VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, resaltou hoxe “a transparencia e austeridade que preside a acción do Goberno galego” e atribuíu á “estratexia electoral dun partido político que non ten nada que dicir, que propor nin que contar” os intentos de converter o proceso electoral “nun barrizal”. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Pérez Touriño acusou ao Partido Popular “e aos seus estrategas políticos” de promover “acusacións falsas” contra o Executivo autonómico e asegurou que “nin Galicia nin os galegos se merecen ese comportamento.”
O titular do Goberno autonómico insistiu en que “a Xunta de Galicia actúa con absoluta transparencia, cumprindo a lei e a norma” en todos os casos e, en particular, en relación coas obras prevista en San Caetano. A ese respecto, Pérez Touriño subliñou que neste caso se actúa de acordo a un procedemento “estandarizado” e previsto na Lei de Contratos do Estado, precisamente o mesmo que empregou o anterior goberno galego para a construción da residencia oficial de Monte Pío, “cunha diferenza pequena” de contía, ironizou, xa que naquel caso ascendía a 30 millóns de euros. Pérez Touriño destacou que naquel momento “desde a oposición o entendemos razoable, e os medios de comunicación, tamén”.
“Trátase dun procedemento de contratación previsto na Lei de Contratos do Estado, por certo, exactamente o mesmo, iso si, cunha contía un tanto diferente”, ironizou Touriño, “que o utilizado polo Goberno anterior para a contratación das obras da Residencia Presidencial de Monte Pío, a diferenza era pequena, me parece recordar que co mesmo procedemento previsto na Lei, cunha posición diferente por parte da oposición política e de alguén máis, ante aquelas obras que custaron 30 millóns de euros”. Así atribuíu o cambio de posición a que “estamos en campaña electoral e o presidente é outro”.
O presidente galego rexeitou que se queira converter “en pedra de escándalo” o feito de que “no ano 2007 desde os servizos centrais, correspondentes á Consellería de Presidencia se estimase que era necesaria unha reformulación da sala de prensa oficial do Consello da Xunta e das únicas salas de que dispón a Administración autonómica en San Caetano e que coñece todo o mundo”. Unhas obras, engadiu, realizadas mediante un procedemento “ordinario e previsto na Lei porque efectivamente se manexa información que ten que ver coa rede de comunicación do Goberno e os servizos de comunicación do Goberno do país”.
A este respecto, Emilio Pérez Touriño asegurou que todos os datos relacionados con estas obras estarán a disposición da Cámara galega cando esta os solicite “como sempre se fixo”, polo que afirmou que “non hai restrición nesa dirección”.
Un procedemento informativo sobre as eleccións na provincia de Pontevedra
O presidente da Xunta referiuse, tamén, ás informacións sobre a organización do proceso electoral do vindeiro 1 de marzo na provincia de Pontevedra e explicou que, segundo o informe que solicitou “con carácter inmediato á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza” existe un procedemento “habitual, estandarizado”, polo cal a Consellería pon a disposición do proceso electoral un colaborador por mesa “que non forma parte polo tanto nin da Xunta Electoral nin do persoal electoral”, que a primeira hora da mañá debe dar a información sobre a constitución da mesa, e logo volver a subministrar información ás 12.00 e ás 18.00 horas. Pérez Touriño asegurou que a Xunta busca a estes arredor de 4.000 colaboradores a través das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia que se poñen en contacto, á súa vez, cos secretarios dos concellos. “Este é o procedemento habitual, normal, estandarizado, e práctica habitual cando hai eleccións”, asegurou Touriño.
“Como no caso particular da provincia de Pontevedra ten xurdido unha información que pon de relevo a posibilidade de que non se tiña cumprido así, lles podo dicir que a Consellería de Presidencia vén de abrir con carácter urxente e inmediato un procedemento informativo de resolución inmediata e que, no caso de que se verifique que nese caso particular se ten producido calquera desviación, será rectificada inmediatamente en todo o procedemento e proceso”, engadiu.
Dividir co tema da lingua, “o peor que lle pode ocorrer a Galicia”
Pérez Touriño asegurou, ademais, en relación ao galego, que “querer segregar, dividir e confrontar a este país co tema da lingua é o peor que lle pode ocorrer a Galicia”. ”Penso que o Partido Popular está axudando moi pouco. Non ten ningunha proposta para axudar. Para arrimar o ombreiro na creación de emprego, nada; pero para confrontar, para segregar e dividir, todo”, engadiu o presidente galego.
“Creo que non hai base razoable”, asegurou Touriño, quen explicou que, “como debe ser” a Xunta aplica unha Lei de normalización lingüística e un Plan de normalización lingüística que se aprobou de maneira unánime no Parlamento galego. “E volvemos ao de sempre, cando estabamos nós na oposición non pasaba nada, agora que son eles agora si, agora hai un problema”, afirmou o presidente galego. “Sen embargo, cando o PP gobernaba, para o que non fixeron nada foi para que estudaramos inglés, non puxeron un euro. E agora temos un Goberno que anticipa o inglés aos 3 anos, e que manda aos rapaces que de maneira privada non poderían ir a estudar inglés ao estranxeiro”, remarcou.