Ata o xoves, 2 de abril, nas ETSE de Minas, Industrais e Telecomunicación
Universidade e empresa comparten experiencias e coñecementos no IX Foro Tecnolóxico de Emprego
Un achegamento ao mundo laboral para os futuros enxeñeiros
VIGO/PONTEVEDRA (Lucía Costas | Diario da Universidade de Vigo)
Unha trintena de empresas participan, desde hoxe e ata o vindeiro xoves, 2 de abril, no IX Foro Tecnolóxico de Emprego que se celebra no campus de Vigo co obxectivo de achegar aos futuros enxeñeiros o mundo laboral. Vicente Vázquez, coordinador xeral do evento, deu a benvida aos asistentes “a esta experiencia única na relación fluída e estreita entre empresa e universidade, un punto de encontro para a institución que forma enxeñeiros e para os empregadores destes”. Deste xeito, daba comezo, no vestíbulo da ETSE de Minas,o acto de inauguración do foro, presidido polo reitor, Alberto Gago; Santos Héctor, concelleiro de Emprego da cidade de Vigo; Joselino Comesaña, director do Instituto de Desenvolvemento de Caixanova e Edita de Lorenzo, Luís González e Pedro Arias, directores das ETSE de Telecomunicación, Industriais e de Minas, respectivamente.
Todos coincidiron en sinalar que se trata dunha oportunidade para compartir inquedanzas e coñecementos, “unha experiencia exclusiva, interesante e moi distintiva no panorama universitario español”, aseguraba Alberto Gago quen tamén se refería ao evento como “unha iniciativa dos estudantes para os estudantes”. Un punto de encontro, proseguía o reitor, “onde todas as empresas poden descubrir a calidade, a competencia e o dinamismo que posúen todos os nosos titulados e onde, tamén estes, coñecen os sectores que nos rodean e a masa crítica coa que contan”.
Comesaña, pola súa parte, destacaba “o apoio aos sectores produtivos e ao fomento da empregabilidade” como un dos piares da Obra Social Caixanova. Neste senso, tamén se pronunciaba o concelleiro Santos Héctor, destacando "o espírito emprendedor da Universidade e da cidade de Vigo, que nos distingue e fai importante”. Gago concluía, na mesma liña, apuntando que “cando os resultados van peor é cando hai que pensar no mellor capital humano” e desexando moito éxito “traducido en contratos laborais”.
A inauguración rematou cunha visita aos 20 stands instalados no vestíbulo da ETSE de Minas.
Coa participación de empresas como Bosch, Seat, Altran e R
Accenture, Altia, Altran, Caixanova, Bosch, Deloitte, Eures, Oesía, R, Russula, Seat e Tenocom son algunhas das preto de 30 empresas participantes e unha ducia de colaboradores presentes nesta novena edición do Foro Tecnolóxico de Emprego. Un evento que conta cunha organización de máis de 80 persoas, divididas en distintas comisións e equipos de traballo, pertencentes á delegación de alumnos das catro escolas de enxeñaría do campus vigués.
Dos 20 stands, 18 pertencen a diferentes entidades, un á propia organización e outro á presentación de proxectos da Universidade. Neste último, os departamentos das escolas levan a cabo demostracións das súas liñas de investigación e traballos de interese, como é o caso do Departamento de Enxeñaría Telemática e o seu proxecto “OpenSocial” ou o de “Enxeñaría da Corrosión e Materiais” do Grupo Encomat.
Entre os stands das empresas, onde se recollen currículos, ofertan bolsas e realízanse exhibicións, destacan pola súa maior amplitude o de Altran, Bosch, Oesía Networks e R. Os postos estarán abertos ao público esta tarde ata as 20.00 horas, mañá de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas e o xoves de 10.00 a 13.00 horas.
Workshops, coffee break, conferencias e mesas redondas compoñen a programación
Aínda que foi inaugurado ás 13.00 horas, o Foro Tecnolóxico de Emprego, comezou a primeira hora da mañá co workshop de Altran, dirixido aos alumnos de último curso onde se lles ensinaba cómo facer un bo currículo vitae e afrontar un proceso de selección. Paralelamente comezaban os primeiros relatorios.
A xornada de hoxe complétase con outras catro conferencias en horario de tarde. No salón de graos da ETSE de Telecomunicación sucederanse as presentación de Egatel, fabricante líder en España de transmisores y reemisores para televisión analóxica ou dixital; da consultora multinacional Everis, na que se expoñerá Servizo de valor en tempos de crise e da FEUGA, co relatorio Os programas de bolsas de formación de FEUGA. Unha ponte cara o mercado laboral. Ás 17.30 horas, no salón de actos da ETSE Industriais, Constantino García, vicedecano do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, falaralles aos futuros enxeñeiros das súas saídas profesionais.
O foro continuará durante toda a xornada de mañá mércores e ata ás 13.00 horas do xoves, momento no que se celebrará o acto de clausura. Ata entón, estudantes e profesionais poderán complementar a súa formación e coñecer máis polo miúdo o mundo empresarial a través das diferentes actividades ofertadas: asistencia a máis dunha ducia de relatorios e á mesa redonda, que abrirá a última das xornada poñendo a debate unha cuestión de máxima actualidade, O impacto do Plan Boloña na relación empresa-universidade, na que intervirán representantes de Caixanova, Altia, R e Russula; e tamén a participación nun coffee break, programado para as 18.00 horas do mércores no comedor da ETSE de Minas, co obxectivo de tomar contacto cos representantes das diferentes entidades presentes no encontro. Así mesmo, cabe destacar a exposición do proxecto do pico satélite Xatcobeo no que están a participar alumnos e profesores da ETSE de Telecomunicación e que terá lugar tamén mañá, ás 16.00 horas, no salón de graos da ETSE de Telecomunicación.
Todas os relatorios retransmitiranse en directo a través de UvigoTV. Ademais, aqueles alumnos que asistan a todas elas e á mesa redonda recibirá un crédito de libre elección.