MADRID (MORRAZO-tribuna).-O pleno do Senado aprobou este mediodía por unanimidade unha moción do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, pola que insta ao Goberno a depurar o Censo Eleitoral de Residentes Ausentes (CERA), antes das próximas eleccións galegas.
A día 1 de novembro, o CERA está integrado por 33.798 eleitores en Galiza, o que supón o 27% do total dos inscritos no Estado español (1.233.568 persoas).
En concreto, a moción aprobada esta mañá, tras aceitar o BNG unha emenda do grupo socialista, insta ao Goberno a:
1. Dotar a todos os consulados do Estado Español dos recursos humanos e técnicos necesarios para poder levar a cabo durante o mes de xaneiro do próximo ano 2009 un proceso extraordinario de revisión exhaustiva do CERA.
2. Este proceso de revisión do CERA debe ter continuidade no tempo, realizándose, polo tanto, de forma permanente, emitindo o Goberno un informe estatístico público anual sobre as altas e baixas que se produzan no CERA, incluíndo no caso das baixas a causa que as teña motivado. Sen prexuízo do cal, e en relación co proceso extraordinario do parágrafo anterior, deberá emitirse un informe ao respecto antes de concluír o mes de febreiro de 2009.
A depuración do CERA é imprescindíbel para garantir a limpeza democrática das próximas eleccións galegas
Xosé Manuel Pérez Bouza advertiu de que “tanto o BNG como o pobo galego esixen que na eleccións galegas previstas para marzo de 2009 o voto da cidadanía galega no exterior poida exercerse coas mínimas sombras de fraude , que contribúan a poñer en dúbida o resultado eleitoral”.
Para iso defendeu “unha depuración exhaustiva e urxente” do CERA , unha medida “á que o Goberno está obrigado por lei, e que tanto o PSOE como o PP veñen incumprindo, e para á que non é necesaria ningunha reforma legal, só vontade política”.
En Galiza o 12,65% do censo eleitoral, no conxunto do Estado só o 3,52%
O senador nacionalista insistiu en que esta depuración “é crucial para garantir un proceso eleitoral limpo e democrático, especialmente en Galiza, onde o CERA xa representa o 12,65% do eleitorado, e decanta maiorías e minorías, mentres que no conxunto do Estado os residentes ausentes só representan o 3,52% do censo eleitoral”.
Até un 30% de inscricións erróneas
Durante a súa intervención, Xosé Manuel Pérez Bouza puxo múltiples exemplos de a actualización do CERA “non funciona correctamente”.
Así denunciou que “cada día tramítanse de media 27 altas no CERA, pero apenas se producen baixa, a pesar da avanzada idade de moitos nos nosos emigrantes e do importante volume de retornados”.
A este respeito, lembrou que, “segundo dados do propio Ministerio de Asuntos Exteriores e da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galiza, como mínimo habería 50.000 inscricións erróneas só entre a colectividade galega, polo que unha depuración exhaustiva reduciría até nun 30% o número de posíbeis eleitores”.
“Contar cun censo depurado e real, que evite o surrealista espectáculo de que poidan votar os mortos ou de que un cidadán poida votar varias veces nun mesmo proceso eleitoral, ao estar inscrito en distintos consulados, é o mínimo esixíbel se non queremos que o resultado eleitoral se poida poñer en cuestión”, concluíu o senador do BNG.