O CONSELLO DA XUNTA DECLARA MAÑÁ A FESTA DA TROITA DE OROSO, A FESTA DO POLBO DE MUGARDOS, A FESTA DO MONTE DA GUARDA E O ENCONTRO DEGUSTACIÓN DO MILLO CORVO DE BUEU COMO FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO
-As catro celebracións constitúen manifestacións moi arraigadas da cultura tradicional do país e contribúen á conservación dos valores identitarios. A Consellaría de Innovación e Industria informou favorablemente sobre elas en febreiro e elevou a proposta ao Consello da Xunta que ratificará mañá a súa declaración como Festas de Interese Turístico.
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Consellaría de Innovación e Industria valorou as solicitudes efectuadas, e comprobados os requerimentos das declaracións, estimounas favorabelmente e elevou as propostas de declaración de Festas de Galicia de Interese Turístico ao Consello da Xunta.
O concello de Oroso solicitou a declaración da festa da troita como Festa de Interese Turístico. A Festa da Troita vense celebrando dende o ano 1997 no mes de maio, co cal cumpre o requisito das dez edicións esixidas. Este arraigamento maniféstase nunha notable participación dos veciños/as e visitantes, un 30.000 na última edición, o que ponde manifesto o poder de atracción deste evento. Recibe o seu nome da abundancia da boa pesca que se atopa principalmente no río Tambre. Tamén se realizan actividades deportivas, como o concurso de Pesca da “Troita”, e actividades culturais, ademais das propiamente gastronómicas,
Revisada a solicitude de declaración de “Festa de Interese Turístico” da “Festa do Polbo” que formulou o concello de Mugardos, comprobouse que se achegou toda a documentación esixida no artigo 25 do decreto 39/2001. A “Festa do Polbo” vense celebrando dende o ano 1990 no mes de xullo. No século XVIII Mugardos pode que fose o porto máis importante no norte de Galiza na pesca do polbo. Con esta carga histórica na pesca do polbo, é normal que o polbo constitúa o prato típico da vila , co valor engadido da súa peculiar forma de preparación “polbo á mugardesa”. A “Festa do Polbo” ten a súa orixe nunha festa que os veciños de Mugardos celebraban ao final do verán e que popularmente se chamaba “A xira ao Baño”, na década dos oitenta esta festa pasa a ser organizada pola comisión de festas e xa no ano 1990 o Concello aproba o compromiso de participar na festa e nace así a “I Festa do Polbo”.
Por outra banda, a Festa do Monte vense celebrando na Guarda dende o ano 1913 na segunda semana de agosto, co cal excede amplamente o requisito das dez edicións esixido pólo Decreto. A festa xurdiu pola iniciativa dun grupo de guardeses (moitos emigrantes retornados), que constituíron unha sociedade destinado ao coidado dun monte tan singular como é o de Santa Tegra. O seu arraigamento maniféstase nunha notable participación de veciños e visitantes (galegos, do resto do estado e de Portugal). Entre as actividades lúdico festivas podemos citar: pasacalles, pregón, obradoiros e espectáculos para nenos, concertos, encontro de bandas mariñeiras, festival roc, gran desfile folclórico tradicional do Monte, romaría no Monte Santa Tegra, etc.
Tamén se informou favorabelmente á solicitude da Asociación Cultural Meiro, responsábel da organización da Festa Degustación do Millo Corvo, e co informe de confirmación de apoio do Concello de Bueu para a declaración da festa como Festa Galega de Interese Turístico. A Festa supón un proceso de recuperación etnográfica, educativa, gastronómica, cultural e socioeconómica cunha singularidade manifesta, pólas actividades desenvolvidas. A Festa do Millo Corvo non só se resume na Degustación celebrada no mes de marzo, senón nunha actividade anual de sementeira, cava e renda, rega, corta e empalleirado, escollada e debullada, muiñada, amasado e cocido levada a cabo na aldea de Meiro e pólos seus veciños.
As festas cumpren os requisitos establecidos no Decreto 39/2001, pólo cal se informou favorablemente a súa declaración como festas de interese turístico.