16 febrero 2009

Más procesos de modernidad
en Deputación de Pontevedra

A empresa “R” será a encargada de comunicar ós seus 50 edificios
A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA SERÁ A PRIMEIRA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA GALEGA EN DISPOR DE
REDE MULTISERVIZO DE VOZ, DATOS E INTERNET

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o presidente da empresa “R” Cable e Telecomunicacións de Galicia, Arturo Dopico, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que vinculará ás dúas institucións no desenvolvemento da rede de comunicacións multiservizo do organismo provincial durante os vindeiros catro anos.
A empresa galega convértese, deste xeito, na adxudicataria dos servizos de telecomunicacións de voz, datos e internet da Deputación por importe total de 2.180.000 euros, o que representa un desembolso de 545.100 euros anuais por parte do ente provincial en materia de comunicacións.
“Esta colaboración”, destacou Louzán, “suporá para a Deputación un aforro de 60.000 euros anuais no período comprendido entre 2009 e 2013, e de 300.000 euros anuais a partires desa data, unha vez a infraestrutura estea asentada e consolidada”.
A rede multiservizo de telecomunicacións de R, que estará implantada nun prazo aproximado de 2 meses, prestará servizo a 41 centros da Deputación situados en 50 edificios diferentes, sendo o Pazo Provincial o núcleo das comunicacións deste entramado.
Neste sentido, o presidente provincial mostrou a súa confianza en que “a implantación total desta rede estea concluída en abril, ou, como moito, antes do verán”, ó tempo que salientou a importancia desta colaboración, que fará que “a Deputación de Pontevedra sexa a encargada de abrir o camiño para a instauración da administración electrónica en 2010”.
Pioneira
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra convértese nunha das administracións líderes en España na utilización das novas infraestruturas de fibra óptica. Non en balde, estas redes como a de R teñen maior capacidade, posibilidades de crecemento e adaptación ás novas demandas do mercado que as antigas redes de pares telefónicos, e supón un achegamento á modernización estratéxica das rexións europeas recomendada pola UE.
A Deputación de Pontevedra mostra así o camiño a outras administracións que, dez anos despois da liberalización das telecomunicacións en España, non sacaron aínda a concurso as súas comunicacións.
Vantaxes
R posibilitará, entre outras melloras, a dotación dun anel de fibra óptica dedicada, sendo a velocidade do anel troncal de ata 10 Gbps cos estándares ethernet actuais. Tamén dobre acceso a Internet de 100 Mbps, e dobre acometida no Pazo Provincial e Patronato de Turismo.
Disporase de electrónica de rede troncal redundante e mellorarase o caudal en máis do 43% das delegacións remotas. Realizaranse procedementos de posventa personalizados e contarase cun técnico in situ con 7 anos de experiencia en xestión de redes de datos e ToIP. Os servizos de datacenter integraranse na rede privada da Deputación, e contará cun espazo de 12 Us con acceso independente que facilita a externalización de calquera servizo.
R en Pontevedra
Pola súa banda, o presidente de “R”, Arturo Dopico, quixo agradecer á Deputación de Pontevedra “en primeiro lugar, por ter sacado a concurso esta adxudicación, posto que a competencia é a que fai que melloren os servizos, e, por suposto, pola confianza depositada na nosa empresa”.
En 2008 conectáronse por vez primeira á rede de “R” as localidades pontevedresas de Bueu, Cangas, Caldas de Reis, Cambados, A Estrada, A Guarda, Moaña e Pontecesures. Estes concellos inclúense así, dende agora, no grupo de poboacións conectadas directamente á rede de última xeración de R da que xa forman parte as localidades de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Poio, Marín, Redondela, O Porriño, Ponteareas, Lalín, Sanxenxo e O Grove.
No despregamento da rede de R na provincia de Pontevedra investíronse ata a data uns 216 millóns de euros e xa son máis de 71.000 os clientes que reciben os nosos servizos. Arestora uns 212.600 fogares e empresas están en disposición de recibir los servizos de teléfono fixo, internet de alta velocidade, televisión dixital e móbil R nesta provincia.
Nos plans de despregamento de R está activar a súa rede nas localidades de Baiona, Nigrán, Gondomar, Tui e Silleda. O investimento total acumulado nestas poboacións ascenderá a 30,46 millóns de euros, o que permitirá que preto de 42.000 fogares e negocios empresariais teñen acceso á rede de R.