12 febrero 2009

Carmen Gallego aprovecha muy bien la tribuna de la World Fishing


VIGO (MORRAZO-tribuna).- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, asegurou hoxe que a World Fishing Exhibition Vigo 2009 suporá unha oportunidade para fortalecer o liderado que lle corresponde xogar a Galicia no debate aberto internacionalmente sobre o futuro da actividade pesqueira, ao tempo que posibilitará estreitar a colaboración con terceiros países e potenciar a proxección internacional da industria pesqueira galega. Así o puxo de manifesto durante a súa intervención no acto de presentación desta mostra, que terá lugar en Vigo do 16 ao 19 de setembro.

Ademais, Gallego afirmou que a Exposición Mundial da Pesca permitirá pulsar a resposta do sector aos desafíos do futuro, tanto no eido do desenvolvemento de novas tecnoloxías para garantir a sustentabilidade desta actividade, como no reforzo a nivel internacional das estratexias de loita contra a pesca ilegal.

Neste punto, sinalou a aposta do Goberno galego por compatibilizar o desenvolvemento da actividade económica co respecto ao medio ambiente, o que na práctica se traduciu nun novo enfoque das políticas da protección do medio mariño, comprometendo aos profesionais do sector pesqueiro na conservación dos recursos. Así mesmo, a Conselleira de Pesca explicou que o compromiso coa sustentabilidade fixo que o seu departamento apoie activamente as administracións española e europea na súa estratexia de loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
A pesca ilegal pon en perigo a sustentabilidade das pesquerías, afecta negativamente á rendibilidade das frotas que faenan legalmente e constitúe unha ameaza para a seguridade alimentaria e os ingresos das comunidades costeiras dos países en desenvolvemento. Por esta razón, Gallego destacou a importancia do Cumio pesqueiro sobre sustentabilidade promovido pola FAO e o Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino co gallo da Exposición.
Así mesmo, sinalou como novidade nesta edición da World Fishing Exhibition a inclusión de Aqua Farming, un espazo específico para o sector da acuicultura que dá mostra da importancia crecente dos cultivos mariños no aprovisionamento mundial de peixe. Neste ámbito, cabe destacar o feito de que Aqua Farming nace coincidindo coa celebración da WFE na comunidade que é un referente no cultivo de especies como o mexillón ou o rodaballo e que se dotou dun plan de acuicultura modelo para o desenvolvemento dunha actividade sustentable en Europa.

A Conselleira de Pesca manifestou a súa satisfacción polo feito de que Vigo acolla por sexta vez, dende o ano 1973, unha nova edición da World Fishing Exhibition e trasladou os seus parabéns á organización por converter a esta cidade e a Galicia no referente da industria pesqueira internacional, ao tempo que lle amosou todo o apoio do Goberno galego.

Segundo Gallego Calvar, as cinco edicións da Exposición que se celebraron anteriormente na cidade olívica permiten seguir a evolución da nosa industria pesqueira dende as primeiras mareas da frota conxeladora, á ampliación das zonas económicas exclusivas a 200 millas, a adhesión á Comunidade Económica Europea, o desenvolvemento das organizacións rexionais de pesca e de novas fórmulas de acceso aos recursos ou un maior compromiso co desenvolvemento económico dos países terceiros.

A titular de Pesca fixo un repaso pola historia da expansión oceánica da actividade pesqueira galega e indicou que ese proceso de internacionalización da nosa frota anticipouse ao fenómeno de globalización máis recente noutros sectores económicos. Así mesmo, engadiu que a industria pesqueira mantívose como unha das chaves da nosa economía e gañou peso no panorama pesqueiro internacional.

Neste eido, Carmen Gallego dixo que, nos últimos catro anos, a Xunta de Galicia traballou para que a pesca galega adquira cada vez maior protagonismo nos foros de decisión comunitarios e na esfera internacional. Boa proba disto é o feito de que se promoveu o diálogo constante coa Comisión Europea e a presenza da nosa comunidade autónoma en todas as organización e foros de pesca de carácter comunitario e internacional.

Ademais, Galicia participa activamente no debate aberto sobre a reforma da política común de pesca, co fin de contribuír á construción dunha auténtica política pesqueira europea de futuro, onde se recoñeza a importancia de manter un sector estratéxico para o abastecemento alimentario da Unión Europea e para o desenvolvemento económico das comunidades costeiras.


Así mesmo, a Conselleira tamén destacou o impulso dado ás políticas de colaboración en materia de investigación e formación con países do entorno europeo, Latinoamérica e África, así como o fortalecemento da cooperación ao desenvolvemento en materia pesqueira, xa que teñen contribuído tamén de maneira decisiva ao recoñecemento internacional de Galicia como país pesqueiro cuxo saber facer é demandado por outros gobernos.

Carácter imbatible dos empresarios pesqueiros
Na súa intervención, Carmen Gallego fixo fincapé no carácter imbatible dos empresarios pesqueiros galegos, que non só se creceron ante as dificultades senón que ademais souberon superalas, explorando alternativas innovadoras. Indicou que iso é todo un exemplo de como se debe enfrontar a sociedade á actual crise económica internacional.

Segundo explicou a Conselleira, ata a data a industria pesqueira en xeral permaneceu á marxe dos graves efectos desta crise internacional noutros sectores da economía, aínda que concretou que existen empresas con dificultades. Deste xeito, insistiu en que dende o Goberno galego se está a traballar conxuntamente con estas empresas para facilitarlles o acceso aos instrumentos que teñen á súa disposición para refinanciar os seus pasivos a través do Igape.

A titular de Pesca tamén destacou que é necesario seguir traballando conxuntamente fronte á crise para darlle máis forza a Galicia. Neste sentido, dixo que ningún proxecto viable quedará sen o apoio da Administración pesqueira galega. De feito, considerou necesarias iniciativas innovadoras, especialmente no ámbito da comercialización, para mellorar a competitividade das empresas pesqueiras galegas. Así, lembrou que xa se están dando os primeiros pasos nesta dirección e existen varios proxectos novidosos, aínda que reclamou un maior esforzo, especialmente tendo en conta que a rendibilidade das empresas xógase no mercado.