12 febrero 2009

Se aviva la polémica en Mos
con el asunto de las galescolas

MOS (MORRAZO-tribuna).- O goberno municipal mosense quixo deixar clara hoxe a súa postura sobre a presencia de dúas galescolas na localidade. A Alcaldesa, Nidia Arévalo, pronunciouse tras realizar o pasado martes 10 de Febreiro unha visita ó Consorcio de Igualdade e Benestar, acompañada pola concelleira Ana Rodríguez Cabaleiro, con motivo do retraso que están a sufrir as obras tanto da galescola de Coto Torrón coma da nova ludoteca que se ubicará en San Rafael.

“Os membros do equipo de goberno do Concello de Mos non estamos dacordo con que a gardería infantil se convertise en galescola, pero cando eu cheguei á alcaldía o convenio co Consorcio xa estaba asinado e non puidemos facer nada”, declarou esta mañá a rexedora local.

Arévalo quixo aclarar tamén que “os anteriores dirixentes municipais mentiron ó asegurarlles ós veciños de Mos que a galescola resultaría menos custosa para o Concello que a gardería, xa se se está a pagar o mesmo pola actual galescola da Porteliña que o que se pagaba cando ese mesmo centro funcionaba coma gardería infantil”.

Sobre este tema a edil de Benestar Social, Ana Rodríguez, quixo denunciar tamén que a empresaria mosense que tiña a concesión da gardería municipal quedase no paro e que unha exconcelleira do BNG mosense traballe coma mestra da antiga gardería, agora galescola.

A Alcaldesa de Mos reforza a súa postura asegurando que “dende o goberno non queriamos dúas galescolas xa que, se en Coto Torrón se vai ubicar unha, non era necesario transformar a gardería tamén en galescola; así os pais non teñen opción de elixir se queren que os seus fillos estudien única e exclusivamente en galego ou non, e se se mantivese a gardería municipal coma tal, sí a terían”.

Nidia Arévalo aclarou tamén que a súa visita do pasado martes ó Consorcio, en Santiago, foi para lembrarlle ó seu xerente, Lois Pérez Castrillo, que “as obras de Coto Torrón e da nova ludoteca en San Rafael están sen empezar e que fai meses que se desaloxou ós ata entón usuarios deses centros para acometer ditas obras, que en realidade non se levaron a cabo; de xeito que as molestias que se lles causaron a estes veciños foron a todas luces innecesarias, posto que non se iniciaron os traballos previstos en ambos locais”. Sobre este tema Arévalo e Rodríguez lograron na reunión do martes o compromiso de Pérez Castrillo de que as obras comenzasen de inmediato.

Centro de día

A rexedora municipal adiantou ademais nas súas declaracións desta mañá que “tamén
fomos ó Consorcio a pedirlles un centro de día para os maiores de Mos, xa que o anterior equipo de goberno non foi capaz de pedilo e asinaron o convenio sen negociar a cambio ningún tipo de melloras para o Concello”. Tanto a Alcaldesa coma a concelleira consideran a construcción dun centro de día para maiores “algo moi necesario e demandado no municipio”. No caso desta solicitude, Lois Pérez Castrillo asegurou que estudiarán a posibilidade e viabilidade de acometer dita edificación e informou á rexedora local de que a vindeira semana un técnico do Consorcio persoarase no Concello para examinar in situ as opcións de ubicación para este centro. A edil de Benestar Social adiantou tamén que Concello e Consorcio chegaron, sobor deste tema, ó acordo de que o primeiro aporte os terreos, que poderán ser de propiedade municipal ou adquiridos, e o segundo asuma o custe da construcción do centro.