16 febrero 2009

Continúa la revolución tranquila en la Universidad de Vigo con más planes de mejora

Comprende unha oferta de 45 programas formativos con 80 edicións
A Universidade pon en marcha un ambicioso plan de formación do persoal de administración e servizos

VIGO/PONTEVEDRA (D. Besadío | Diario da Universidade de Vigo)
Co obxectivo de promover a mellora continua na calidade dos servizos e na xestión no ámbito universitario a Xerencia iniciou a posta en marcha, por primeira vez na institución, do Plan de Formación 2009 co que se porán en marcha 45 programas formativos destinados a facilitar o desenvolvemento profesional e persoal de todos os traballadores.
A xerente, Ana Fernández Pulpeiro, declarou que "era un dos obxectivos prioritarios do Plan Operativo de Xestión da Universidade de Vigo, leva a práctica o valor da profesionalidade declarado no plan e configura a formación como potenciador dun traballo con competencia, aplicación e capacidade de aprendizaxe”.
Dos 45 programas formativos, 24 correspóndense con coñecementos específicos distribuídos en 9 áreas técnicas (académica, biblioteca, económica, laboratorios, mantemento, investigación, persoal, xurídico-procedimental, tecnoloxías da información e adecuación profesional) e 21 con coñecementos transversais, entendendo por tales: calidade, habilidades, idiomas, informática, seguridade e prevención de riscos laborais.
“É un proxecto ambicioso que se entende dunha forma global para os distintos ámbitos”, salienta a xerente. “Está pensado para dar os coñecementos técnicos necesarios para levar a cabo o traballo, pero tamén para mellorar outras habilidades necesarias como a informática ou os idiomas”, matizou Fernández Pulpeiro, quen tamén salientou que se trata de ofrecer a todo o persoal a posibilidade de dispoñer polo menos dunha oferta global que lle dea capacidades, habilidades e coñecementos para o desenvolvemento das súas tarefas.

Un plan “multicampus”
Na confección do Plan de Formación tívose en conta a realidade “multicampus” da Universidade e a necesidade de conciliación familiar do persoal”, declarou a xerente.
Poténciase o emprego de técnicas como a videoconferencia e a formación on line que faciliten o acceso de todo o persoal aos diferentes programas formativos, independentemente do campus de destino. Así mesmo, procúrase a realización de edicións nos diferentes campus cando, dadas as características das actuacións a desenvolver, sexa máis apropiada a presenza física dos asistentes e, ademais, a maioría das horas de formación son en xornada laboral.

No 2008 impartíronse 18 programas
Ao longo de 2008, a pesar da inexistencia dun plan propiamente dito, xa se puxeron en marcha, cun orzamento de 185.000 euros, determinados programas formativos para ir avanzando no proceso. En concreto impartíronse 18 programas, cun total de 27 edicións, 852 asistentes e unha avaliación media moi positiva. Sobre unha puntuación máxima de 5, todos se valoraron por encima de 3 puntos e, máis do 61% se valorou por encima de 4.

Inglés e primeiros auxilios
No que vai de ano xa se puxeron en marcha sete programas con 11 edicións e un total de 184 asistentes ao que hai que engadir os participantes dos cursos xa convocados pero que aínda non comezaron. Os últimos en incorporarse á lista son un curso sobre inglés básico e outro de primeiros auxilio. O de inglés, que se impartirá nos tres campus, consiste en clases prácticas de comprensión e expresión orais e escritas que simularán situacións comunicativas prototípicas do contexto da administración e servizos (conversas telefónicas, atención ao público...). Durante 60 horas e en quenda de tarde, os asistentes introduciranse nos aspectos máis básicos do inglés administrativo aplicado á vida universitaria.
O curso de primeiros auxilios xurde para proporcionar o coñecemento das técnicas, actitudes e habilidades máis comúns en primeiros auxilios, así como para fomentar a cultura da saúde no ámbito laboral. Desenvolverase os días 16, 17 e 18 de febreiro en horario de 12.00 a 15.00 horas e será impartido por tres profesionais de diferentes eidos: Mª José Montero, técnico superior en prevención de riscos laborais; Juan José Crespo, médico especialista en medicina do traballo e Carlos Álvarez, cabo do Parque de Bombeiros do Morrazo.