpre sinalar que a designación das persoas representantes das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de carácter intersectorial realizarase de conformidade coas propostas formuladas por estas organizacións, a través dos seus órganos de dirección.

O ámbito de aplicación desta lei serán os órganos de asesoramento e participación dos organismos autónomos e demais entidades de dereito público da Comunidade autónoma, incluídos os organismos dependentes das diferentes consellerías que teñan atribuídas competencias con carácter laboral, social, económico, así como competencias en materia socioeconómica e de fomento do desenvolvemento económico e social de Galicia.

Cómpre sinalar que a participación institucional, regulada nesta lei, levarase a cabo sen menoscabo da representación que corresponde aos representantes dos diferentes intereses sectoriais nos órganos de carácter sectorial nos que xa están representados.

Dereitos e deberes
Dentro do exercicio da participación institucional, as organizacións sindicais e empresarias desenvolverán as súas tarefas de acordo cós principios de boa fe negociadora e confianza lexítima. Terán dereito a participar nos plans de desenvolvemento rexional, nos plans xerais de actuación sobre o emprego e a formación profesional, nos plans de actuación de desenvolvemento empresarial e industrial e, por último, nos plans xerais de actuación social e sanitaria da cada departamento da Administración autonómica.

As persoas que exerzan funcións de participación institucional terán que asistir ás xuntanzas dos órganos de participación institucional nos que teña legalmente recoñecida a súa presenza, custodiar os documentos aos que se teña acceso, gardar a confidencialidade debida sobre as deliberacións producidas nos órganos de participación e non utilizar esa información para fins diferentes.

En canto á referencia de participación dos órganos de dirección, consellos ou órganos semellantes, tamén poderá facerse efectiva a participación institucional, regulada nesta lei, nos termos que se determinan na normativa reguladora ou de creación de cada entidade pública ou organismo autónomo.

Exclusións
As entidades e organismos que quedan excluídos da aplicación desta lei son as sociedades privadas, fundacións públicas e sociedades mercantís, que se caracterizan por ter un capital de participación maioritario, directo ou indirecto, da Comunidade Autónoma ou dos seus organismos autónomos, así como as demais entidades de dereito público da Comunidade.