VIGO (MORRAZO-tribuna).-A Concellería de Benestar distribuiu o pasado ano 1.757 axudas de emerxencia por valor de 370.000 euros, segundo anunciou hoxe a concelleira María Méndez. Estas axudas, que se poden solicitar a través das Unidades Básicas de Acción Social, están dirixidas as persoas de poucos rescursos, que por cuestións puntuais precisan recursos económicos para facer fronte a cuestións básicas.
A nacionalista explicou que estas axudas van dirixidas a actuacións como arranxo de vivendas, gastos sanitarios, aloxamento, adquisición de mobiliario ou roupa... A concelleira salientou que inicialmente se partía dun orzamento de 262.000 euros que foi ampliado ata os 370.000 euros para dar cobertura a todas as peticións que foron chegando ao departamento. Recoñeceu que nos últimos meses do ano se tiña deixado sentir o efecto da situación económica co incremento das solicitudes.
María Méndez adiantou que este ano hai xa reservada unha partida de 266.000 euros, pero garantiu que se irá incrementando ao longo do ano para cubrir todas as necesidades que xurdan. “Sempre que se necesiten esas axudas van a ser prioritarias. Incrementaremos todo o que sexa necesario, como fixemos este ano, achegando fondos doutras partidas ou a través de aportacións da Vicepresidencia da Xunta”, sinalou.
A concelleira de Benestar Social fixo fincapé no importante incremento rexistrado no número de solicitudes para arranxo de vivenda. Explicou que 2007 actuouse en 15 e o ano pasado chegouse ata 40, cun investimento de 61.000 euros. Segundo dixo, son fundamentalmente obras en viviendas de xente maior para a eliminación de barreiras arquitectónicas.
María Méndez indicou que as axudas para arranxo de vivendas poden chegar ata os 3.000 euros. En canto ás aportacións para facer fronte ao pago de subministros (auga, luz, gas..) teñen un tope máximo de 450.000 euros ao ano e as de gastos persoais de 400.000 euros.