06 febrero 2009

Carme Adán fala do Baixo Miño como
"unha comarca de referenza"

BAIXO MIÑO (MORRAZO-tribuna).- A candidata número tres do BNG pola provincia de Pontevedra e actual secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, salientou que o Baixo Miño converterase nunha comarca “de referenza” cando tras a construción da galescola prevista conte con dous centros educativos dirixidos para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Segundo Carme Adán, “a construción dun novo centro en Goián e a transferenza da galescola de Tomiño son unha mostra do compromiso de Vicepresidencia polo benestar da cidadanía”.

Carme Adán, no transcurso dun encontro coa veciñanza da zona celebrado no Centro Goianés, explicou que a galescola prevista para Goián supórá un investimento estimado de 800.000 euros. A candidata nacionalista sinalou que contará aproximadamente con 900 metros cadrados de superficie nas que se ubicarán seis unidades. “Nestes momentos está aprobado o proxecto básico e estanse tramitando o proxecto de execución”, sinalou ao tempo que destacou que na actualidade, a rede pública de galescolas posta en marcha polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, da Xunta de Galiza conta con 64 centros.