Elena Salgado, nova vicepresidenta do Goberno central traballou no sector das telecomunicacións despois de ter sido secretaría xeral de Comunicacións, feito que o PSOE galego intenta obviar
O CINISMO DO PSOE LÉVAOS A CRITICAR A UN DEPUTADO DO PPdeG POR INCOPORARSE A UNHA EMPRESA, COMO FIXERON CENTENARES DE DIRIXENTES SOCIALISTAS
-Ruiz Rivas anima aos PSOE a dedicar as súas enerxías a propoñer alternativas para superar a crise que eles provocaron en lugar de deseñar estratexias estériles que só buscan atentar contra a honorabilidade e o bo facer dun parlamentario de traxectoria intachable
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Cinismo sen límites. Os socialistas galegos critican as responsabilidades profesionais desempeñadas polo actual deputado popular Agustín Hernández Fernández de Rojas, ignorando que a actual ministra de Administracións Públicas e vicepresidenta do Goberno central traballou no sector das telecomunicacións inmediatamente despois de abandonar o cargo de secretaria xeral de Comunicacións, na última lexislatura de Felipe González.
En opinión do portavoz do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Manuel Ruiz Rivas, a actitude que está a amosar o PSdeG-PSOE revela a falta de escrúpulos dos socialistas galegos, que non teñen reparos en utilizar as mentiras e a manipulación con tal de tratar de erosionar ao PPdeG.
“A pesar de que a situación de Agustín Hernández era e segue a ser legal, os socialistas galegos, carentes de argumentos de peso cos que cuestionar ao PPdeG, presentan unha obsesión pola mentira que acabará por desacreditalos ante a opinión pública”, agrega Ruiz Rivas.
Ao seu xuízo, farían ben os socialistas galegos en dedicar máis enerxías a propoñer alternativas para superar a crise na que Galicia se atopa inmersa como consecuencia, en boa parte, da súa xestión no bipartito, que a deseñar estratexias estériles baseadas en bulos infundados que só buscan atentar contra a honorabilidade e o bo facer dun parlamentario de traxectoria intachable.