08 abril 2009

El PP cree que es un escándalo en toda regla la labor de zapa que observa en el adiós de los Touriño´s

O bipartito oculta a orde do día do Consello da Xunta de hoxe e elude nomear interlocutores para avanzar en cuestións urxentes co argumento de que serán os conselleiros saíntes os que informen aos entrantes
O PPdeG négase a que o bipartito trate de designarlle os interlocutores para o traspaso de poderes
· Os populares galegos lamentan que 38 días despois das Eleccións e a 6 días hábiles da toma de posesión do novo Goberno o bipartito siga retrasando o trasvase de información
· Reiteran que a sucesión de adxudicacións efectuadas polo Goberno en funcións, a aceleración da execución presupostaria nos últimos meses e o estado das arcas públicas evidencian unha actitude entorpecedora por parte do equipo saínte

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A segunda reunión celebrada entre os representantes do PPdeG e do Goberno bipartito para avanzar no traspaso de poderes saldouse co convencemento de que o bipartito continúa empeñado en retrasar deliberadamente o trasvase de información ao equipo entrante, a pesar de que transcorreron xa 38 días desde a celebración das Eleccións autonómicas e restan só 6 días hábiles para a toma de posesión do presidente da Xunta.

O deputado popular Pedro Puy, que xunto co tamén parlamentario Agustín Hernández, representou ao PPdeG na xuntanza co conselleiro da Presidencia e co secretario xeral da Presidencia da Xunta lamenta que, en contra do que ven sendo habitual neste tipo de situacións, o bipartito se negase a informar aos populares galegos sobre o contido dos asuntos que conformarán a orde do día do Consello previsto para mañá. Antes da toma de posesión de Zapatero, e desde a semana seguinte ás Eleccións, un equipo do PSOE foi permanentemente informado sobre os asuntos incluídos nos Consellos de Ministros mentres Aznar exerceu a Presidencia do Goberno en funcións.

O BIPARTITO QUERE IMPOÑER OS INTERLOCUTORES DO PPdeG

Nesta liña, os representantes do Goberno galego en funcións tampouco accederon á petición do PPdeG de dispoñer, desde xa, de interlocutores no equipo saínte para coñecer os detalles de asuntos que deberían ser obxecto dun seguimento prioritario, tal e como lle foi solicitado na reunión da semana pasada.

O PPdeG pretendía que os seus negociadores pudiesen contar con interlocutores para coñecer o funcionamento e estado de situación do dispositivo antiincendios forestais da Xunta de Galicia; situación na que se atopa o Plan de Ordenación do Litoral visto que o vindeiro 17 de maio se cumprirán 2 anos de vixencia da Lei do Litoral; situación do sector lácteo, dados os problemas relacionados coa recollida do leite e o seu prezo de orixe; situación das liñas de actuación do IGAPE no tecido empresarial galego (avais, axudas financeiras…); e situación do concurso eólico.

Sen embargo, o bipartito optou por ignorar esta petición e limitouse a informar que para afondar no coñecemento destes asuntos, o PPdeG deberá agardar a que sexan designados os novos conselleiros, que terán como interlocutores exclusivos aos conselleiros saíntes. O bipartito pretende condicionar así a designación dos interlocutores do PPdeG nun intento paralelo de forzar aos populares a adiantar os nomes dos futuros conselleiros.

ESTRATEXIA DE ENTORPECEMENTO

Pedro Puy vincula esta estratexia de entorpecemento con outras prácticas reprobables nas que está a incorrer o Goberno en funcións, como a adxudicación masiva de obras públicas, despois das Eleccións Autonómicas, para condicionar a marxe de manobra do próximo Goberno. Sinala, como exemplo, o Tramo I da vía de alta capacidade Tui-A Guarda, por un importe de 44,8 millóns de euros (mesa de contratación celebrada ao 13 de marzo e adxudicación provisional o 25 de marzo). Outro tanto sucedeu co treito Celeiro-San Cibrao da VAC da Costa Note, adxudicado provisionalmente o 1 de abril por 32,3 millóns de euros, logo de que a apertura de ofertas económicas se celebrase tan só dous días antes, o 30 de marzo.

Este feito vese agravado por unha execución presupostaria máis elevada que os anos anteriores durante os primeiros meses de 2009 ou mesmo o estado de tesourería que, a pesar das información oficiais, non é en absoluto comparable coa recibida polo bipartito hai 4 anos. Nesta ocasión, a toma de posesión producirase no mes de abril, mentres que hai catro anos se celebrou en agosto, avanzado o segundo semestre, e cun presuposto global máis baixo que o actual.