VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Deputación de Pontevedra, reunida en Xunta de Goberno, resolveu hoxe favorablemente a concesión de 120.000 á Finca de Mouriscade, propiedade do organismo provincial, para a construción dunha batería de silos que permitan un mellor aproveitamento das instalacións.
A actuación consistirá na construción de catro silos de 5 metros de ancho por 23 de largo e unha altura de 2,20 metros sobre o nivel do solo. A disposición dos mesmos anexarase á construción da nave que alberga o gando e próxima ó camiño que conduce á área recreativa, o que permitirá un fácil acceso na manobra de recheo e vaciado dos mesmos.
As obras suporán o movemento de terras necesario para os desmontes, as escavacións das zanxas para os cimentos e efectuar os recheos necesarios coas terras propias procedentes das escavacións para recheo de cimentación. Unha vez efectuados os movementos de terra, procederase ás cimentacións, que comprenden o formigón de limpeza nas unidades que figuran no orzamento.
A soleira estará conformada por un encachado de pedra de entre 15 e 20 centímetros de espesor medio na sub-base, estendido e perfilado a man e posterior compactado. Sobre isto, efectuarase unha soleira de formigón armado, vertido e colocado sobre malla electrofilada de 15 x 15 x 6 centímetros.
Finalmente, efectuaranse as tarefas de saneamento dos líquidos nos silos, mediante arquetas de 40x60, cunha pendente do 3% ata o centro dos mesmos, e cunha canaleta lonxitudinal do ancho dunha rasilla, que chegará a unha fosa de líquidos a través dun colector de 160 milímetros.
A finca de Mouriscade ven desenvolvendo, dende a súa adquisición, diferentes liñas para a mellora gandeira da provincia de Pontevedra nos campos da explotación do vacuno de leite, cooperación coa axencia de desenvolvemento gandeiro, mantemento dos rebaños, de razas autóctonas, e mellora xenética da cabaña gandeira, vía femia.