17 diciembre 2008

De nuevo el PP : "Ánxela Bugallo estropeou a Cidade da Cultura, a lei de arquivos e, agora, o partido propagandístico da selección galega de fútbol"

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O proxecto de lei de Arquivos de Galicia, que hoxe iniciou a súa tramitación sen ter a seguridade de que vaia ser aprobado antes da disolución da Cámara, a Consellería de Cultura trata de impoñer un control férreo sobre os arquivos do Parlamento, do Consello de Contas e do Valedor do Pobo. O PPdeG advirte deste intento de fiscalización sobre o poder lexislativo, pero tamén sobre órganos estatutarios que exercen funcións relacionadas co control do Goberno.

O propio Consello de Contas, encargado de supervisar o gasto da Xunta, ten advertido que coa lei promovida por Cultura “o autogoberno da institución vese seriamente danado”.

Fronte a eses intentos de intromisión, o PPdeG solicitou, sen éxito, a retirada do proxecto de lei para elaborar un texto de consenso que evite o enfrontamento entre institucións.

A propia Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia advertiu, pola súa banda, do risco de inconstitucionalidade deste proxecto de lei, que sería dificilmente defendible ante o tribunal encargado de interpretar a Carta Magna.

Ignacio López-Chaves, voceiro de Cultura do Grupo Popular, considera unha burla que a mesma conselleira que leva toda a lexislatura boicoteando o traballo do Parlamento e prohibindo o acceso aos arquivos dese departamento pretenda agora controlar os arquivos doutras institucións como a Cámara lexislativa.

Para López-Chaves, o proxecto lei de arquivos demostra que “a conselleira de Cultura estraga todo o que toca. Pasou coa Cidade da Cultura, pasa coa lei de arquivos e pasa tamén co partido de propaganda do nacionalismo da selección galega de fútbol”.

O feito de que se suspenda o anunciado encontro con Chile da selección galega de fútbol –a única iniciativa promovida por Ánxela Bugallo en materia de deportes- constitúe un dos derradeiros despropósitos da polo de agora conselleira de Cultura.

O PPdeG recorda que os partidos celebrados ata o de agora pola selección galega de fútbol supuxeron un custe desmedido para as arcas públicas e considera que eses cartos irían mellor empregados se se destinasen a promover o deporte de base.