QUINTANA APOSTA POR QUE EMPRESA E ADMINISTRACIÓN AÚNEN ESFORZOS PARA SAIR DA CRISE E PROPÓN NOVAS FÓRMULAS COMO A XESTIÓN CONSORCIADA DOS AEROPORTOS OU UNHA NOVA LEI DE CAIXAS
-O candidato nacionalista tivo un coloquio coa Federación Galega de Xóvenes Empresarios (FEGAXE) para expor as propostas nacionalistas en materia económica e empresarial
COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .- O candidato nacionalista participou este mediodía nun xantar-coloquio coa Federación Galega de Xóvenes Empresarios (FEGAXE) e alí expuxo algunhas das principais medidas programáticas do BNG en materia económica e de impulso empresarial.
Neste eido destacou a consecución do peche dos ciclos de produción, asi como iniciativas novidosas como a posta en marcha dun grupo lácteo galego e do sector primario. O incentivo a políticas de I+D+i “no que temos avanzado moito desde o ano 2005 incrementando o investimento neste eido até duplicalo en algúns casos” polo que asegurou que no ano 2010 “poderemos ter un investimento do 1,5% do PIB, que é a recomendación da Unión Europea.
Asi, apostou por este factor como fundamental para “incrementar a competitividade das empresas para que a empresa coloque o seu produto no mercado mundial, porque iso non se pode facer unicamente, en base dos custes salariais”.
Anxo Quintana aposta por unha “empresa galega forte, que non é a que se dirixe só aos habitantes galegos, senón a disposta a conquistar o mundo e entende o seu mercado como o mercado mundial”.
O líder nacionalista apostou por acompañar esta dinámica con “novos mecanismos de coordenación entre a política económica e a política financeira”. O cartel do BNG asegurou que non pode “aceptar que mentres os bancos receben inxentes cantidades os créditos non cheguen ás empresas e ás familias” e aludíu ao informe que a Cámara de Comercio no que se desvelaba que “até 38.000 empresas galegas tiveron problemas para acceder as créditos”.
Apostou por unha política que non consista “en reclamarlle ao goberno central o que hai que facer”, que se poñan en marcha “instrumentos de intervención para asegurar que eses fondos cheguen á cidadanía e queremos facer o que lle pedimos a outros que fagan” e apostou por pór en marcha un ICO galego, “unha banca pública galega na que deben participar as caixas de aforro e que sirva de acompañamento ao mecanismo empresarial”.
“A vindeira ten que ser a lexislatura na que efectivicemos a promoción da vivenda protexida”, asegurou o cartel nacionalista, e apostou por “abandonar os grandes plans que quedan en boas intencións porque sen solo non hai vivenda que se poida facer” e por iso o BNG “puxo en marcha o Plano Sectorial de Vivenda” e agora apostou por continuar co traballo iniciado para construír 45.000 vivendas protexidas como elemento dinamizador do sector e para ter vivendas a prezo taxado.
A nova política enerxética, como elemento para crear máis de 8.000 postos de traballo ou a consolidación do Sistema Galego de Benestar, foron outros dos elementos destacados por Anxo Quintana, xa que, tal e como indicou, este novo instrumento será tamén “un nicho de creación de emprego” e un “incentivo ao investimento de empresas”.
“Galiza pode saír adiante aínda que haxa momentos difíciles”, continuou, “o que é necesario é unha política valente e con orientación”.
Caixas de aforros e xestión aeroportuaria consorciada
No coloquio cos empresarios, Quintana respostou ás perguntas que lle formularon sobre o Plan Zapatero de investimento en infraestruturas nos concellos e amosou as súas “dúbidas de que o plan teña efectividade práctica na xeración de emprego. Pode mellorar as cifras do paro en 6 meses, pero o problema estrutural só se pode solucionar se modificamos outras perspectivas económicas”, especificou, ao tempo que indicou que ten “erros de bulto” xa que, tal e como indicou, “en Galiza temos 35.000 núcleos de poboación e, un plan que só ten en conta o número de habitantes per. Se un plan de infraestruturas, só ten en conta o número de habitantes de cada concello perxudícanos”.
Tamén lle perguntaron ao candidato pola participación que deben ter as entidades públicas nos órganos de Administración das caixas de aforros e indicou que a proposta do BNG pode ser cualificada de “intervencionismo, non o vou negar, pero non podemos caer no fanatismo ideolóxico”, aclarou, “coa que está caendo, pensar que a solución vai vir dada polo modelo que nos levou ata aqui é apuntarse ao fracaso”, concluíu, “hai que apuntarse a modelos alternativos que inclúen a utilización pública de instrumentos. Isto é o que fai Gordon Brown en UK e o que apuntaba Obama”.
Quintana apostou por reformar o papel das caixas galegas cunha modificación da súa lei reguladora que “coordene as caixas de aforro galegas coa motivación central de que a accións de goberno se coloque na complicidade co mesmo obxectivo de acompañar e apoiar a economía produtiva”. Isto, segundo aclarou, non significa, necesariamente “unha nova regulación que implique o cambio dos Consellos de Administración” e amosouse “partidario de que os órganos de administración vaian pola profesionalización, non tanto intervención partidaria”.
Sobre as comunicacións galegas, Quintana indicou que no noso país está “sobredimensionada a infraestutura aeroportuaria, con tres aeroportos” polo que avogou por sermos “capaces de actuar de forma consorciada para competir con Porto, porque falamos de aeroportos comunicados por estrada en 40 minutos. Deben actuar de forma consorciada porque por si sós non vai gañar ningún”, concluíu.