ARCADE/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O deputado de Pesca da Deputación de Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu este serán á Federación Provincial de Confrarías de Pescadores, en Arcade, para asinar co seu presidente, Manuel Pazos, o contrato que vinculará ás dúas institucións no desenvolvemento dun programa mancomunado de prevención de riscos laborais que dea servizo a todas as confrarías da provincia, que suporá un investimento total de 60.000 euros por parte do organismo provincial.
Esta axuda, que servirá para consolidar as ofrecidas nesta liña dende o ano 2006, oriéntase, ademais do sector pesqueiro de baixura, ós subsectores do marisqueo a pé. Isto implica que a Federación deberá levar a cabo distintas accións, como coordinar o Servizo de Prevención Mancomunado de Riscos Laborais (SPM) e asesorar ás confrarías, adquirir medios materiais e contratar ó persoal técnico necesario para desenvolver o SPM, así como supervisar e controlar os plans de actuación preventivos nas empresas mancomunadas.
Reguera, quen salientou que “a actividade pesqueira é unha das profesións máis perigosas segundo as estatísticas de accidentabilidade laboral, debido ás condicións especiais nas que se leva a cabo o traballo”, recordou que “xa no ano 2006, a Deputación apoiou a posta en marcha deste servizo mancomunado que tiña por obxecto concienciar ó sector pesqueiro de baixura no cumprimento da actual normativa en seguridade laboral e hixiene a bordo das embarcacións”.
A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, agrupa ás 21 confrarías da provincia, ostentando a representación do subsector da pesca de baixura e o marisqueo, composto por preto de 15.000 persoas.