VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-Nun escenario caracterizado polo crecemento do paro e a crise económica, o futuro Goberno do PPdeG implantará unha política de benestar baseada en catro eixes fundamentais: apoio ás familias, igualdade de oportunidades para todos os galegos, rigor e austeridade na xestión dos recursos públicos e prestación de servizos públicos de calidade a todos os usuarios, segundo explicou o líder dos populares galegos, nun acto celebrado esta mañá na sede compostelana da Asociación de Pais de Persoas Discapacitadas
O reto, en materia de familia, pasa por habilitar medidas que alixeiren a carga que se deriva do nacemento e crianza dos fillos, parto tamén do coidado de persoas maiores ou enfermos. Para iso, o PPdeG prevé a creación dun Consello Galego de Política Familiar, no que os destinatarios das medidas e a propia Administración, aúnen criterios e perfilen programas de actuación. Feijóo impulsará unha Lei de apoio ás familias para blindar dereitos e prestacións fronte a tentacións arbitrarias dos Gobernos de turno. A Xunta garantizará prazas de gardería suficientes para atender toda a demanda dos nenos de idades comprendidas entre os cero e tres anos, implantará novas medidas de apio ás familias numerosas, familias monoparentais e viúvas.
VIVENDA
Se en 2005 un mozo galego debía destinar o 42.5% dos seus ingresos para acceder a unha vivenda en propiedade, ese obxectivo tornouse practicamente inalcanzable tres anos máis tarde, en 2008, por ter que destinar xa o 71.9% a esa finalidade. Para superar esas dificultades, o PPdeG apostará por fomentar o alugueiro, impulsar a saída ao mercado de máis vivendas sociais e promover a rehabilitación, tanto no medio urbano, como no rural.
En materia de consumo, os populares galegos prevén aprobar un novo estatuto do consumidor, acorde cos tempos actuais, impulsar a arbitraxe de consumo e crear unha oficina de atención aos usuario de servizos bancarios.
EDUCACIÓN DA CALIDADE
Para Feijóo, un sistema educativo de calidade resulta esencial para consolidar o despegue económico e social de Galicia. A tal efecto, o PPdeG atallará os elevados índices de fracaso escolar que se rexistran na Comunidade a través de medidas que impulsen a calidade educativa, apostará pola formación profesional, propiciará un pacto social pola educación, estenderá o uso da tecnoloxías da información nas aulas, promulgará unha norma para facilitar a convivencia e reducirá a elevada conflitividade dos centros e prestixiará a profesión docente, recuperando a autoridade dos ensinantes. O trilingüismo –galego, castelán e inglés- será outro dos obxectivos do PPdeG, consciente de que a globalización económica vai unida ao coñecemento de idiomas.
A sanidade é outro dos piares dos sistema de benestar que Feijóo pretende blindar na próxima lexislatura. Para lograr ese obxectivo, o PPdeG fixará por lei os tempos máximos de espera de calquera paciente na sanidade pública: 60 días para unha intervención cirúrxica e 45 días para a primeira consulta co especialista. Crearanse unidades específicas de atención á muller e porase en marcha un plan para a mellora das infraestruturas sanitarias, acelerando a execución dos proxectos previstos e poñendo en marcha novas actuacións en hospitais e centros de saúde.
Igual de transcendente resulta a atención á dependencia, apartado no que Feijóo se compromete a facer efectivas as prestacións recollidas nunha lei que non se cumpriu ata o de agora, axilizar os trámites necesarios para o recoñecemento deses dereitos e poñer en marcha un Consello Galego da Dependencia no que estean representados os concellos, a Xunta e os usuarios. Canto a dotacións, o Executivo do PPdeG habilitará centros de día en todos os concellos de máis de 1.500 habitantes e, como mínimo, unha residencia de maiores en cada comarca galega, ademais de implantar un sistema se atención a domicilio orientado a promover a independencia persoal dos maiores e dependentes.
Para as persoas con discapacidade, o PPdeG prevé universalizar a accesibilidade e unha redución de impostos. No acto sectorial de hoxe, Feijóo reiterou tamén o seu compromiso persoal de dotar de tarxeta sanitaria aos emigrantes galegos e promover as reformas necesarias para que os residentes ausentes voten en urna para ofrecer plenas garantías de transparencia democrática na participación electoral dos galegos do exterior.
DEPORTE
Consciente de que o deporte é esencial para un correcto desenvolvemento dos nenos e mozos e para conservar a saúde a calquera idade, os populares galegos inclúen no seu programa electoral a promulgación dunha nova lei do deporte, a posta en marcha dun plan de dotación de instalacións deportivas e medidas de apoio aos deportistas galegos de alta competición.
Lograr a plena igualdade entre homes e mulleres, superando roles sexistas, constitúe outra das metas do PPdeG. Feijóo adiantou a súa intención de reforzar especificamente a formación das mulleres, apoio ás mulleres emprendedoras, impulsar un acordo a prol da igualdade salarial sen diferenzas de xénero e facer efectivas medidas encamiñadas á flexibilidade laboral para poder compatibilizar o traballo remunerado coas obrigas familiares.